venres, 10 de febreiro de 2017

TARTARUGA

Marín, Xaquín (2007), Tartaruga, ilust. do autor, A Coruña: Baía Edicións, col. Xíz de cob, nº 11, (3-6 anos), [32 pp.] (ISBN: 978-84-96526-94-5).


Descrición do formato e contido: álbum ilustrado en galego, cun volume de formato cadrado e tamaño medio e tapa dura. Na cuberta, concretamente na parte superior, móstrase o título da obra, na liña de abaixo o nome do autor e logo a editorial. Todo isto sobre unha paisaxe na que aparece a metade do corpo da protagonista da historia. Na contracuberta, tamén na parte superior, aparece a colección á que pertence a obra e o seu número correspondente, e na liña seguinte aparece de novo a editorial. Ademais, cuberta e contracuberta configuran unha unidade, ao complementárense para formar a imaxe íntegra da paisaxe e o corpo da protagonista.
Referíndonos ao interior da obra, todas as páxinas están conformadas na súa totalidade por ilustracións de cores moi rechamantes e variadas que representan diversos animais e paisaxes. Sobre as ilustracións hai pequenos textos situados en diferentes partes das páxinas: algún na parte superior ou inferior esquerda ou dereita; no medio ou en bocadillos que representan graficamente o pensamento dos personaxes. Todos os textos fan referencia ás imaxes que aparecen, nas que é preciso apoiarse para interpretar por completo o seu contido. A maiores, os textos tamén mostran un vocabulario divertido e nalgún caso incluso humorístico, como a alusión que se fai nunha das páxinas á historia tradicional da tartaruga e a lebre.


Tamén resulta significativo indicar que unha das páxinas trae unha pequena sorpresa: a tartaruga aparece dada á volta e di “por favor, dádelle a volta ao libro!”, e cando lle dás a volta aparece ao dereito e dá as grazas.


Finalmente, aludindo ao propio contido da historia, mencionar que é narrada pola tartaruga, que vai contando todo o que podes chegar a atopar ao longo dun  paseo: amigos, perigos, curiosidades, compañeiros…

Potencialidades: este album presenta unha gran variedade de potencialidades que se poden traballar coas nosas alumnas e alumnos, entre elas a interactividade, pois favorece que os nenos/as establezan unha relación de participación co texto, pero sobre todo coas ilustracións. Ademais, a pequena tartaruga vai comentando diferentes feitos que aumentan a intriga do que virá despois e que dan moito que reflexionar. Neste sentido, pódense tirar tres ensinanzas principais, a maiores das interpretacións que poida facer cada persoa:
A primeira é a aceptación das nosas propias características, aprendendo a velas coa maior positividade posible. Noutro caso, a interpretación que se pode facer é a presentación da filosofía de vida da tartaruga, que se opón á velocidade da sociedade actual. 
A segunda é a metáfora que se fai do paseo da tartaruga, pois pode entenderse como o camiño ao longo da vida, onde podemos atopar “amigos, perigos, curiosidades…”, “compañeiras, case iguais; outros máis lentos, máis rápidos, envexosos…”, ademais do feito de que “no camiño podes dar moitas voltas, polo que cada día é máis difícil avanzar”, é dicir, que ao longo da vida poden aparecer reveses que complican o día a día, pero sempre haberá cousas que farán da vida algo moi interesante.
En terceiro e último lugar,  refírese a un dos comentarios que fai a tartaruga con respecto aos tipos de compañeiros que podes atopar ao longo do paseo. O comentario que fai é que “os peores que te podes atopar son os intelixentes”, é dicir, os seres humanos. Isto pódese analizar (sobre todo pola ilustración que representa o texto), coma unha alusión ao feito de que as persoas facemos cousas que son prexudiciais para os animais, polo que é adecuado comezar xa dende cativos a desenvolver a nosa capacidade de concienciación co noso contorno para mellorar a convivencia co resto de seres vivos, ao tempo que se adquiren diversos valores como o respecto, a solidariedade, a dignidade... 

Ningún comentario:

Publicar un comentario