Ficha bibliográfica
FUNKE, Cornelia (1997). A Princesa Sabela, Ilust. Kerstin Meyer, trad. Mª Xesus Bello Rivas. Vigo: Edicións Xerais Galicia.[ 32 pp.]. (ISBN: 978-84-9914-212-8).
Descrición do formato e contido: Álbum ilustrado narrativo con texto orixinal en alemán de Cornelia Funke, traducido ao galego por María Xesus Bello Rivas e ilustrado por Kerstin Meyer. A súa encadernación é de cartón. A cuberta presenta á princesa Sabela feliz, as súas irmáns asombradas, ao rei enfadado por algo e a algúns traballadores da corte do rei. Na contracuberta presenta a sinopse da historia con Sabela triste mirando a lúa e un porquiño sorprendido. As gardas son sinxelas posto que son raiadas cunhas coroas no medio. As ilustracións son moi coloridas, cuns trazos rechamantes e detallados. A historia é maiormente dialogada, aínda que en ocasións intervén un narrador heterodiexético, o cal explica pequenos detalles que acontecen na obra.
En canto ao contido, transcorre nun castelo, nunha época distante, na cal se nos narra a historia de Sabela, unha das tres fillas do rei. Sabela, leva a vida de calquera princesa, viste con fermosos vestidos e coroa e fanlle todo canto ela queira. Pero Sabela non está contenta coa súa vida, Abúrrese sendo princesa! Polo que tira coa súa coroa e o pai castígaa facendo as tarefas do castelo, dándolle de comer aos porcos, facendo o xantar, fregando a louza, por fin Sabela é feliz e descobre moitas cousas que non coñecía, por exemplo como se fai a marmelada e moitas outras cousas. O rei enfádase moito con Sabela, pois non quere que ande tan desastrada, pero finalmente acaba entendendo que a felicidade da súa pequena Sabela é descubrir cousas novas.
Potencialidades educativas: A lectura desta obra permite traballar temáticas como os roles de xénero, os arquetipos literarios das princesas e o seu cuestionamento, ao ofrecer unha subversión dos roles atribuídos a estes personaxes e actualizalos.
Recursos educativos:
Experiencia con Contacontos no CEIP Lamas de Abade http://bibliotecalamas2.blogspot.com/2012/03/princesa-sabela.html (consultado o 22/4/20)
Ningún comentario:
Publicar un comentario