luns, 20 de abril de 2020

O home de auga



ROSATI, O. e G. PACHECO (2009). O home de auga, trad. Sandra Hombreiro. Pontevedra: Kalandraka Editora. [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-714-0).

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado con texto de Ivo Rosati, ilustracións de Gabriel Pacheco e tradución de Sandra Hombreiro. Na cuberta presenta unha imaxe en cor azul con peixes e un barquiño de papel acompañando ao protagonista, que é o home de auga, cunha regadeira posta de sombreiro. Na contracuberta segue unha imaxe azul na que se observan peixes, un barquiño de papel e a lúa escondida entre as nubes. As gardas son de fondo vermello con flores de cor branca e un peixe na inicial, mentres que na final as flores brancas son regadas coa regadeira do home de auga. As imaxes son a toda páxina e predominan os tons apagados. O texto é rimado.
Desde o punto de vista do contido, nárrase ahistoria dun home que, ao saír da casa, deixou o billa aberta. Iso provocou que se creara un charco de auga de onde xurdiu o protagonista deste conto, o home de auga. Este personaxe saíu á rúa e foi asustando á xente que o atopaba no seu camiño e, incluso, o perseguían polas rúas. Foi por iso que decidiu saír só de noite e agocharse da xente. Pero, pouco a pouco, a xente foise acostumando a el e comprendeu que non era mala persoa. Unha noite de treboada as nubes perseguírono pola vila coa finalidade de levalo con elas, pero el conseguiu agocharse nunha fonte seca, lugar no que vive dende entón.

Potencialidades: A lectura deste álbum permítenos reflexionar sobre a diferenza e como na sociedade hai unha clara tendencia a rexeitar todo o que non coñecemos. Tamén nos permite falar sobre a soidade do que se sente diferente, rexeitado e excluído do grupo. É de interese observar como se vai progresivamente dando un proceso de integración que leva á normalización da diferenza e á diversidade. Porén, outros cambios sociais que metaforicamente aparecen representados polos paraugas negros que van cara ao mar, símbolos da morte, evocan as traxedias que azoutaron ao longo da historia o mundo. Porén, as esperanza é a que sempre fica, como horizonte de futuro para a infancia.

Recursos:
Curtametraxe muda baseada nesta obra. Recuperado de:

Ningún comentario:

Publicar un comentario