Amosando publicacións coa etiqueta Paco. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Paco. Amosar todas as publicacións

sábado, 11 de febreiro de 2017

PACO

Carballeira, Paula (2001), Paco, ilust. Blanca Barrio, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Demademora, (de 3 a 6 anos) [34 pp.]. (ISBN: 84-8464-070-1). // Pontevedra: Kalandraka Editora, col. minilibros para soñar 2, 2001, [32 pp.]. (ISBN: 84-8464-114-7).



Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado, con 34 páxinas grosas, todas elas cunha breve frase acompañada coa súa respectiva ilustración, baseadas en debuxos moi expresivos grazas ao acabado das ceras de cores. Neste caso, o texto, escrito en galego, aínda que podemos atopar o conto en diversos idiomas, é quen aporta primordialmente o sentido á presente narración aínda que a ilustración afianza o poder suxerido polo texto e contribúe a visualizar os personaxes e espazos, dándolles vida e características propias.

En canto á encadernación, trátase dun formato cadrado de tamaño medio (22 x 22 cm), con cantos acabados en punta, moi cómodo e fácil de ver e manipular polos nenos/as. Presenta unhas cubertas de cartón grosas e resistentes, con vista a que os nenos/as poidan manipular o libro sen perigo: na dianteira, cabe destacar que está ilustrada cun debuxo do protagonista, tamén contén o título da obra en letras grandes, o nome da autora, da ilustradora e da editorial; na contracuberta non aparece ningún texto, limítase a mostrar unha ilustración da nave e máis a lúa, o nome da colección e o logotipo da editorial; cuberta e contracuberta compleméntanse ao abrir o libro. Neste caso, as gardas simplemente consisten nunha ilustración das diferentes fases da lúa e o lombo do conto unicamente contén o nome ``Paco´´.

Centrándonos no contido cóntase a historia dun rato chamado Paco que viaxou nunha nave espacial ata a lúa, pensando que esta era de queixo fresco. Pero, no momento de mordela, deuse conta de que a realidade era moi distinta ao que lle contaran, posto que a lúa non era de queixo. Comezou a sentir tristura e morriña pola terra, polas montañas, polos ríos, polos ratos e ata polos gatos e, cando se bota a chorar, a lúa consólao bambeándose e cantándolle fermosas cantigas polo que Paco quedou durmido abrazado a ela e sorrinte.

Potencialidades: que no conto aparezan as historias reforzadas cos debuxos ofrece unhas posibilidades expresivas, comunicativas e narrativas sorprendentes para os nenos máis pequenos, a lectura total trátase dunha lectura textual e outra visual. Todo isto fai que a composición sexa máis dinámica con puntos de vista cambiantes enfocando os obxectos máis significativos da narración. Desta forma, podemos seguir, á vez que lemos, o que lle ocorre e o que sente o rato.



Cabe destacar o uso de frases curtas e sinxelas, para facilitar a lectura e a comprensión. Tamén mostra algunhas condutas como descubrir novas aventuras, loitar polo que un quere e o sentimento da morriña, como mostra o protagonista; así como o cariño e a amizade que mostra a lúa co rato. 

Dende outro punto de vista, poderiamos aproveitar este conto para repasar as diferentes fases da lúa, xa que se menciona que a lúa está crecente.