Gil, Carmen (2015). A bruxa discordia, ilust. Iria Fafián. Vigo: Editorial Galaxia, col. Sonárbore, [28 pp.]. (ISBN: 978-84-9865-645-9).
Contido, descrición e forma: álbum ilustrado de Carmen Gil no que as imaxes son imprescindibles para entender a historia. Na cuberta podemos observar o rostro da bruxa Discordia, que está situada no medio da imaxe, co pelo negro, ollos escuros e pencas nas meixelas. Ademais atópase rodeada de follas situadas na parte superior da ilustración e herba na parte inferior. Ao abrir o libro e mirar a contracuberta, observamos que a imaxe da cuberta da bruxa Discordia continúa, cun lazo de cor vermello suxeitando o seu pelo, xunto co campo de herba e as follas. A cor que predomina é o verde da herba, cor que contrasta co vermello do lazo e das letras. Na parte inferior da ilustración aparece escrito o título da obra con tipografía creativa e de cor vermella, que fai referencia á natureza. Nas gardas do álbum temos un estampado de acios de olivas, que terán importancia na historia. No interior do libro, podemos atopar dúas tipografías distintas, unha representando ao narrador en terceira persoa e outra representando aos personaxes, a cal vai nos bocadillos.
En canto á arquitectura textual, ao longo do conto observamos como se emprega a linguaxe familiar mediante palabras e expresións como “xiringar”, “nun pispás” ou “se organice a de San Quintín”. Tamén atopamos repeticións de palabras, como no momento en que os animais están a pelexar ou cando fan as paces. Nas ilustracións predominan as tonalidades rosadas e marróns. Os debuxos son sinxelos mais con moitos detalles. A maioría dos planos son planos xerais mais nalgunhas ocasións podemos ver planos de detalle.
Os personaxes son os seguintes: a bruxa Discordia, que é a protagonista da historia, a fada Margarida e tamén os animais, que son protagonistas secundarios da historia. O álbum ven acompañado dun CD que inclúe 12 cancións, con letra de Carmen Gil e música de Gloria Mosquera Roel, integrante do grupo Mamá Cabra. Nas últimas páxinas do álbum atópase a letra das 12 cancións incluídas no CD.
O contido xira arredor da bruxa Discordia, a quen lle encantaba molestar aos demais cos seus meigallos, de feito, cando observaba mostras de paz entre os animais, proíalle todo o corpo e era por iso que afirmaba ser alérxica á paz. Á bruxa Discordia gustábanlle moito as olivas, por iso as comía acotío. Un día decide facer un feitizo para molestar aos animais do fondo mariño, da sabana e da graxa. A bruxa Discordia comezou a sentir proídos por todo o corpo cando, de súpeto, aparece unha fada chamada Margarida, que lle explica que ela non é alérxica á paz como ela afirma, senón ás olivas que tanto lle gustaban. Deseguida a fada pronuncia un feitizo para eliminar os meigallos realizados pola bruxa Discordia. Despois disto, a bruxa Discordia e a fada Margarida dedicaranse a sementar a paz polo mundo enteiro.
Potencialidades educativas: a lectura desta obra transmite uns valores fundamentais para traballar con nenos e nenas de Educación Infantil, como a importancia de compartir, de respectar ao próximo ou de convivir en harmonía. Estas mensaxes son transmitidas, ademais da lectura, a través dun medio moi eficaz: a música. En moitos colexios realízanse actos no Día da Paz utilizando as cancións do CD que incorpora esta obra, despois de traballar a lectura na aula. Tanto as cancións coma o libro son unha homenaxe á paz.
Recursos educativos
Lista de reprodución en Youtube para escoitar as cancións do CD que acompañan o álbum: https://www.youtube.com/playlist?list=OLAK5uy_loS8n_qnatoos5hYvn_d-bHDocPG56YX4 (consultado o 21/4/2020)
Vídeo realizado polo CEIP A Gándara, coa canción “Baile da Paz”, que se inclúe no CD, elaborado en homenaxe ao Día da Paz: https://www.youtube.com/watch?v=B_kRMd_Ew-A (consultado o 21/4/2020)
Ningún comentario:
Publicar un comentario