luns, 13 de abril de 2020

Unha feliz catástrofe


Turin, A. & Bosnia, N. (2014). Unha feliz catástrofe. Pontevedra: Kalandraka (ISBN: 978-84-8464-888-8).

Descrición do formato e do contido: Unha feliz catástrofe é un álbum ilustrado con tapas duras feito de cartoné. O texto é de Adela Turin e as ilustracións de Nella Bosnia. Ten un tamaño de 21x27cm. É un conto recomendado para nenas e nenos a partir dos 5 anos. A cuberta e contracuberta forman unha única imaxe, vista desde perspectivas diferentes e complementarias, cuxos protagonistas son os membros dunha familia de ratos enriba dunha mesa que frota na auga que orixinou a catástrofe. Na parte superior da cuberta aparecen os nomes da autora e ilustradora, así como o título en letras brancas e claras, mentres que na contracuberta se ofrece unha breve sinopse da historia narrada.

O álbum narra a historia dunha familia de ratos na que a nai desempeña o rol de ama de casa, mentres que o pai vai ao traballo e cando chega á casa non colabora nas tarefas do fogar. Un día a casa inúndase e a nai encárgase de pór a salvo aos seus fillos, xa que o pai estaba traballando. Cando o pai chega segue as súas pisadas e atópaos dentro dun caixón durmindo. A partir de aí todo cambia. Agora é a nai a que sae en busca dun novo fogar, o pai faise cargo das tarefas da casa e os fillos parecen ser máis felices. As ilustracións a toda páxina caracterízanse por ser moi detalladas e ampliar a información do texto, de modo que propician unha lectura visual activa.
Este conto ensínanos a importancia de colaborar nas tarefas do fogar toda a familia e que os máis pequenos medren observando modelos de conduta máis equitativos, nos que se poña en valor a igualdade. O texto é sinxelo e cunha estrutura lineal, breve e cun vocabulario moi sinxelo. O tema central é o cambio dunha vida monótona a outra chea de aventuras, provocadas en boa medida polo cambio de roles na familia. O que comeza sendo unha catástrofe acaba converténdose nunha nova experiencia vital.

Potencialidades do conto: a lectura deste álbum ilustrado propicia a reflexión sobre os roles de xénero e tamén sobre a importancia da familia na nosa educación. Coñecer experiencias coma esta permite analizar o papel que cada membro da familia asume no ámbito doméstico, comparar coa realidade que nos rodea e cuestionar aquelas actitudes que deben ser melloradas. Outro aspecto importante da obra é que nos pon fronte aos imprevistos que poden xurdir nas nosas vidas e provocar cambios profundos. Neste sentido, a obra permite valorar o que temos, ser conscientes do que é realmente importante e tamén pensar que todo pode mudar por moitas circunstancias, o que ten que desenvolver a empatía, a solidariedade e a comprensión cara a quen padece estas circunstancias. 

Traducións/premios: a obra está traducida á lingua galega por Xosé Ballesteros. Forma parte da serie escrita por Adela Turin co título xenérico de “A favor das nenas”. Esta colección converteuse nunha referencia para a coeducación e a igualdade.

Recursos
Bibliofranza (2014). Unha feliz catástrofe. Lectura dramatizada por parte do alumnado do conto de Adela Turin. Recuperado de https://www.youtube.com/watch?v=GJzR69l-73I (consultado o 9/3/20). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario