Grejniec, Michael (2009). ¿A que sabe a lúa?, ilust. do autor, trad. Carmen Barreiro, Pontevedra:
Kalandraka, (+ 4 anos), [36 pp] (ISBN: 978-84-8464-564-1).
Breve
descrición do formato e contido da obra: conto narrativo ilustrado de 36 páxinas, en cada secuencia narrativa o
texto vai sobre fondo branco, alternando á esquerda ou á dereita cunha páxina
ilustrada sobre fondo negro, onde se ven aos animais na cima da montaña
intentando chegar á lúa, menos no último par de páxinas que nos encontramos
cunha ilustración a dobre páxina para rematar o conto.
As
ilustracións compoñen unha estrutura acumulativa progresiva, posto que vemos
como suceden as imaxes dos animais subidos uns ás costas doutro, e en cada
ilustración aparece toda a serie. O texto, mentres tanto, compón unha estrutura
narrativa que conta a historia pero non repite a serie ata o momento do
desenlace; o texto cumpre cunha estrutura acumulativa final.
En canto á
encadernación, trátase dun formato rectangular de tamaño bastante grande, con cantos
rematados en punta, as súas medidas concretamente son 19,5 × 29 cm. Presenta
cubertas de cartón duras e grosas: na dianteira, aparece un gran debuxo da lúa
chea máis un dos animais e contén o título do volume, o nome do autor e a
editorial; por outra banda, na contracuberta aparece soamente a lúa en fase minguante. A primeira garda
do libro introdúcenos á obra ensinándonos unha gran lúa chea cuns olliños
mirando por debaixo dela; a última remata a obra co peixe falando. No lombo
aparece unicamente o título da obra.
Na historia
os animais querían saber a que sabía a lúa, pero por máis que o intentaban non
podían descubrilo porque non eran capaces de alcanzala e aínda que intentaran
tocala, a lúa tomábase isto como un xogo e afastábase cada vez un pouco máis. Non obstante, déronse conta de que
formando unha torre de animais chegarían ao seu obxectivo; deste modo, todos os
animais subíronse uns enriba dos outros, pero seguen sen poder saboreala.
Finalmente, un diminuto rato escala a torre e logra coller un anaquiño da lúa para saboreala. Unha vez feito isto, decide
compartir o seu descubrimento con todos aqueles animais que o axudaron a
alcanzar a lúa.
Parece que
a historia remata aí, pero cando volteamos a páxina encontrámonos o que, en
principio, sería un segundo final. Na última páxina do libro, onde deberían
estar as gardas, aparece un noveno animal, aquel que estaba na garda do
principio da historia, mirando cos seus ollos á lúa e que non se sumou ao
esforzo colectivo; o peixe non entendía nada
do sucedido posto que vía a imaxe da lúa que se reflectía na auga, moi preto
del.
Potencialidades: A historia contada, compón
elementos de fábula, de lenda e de conto folclórico, fálanos de cooperación,
solidariedade e soños compartidos. O que nos ensina a historia é a darnos
conta da importancia da cooperación para lograr un obxectivo común, aínda que sexamos
diferentes, sen importar as características de cada individuo. Tamén nos mostra
o tema de que existen diferentes perspectivas sobre como vemos o mundo.
O autor e
ilustrador, como recurso literario, utiliza a repetición constante da mesma
frase, o que provoca nos nenos que poidan anticipar o que vai ocorrer, algo que
sen dúbida lles encanta e os engancha á historia. Ademais, a lúa burlona aporta un punto
de humor. Por outra banda, as ilustracións, baseadas en debuxos con acuarelas
realizadas en papel maché, son sinxelas pero moi expresivas; logrando que o
conto alcance unha sensación case tridimensional.
En canto a
forma da narración,
trátase dunha estrutura narrativa simple, repetitiva e acumulativa, o que repercute
moi favorablemente en que os pequenos memoricen mellor a historia e presten maior atención, ademais de lograr que a comprensión sexa
tamén máis doada para eles. En contra, cabe mencionar que moitas veces nesta
historia non se presta atención á
ambigüidade do modo en que remata. Persoalmente penso
que o autor decide deixar un final aberto e propiciar unha dúbida
reflexiva; o segundo final cuestiona calquera discurso sobre as estruturas narrativas simples e
lineares.
Podemos
aproveitar este conto para traballar os animais coas súas respectivas
características e as fases nas que se encontra a lúa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario