Alonso, T., & Lima,
Teresa. Os sete cabritos. Pontevedra:
OQO, [40 pp.]. (ISBN: 978- 84- 96788- 67-1).
Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado adaptado por
Tareixa Alonso e Teresa Lima. A cuberta amosa a un lobo que ten na man unha
careta de cabrito. Na contracuberta obsérvase un fondo azul e en pequeno
podemos ver unha casa con árbores ao redor. En canto ás gardas, ámbalas dúas
amosan dúas mans, unha negra e outra branca, entre elas obsérvase un fío e unha
tesoira. Na portada vemos a un cabrito sobre un fondo branco camiñando, este
leva un caldeiro colgado nun dos seus brazos.
Este álbum, baseado nun conto clásico
popular, cóntanos a historia dunha familia de cabritos. Un día a nai deixa sós
aos seus sete fillos e dilles que teñan coidado e non lle abran a porta a
ninguén, xa que o lobo pode presentarse na casa e atacalos. Cando a súa nai se
foi, petaron á porta e eles preguntaron quen era, contestou unha voz que non
era a da súa nai, polo tanto os cabritos non abriron a porta e así sucesivas
veces. Ata que unha vez o lobo conseguiu enganalos, entrou na casa e comeu a
todos os cabritos menos ao máis pequeno. Cando a súa nai chegou contoullo todo
e foron ao río onde estaba o lobo para rescatar aos seus irmáns. Finalmente a
nai consegue salvar aos seus fillos e mételle pedras na barriga ao lobo, que
acaba caendo no río do peso.
O álbum presenta imaxes a toda páxina,
acompañadas de bastante texto pero fácil de ler. As imaxes permítennos seguir a
historia sen necesidade de ter que ler. O seu estilo é moi suxestivo,
presentando xogos interesantes tanto para os pequenos coma para os adultos. O
texto conta con partes dialogadas e cun narrador que nos presenta a historia e
nola vai contando ata o final. A gama cromática é variada, predominando as
cores cálidas e vivas sobre o fondo de cor terra e pasteis. Salienta tamén o
xogo coa tipografía, que por momentos destaca palabras concretas para chamar a
atención sobre elas, caso dos números, por exemplo.
Potencialidades
educativas: coa lectura deste álbum ilustrado podemos traballar cos nenos e
nenas de educación infantil a importancia que ten obedecer sempre aos nosos
pais e ás nosas nais; e o sentido da responsabilidade, como por exemplo a de
quedar sós e soas na casa. Por outro lado podemos traballar o tema do medo, tal
e como tiñan os sete cabritos cando o lobo chamaba na súa porta; a aprendizaxe
dos números ou a loita do ben contra o mal. Por outra parte, a gran importancia
que adquire a ilustración nesta obra, permite desenvolver a competencia visual
dos máis pequenos e traballar a lectura a través das imaxes.
Recursos
educativos:
Versión animada do conto en: https://www.youtube.com/watch?v=HqaZKQFbOjQ (consultado o 30 de marzo de
2020).
Ningún comentario:
Publicar un comentario