Pita,
Charo (2009). Velliñas, ilust. Fátima
Alonso, Pontevedra: OQO Editora, col. O, [48 pp.].
( ISBN: 978-84-9871-150-9).
Descrición
do formato e contido:
A obra Velliñas é un álbum ilustrado de cartoné composto por 48 páxinas e
dirixido ao lectorado infantil. O libro ten na súa cuberta unha ilustración das
protagonistas, Antea e Filipa, mirando unha para cada lado e entreténdose unha
cun libro e outra acariñando o seu gato. Enriba da imaxe aparece o título en
letras grande e vermellas que chaman a atención, acompañado dos nomes das
autoras debaixo. A contracuberta é un fondo en rosa pastel, que vai ser a gama
de cores que se utilice en todo o álbum, e non hai ningunha ilustración
relevante para a obra, aínda que crea unha unidade coa cuberta por presentar o
mesmo cromatismo. As gardas está atravesadas por un camiño de fabas, moi
relevante porque nos introduce como se vai iniciar o conflito que conta na
obra. Na portada vólvense representar as figuras das protagonistas, pero desta
vez reflectindo un acto de coidado e de amizade por parte de Antea cara a
Filipa. Esta imaxe volve anticiparnos o que vai pasar no relato, xa que Antea,
despois de equivocarse e non compartir ás fabas con Filipa, intenta arranxar a
súa amizade coidando dela.
No interior do álbum as imaxes
complementan os textos escritos e fan que o espectador manteña o interese
mentres se conta a historia. Estas ilustracións caracterízanse polos seus
trazos doces e sinuosos que fan espertar a imaxinación dos máis cativos. As
autoras xogan cos tamaños das letras para poñer énfase nos diálogos das
protagonistas e nas onomatopeas, de modo que se lle indique ao lectorado a
énfase que se lle debe poñer á hora de ler o relato. Desde o punto de vista do contido,
no álbum cóntase como Antea e Filipa son dúas velliñas humildes que viven
xuntas. Todas as semanas comen sopa de auga, menos os domingos que lle botan un
fideo para compartir entre as dúas. Un día Antea atopa unha faba e decide facer
unha sopa para ela soa. A fabeira creceu dentro da casa e a protagonista puido
chegar ata o ceo para alí descubrir un muíño que quitaba a fame. Antea baixou á
casa para contarllo a Filipa. Cando as dúas subiron de novo Filipa caeu ao chan
porque estaba moi débil e sen forzas, quedando esparexida en anacos polo chan. A
súa compañeira baixa da árbore e tenta encaixar todas as partes do corpo de
Filipa para que volva a vivir. Unha vez que o consegue, decide coidala e
compartir a súa vida con ela para sempre.
Potencialidades educativas:
A historia
das velliñas fainos reflexionar sobre a amizade, o coidado das persoas que
apreciamos e a grande importancia de compartir. Trátase dunha versión actual do
conto clásico As fabas máxicas, agora
protagonizado por dúas mulleres de idade. Isto permítenos aprender que a
literatura é unha constante reescritura e actualización de historias moi
antigas. Con este relato tamén se pode
facer unha reflexión sobre o poder da amizade, de valorar as persoas e de saber
axudar cando se necesita. Ademais pode ser unha introdución a unha proposta de
relacións interxeracionais, xa que Antea e Filipa son un exemplo de que non hai
idade para deixar de xogar, descubrir novas cousas ou de ter afecto cara a outras
persoas, sexan ou non do mesmo sexo. De feito, unha lectura posible é a de
achegarse á obra como unha forma de tratamento das relacións homosexuais, neste
caso encarnada polas dúas mulleres anciás, o que pon de relevo que o amor non
entende de idades. A autora tamén nos fala do paso do tempo e do Carpe Diem cando se representa a Filipa
florecendo cada primavera, coma se fora unha árbore milenaria, símbolo do
propio renacer e capacidade de anovarse da literatura para os máis novos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario