Roca, Núria
(2005). Del más miedoso… Al más valiente. El miedo. Ilust. Rosa Mª
Curto. Barcelona: Edebé, [36 pp.]. (ISBN: 84-236-7767-2).
Descrición
do contido e formato:
este é un álbum ilustrado creado por Núria Roca e ilustrado por Rosa Mª Curto.
É un libro con tapas duras que mostra na súa cuberta aos personaxes da
historia; nunha franxa branca aparece unha nena rindo e nunha azul, una nena e
un neno escapando. Con estes debuxos adiántase a temática do conto, sendo a
branca a que reflicte valentía e a azul a que mostra os medos. Na contracuberta
ofrécese un breve resumo da historia e o nome da colección á que pertence. Nas
gardas aparecen debuxados os monstros e animais que aparecen ao longo da
historia. Estes están debuxados con cores alegres e formas vistosas que
intentan captar a atención do lector dende o comezo. Na portada aparece un
deseño similar ao da cuberta, ao presentar a páxina dividida en dúas partes co
título El miedo. Na parte superior aparece un rapaz tremendo polo medo,
mentres que na inferior, está un rapaz cos brazos erguidos sen ningún signo de
que teña medo.
Este libro
conta catorce historias relacionadas con diferentes medos e como facer para
poder facerlle fronte. Nas diferentes páxinas aparecen ilustracións que
complementan o texto, estas imaxes son bastante realistas e empregan cores
vistosas cando pretenden destacar algo, normalmente os fondos son brancos ou
con cores claras. Ao longo da historia a autora fai unha comparación entre os
personaxes con medo e os que non o teñen, aparecendo estes últimos cando xa se
deron as pautas para combatelo.
O texto
presenta un narrador en terceira persoa que vai introducindo ao lectorado na
historia, interactúa con el e faille diversas preguntas, como se fose o
protagonista. Cada historia é independente e os títulos están escritos con
letras grandes e mesturando dúas cores para captar a atención. Estas mostran
diferentes situacións de medo con nenos e nenas como protagonistas. Primeiro móstrase
como teñen medo e, despois de darlles o consello adecuado para se enfrontar a
el, pasan a se converter en situacións de xogo e risas. Os textos presentan un
vocabulario sinxelo e frases curtas, adaptadas á idade dos/as nenos/as aos que
vai destinado o libro.
No final
da obra aparecen varias páxinas con actividades para realizar tras a lectura,
todas acompañadas con imaxes ilustrativas, e unha guía para os/as pais/nais, na
cal se explica en que consiste o medo e se lles ofrece distintas alternativas
para previr a súa aparición e como actuar ante esas situación. Nesta última
pódese observar un cambio de letra, sendo moito máis pequena e con vocabulario
máis complexo. Por ultimo, podemos atopar a páxina de créditos na cal aparecen
os títulos das outras obras da colección.
Potencialidades: con este álbum ilustrado pódese traballar, con
nenos/as de 3 a 5 anos, os diferentes medos e as inseguridades. A través de
diferentes personaxes podemos mostrarlles distintas situacións que poden
provocarnos medo e afectarnos no desenvolvemento da nosa vida con normalidade. A
lectura destas historias permítenos ensinarlles que temos que xestionar esta
emoción e que, a través das situacións que aparecen no álbum, existen distintas
formas de facelo.
Normalmente os nenos/as presentan medos, sobre todo no que descoñecen. Esta obra é un bo recurso para traballar esta emoción,o medo, xa que os nenos/as poden diferenciar as distintas situacións nas que se atopan os personaxes e sentirse identificados/as. As imaxes son moi expresivas e as historias presentan unha breve reflexión, de que ter medo non é malo. Tamén a importancia de ver as cousas noutra perspectiva e saber enfrontarse aos seus temores. Isto favorecerá a súa autonomía e ter un mellor estilo de vida sen preocupacións.
ResponderEliminarUnha obra ca mesma temática é a de ''Como Marcelo deixou de ter medo'', de Beatriz Montero, na que presenta a superación dun neno que tiña moitos medos e a súa maneira de afrontalos.