sábado, 11 de febreiro de 2017

PACO

Carballeira, Paula (2001), Paco, ilust. Blanca Barrio, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Demademora, (de 3 a 6 anos) [34 pp.]. (ISBN: 84-8464-070-1). // Pontevedra: Kalandraka Editora, col. minilibros para soñar 2, 2001, [32 pp.]. (ISBN: 84-8464-114-7).



Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado, con 34 páxinas grosas, todas elas cunha breve frase acompañada coa súa respectiva ilustración, baseadas en debuxos moi expresivos grazas ao acabado das ceras de cores. Neste caso, o texto, escrito en galego, aínda que podemos atopar o conto en diversos idiomas, é quen aporta primordialmente o sentido á presente narración aínda que a ilustración afianza o poder suxerido polo texto e contribúe a visualizar os personaxes e espazos, dándolles vida e características propias.

En canto á encadernación, trátase dun formato cadrado de tamaño medio (22 x 22 cm), con cantos acabados en punta, moi cómodo e fácil de ver e manipular polos nenos/as. Presenta unhas cubertas de cartón grosas e resistentes, con vista a que os nenos/as poidan manipular o libro sen perigo: na dianteira, cabe destacar que está ilustrada cun debuxo do protagonista, tamén contén o título da obra en letras grandes, o nome da autora, da ilustradora e da editorial; na contracuberta non aparece ningún texto, limítase a mostrar unha ilustración da nave e máis a lúa, o nome da colección e o logotipo da editorial; cuberta e contracuberta compleméntanse ao abrir o libro. Neste caso, as gardas simplemente consisten nunha ilustración das diferentes fases da lúa e o lombo do conto unicamente contén o nome ``Paco´´.

Centrándonos no contido cóntase a historia dun rato chamado Paco que viaxou nunha nave espacial ata a lúa, pensando que esta era de queixo fresco. Pero, no momento de mordela, deuse conta de que a realidade era moi distinta ao que lle contaran, posto que a lúa non era de queixo. Comezou a sentir tristura e morriña pola terra, polas montañas, polos ríos, polos ratos e ata polos gatos e, cando se bota a chorar, a lúa consólao bambeándose e cantándolle fermosas cantigas polo que Paco quedou durmido abrazado a ela e sorrinte.

Potencialidades: que no conto aparezan as historias reforzadas cos debuxos ofrece unhas posibilidades expresivas, comunicativas e narrativas sorprendentes para os nenos máis pequenos, a lectura total trátase dunha lectura textual e outra visual. Todo isto fai que a composición sexa máis dinámica con puntos de vista cambiantes enfocando os obxectos máis significativos da narración. Desta forma, podemos seguir, á vez que lemos, o que lle ocorre e o que sente o rato.



Cabe destacar o uso de frases curtas e sinxelas, para facilitar a lectura e a comprensión. Tamén mostra algunhas condutas como descubrir novas aventuras, loitar polo que un quere e o sentimento da morriña, como mostra o protagonista; así como o cariño e a amizade que mostra a lúa co rato. 

Dende outro punto de vista, poderiamos aproveitar este conto para repasar as diferentes fases da lúa, xa que se menciona que a lúa está crecente. 

1 comentario:

  1. As potencialidades que eu lle vexo é que intenta explicarnos que moitas veces non estamos contentos no sitio no que nos atopamos e soñamos con ir a outro, que pensamos que é mellor.
    Unha vez que conseguimos chegar a ese lugar tan esperado, botamos de menos cousas que antes tiñamos e non lle dabamos importancia como poden ser os recurso naturais que se enumeran. Finalmente cando a Paco lle gusta o que lle sucede na lúa, intenta transmitirnos que en tódolos sitios podemos encontrar cousas boas e pracenteiras, aínda que nun principio pensemos que non é así. E que non nos damos conta do que temos ata que o perdemos.

    ResponderEliminar