Bonilla, Rocio (2018). De que cor é un bico?, trad. María Solar. Algar, (ISBN: 978-84-9142-059-0).
Descrición do formato e o contido: libro de capa dura de Rocio Bonilla. Na cuberta aparece o título, no que se resaltan as palabras “cor” e “bico”. Tamén aparecen os nomes da autora e responsable da tradución e a figura da protagonista, que mostra unha actitude reflexiva rodeada de frascos de distintas cores, o que crea unha certa incerteza por descubrir o que lle pasa. Na contracuberta atopamos unhas manchas de témpera de cores cun breve resumo do libro e unha pregunta para o potencial lectorado. Antes da portada está a páxina de dereitos, na que aparece mencionado o título orixinal, as edicións (neste caso é a 3º), a ilustradora e responsable do texto (Rocio Bonilla), tradución (María Solar) e editorial (Algar). Tamén aparece o ISBN. A edición manexada trae un medidor de agasallo co lema “Ler para medrar”. As páxinas que conforman este libro son de cartolina e existe nelas unha correlación das cores cos
elementos do máis próximo.
Dende o punto de vista do contido abórdase a relación de comparacións que unha nena establece entre os cromatismos das cores e os elementos que coñece da súa contorna, asociándoos ás emocións. A anécdota parte da súa busca dunha cor para pintar un bico, temática propicia da etapa infantil, período no cal as crianzas teñen curiosidade por coñecer e cuestionan a maioría das cousas coas que se encontran.
Mediante a relación de elementos da vida cotiá das crianzas coas sensacións frecuentes que estas perciben conforman a historia dunha nena que pode ser case calquera nena ou neno que se encontre na etapa infantil.
Este álbum ilustrado propicia unha lectura que esixe a implicación do lector para identificar as diferentes emocións. A estrutura asenta en parágrafos breves, referíndose os das páxinas pares a percepcións agradables, mentres nas impares se colocan os desagradables. Obsérvase unha forte ligazón entre as ilustracións e o contido, especialmente reflectido nas expresións faciais da protagonista. As ilustracións propician unha lectura visual complementaria ao texto e amplían contidos da obra.
Tanto ilustracións coma escritura aparecen nun fondo branco, ocupando cada emoción unha dobre páxina, xunto cos elementos aos que é asociada.
Potencialidades educativas: a lectura desta obra permítenos abordar as emocións tanto agradables como desagradables. Promove a reflexión sobre a importancia que teñen as emocións na nosa vida, as sensacións que estas nos producen e como é preciso aprender a xestionalas. Mediante as imaxes podemos traballar a identificación de cada emoción e a asociación a unha sensación. Esta obra axuda a desenvolver a mímica e a creatividade artística, incitando á expresión das emocións, sentimentos e sensacións mediante a expresión plástica e contribuíndo deste xeito ao traballo da educación emocional.
Recursos educativos:
Visionado da obra completa en: https://www.youtube.com/watch?v=-MKcSaZD41
Ningún comentario:
Publicar un comentario