Ruzzier, Sergio (2018). La Fiesta y otras historias, trad. Marta Tutone. Madrid: Liana Editorial, [56 pp.]. (ISBN: 978-84-949830-6-1).
Descrición do formato: cómic por Sergio Ruzzier, de formato rectangular e de dimensións 19,5 x 23,5 cm. É de tapa dura, resistente e fácil de manexar para nenos e nenas de 5-6 anos, aproximadamente. A cuberta componse
de cores vivas e aparecen debuxados os dous protagonistas do cómic en primeiro plano, mentres que na parte inferior aparece o nome da editorial e na superior o título do libro. A contracuberta é menos atractiva e nela aparecen os protagonistas dentro dun círculo e un fondo laranxa, cun breve resumo do contido da obra, ademais do nome da editorial e o código de barras. Nas gardas do libro aparece un patrón de baldosas, as do principio limpas e as do final manchadas de comida.
Descrición do contido: a obra conta cunha sintaxe sinxela e ilustración moi clara, coa que se busca un contacto precoz coa estrutura dun cómic. Este libro desenvolve unha experiencia lectora na que se esixe
a implicación e a atención do lector para a produción de sentido e ofrece dous niveis de lectura a través dunha historia cotiá de amizade e complicidade entre Fox e Chick, pero tamén unha lección de respecto de cada un polas diferenzas do outro. Conta as aventuras de Fox, un zorro sensato e relaxado, e Chick un poliño que é todo o contrario: impulsivo e inmaduro. Non existe ningunha voz narradora, senón
que os que introducen o conflito e pechan a historia son os propios protagonistas, cos que os nenos e nenas se poden sentir identificados. En canto á arquitectura textual este cómic presenta cada unha das páxinas en forma de diálogo e, aínda que hai diálogos que poden calar moito máis nos lectores maduros, polo carácter humorístico,
todos son comprensibles para os máis pequenos. Os campos semánticos nos que asenta a historia son os dos animais (toupas, zorros, ratos...) e o da comida (cenorias, cebolas...).
Potencialidades: a lectura deste cómic propicia abordar temáticas como a amizade, o respecto ás diferenzas de cada persoa e a empatía ou a resolución de conflitos, deixando a un lado a individualidade e pensando nos demais. Tamén nos ofrece a posibilidade de traballar con vocabulario de animais ou de alimentos e a lingua inglesa.
Colby S. (2018). Fox + Chick The Party and Other Stories. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=tLM8eSGAeZc (consultado o 26/4/20).
Ningún comentario:
Publicar un comentario