Evans, April T. (2006), No colo de mamá, ilust. Michelle López, trad. Manuel Ramos, Ourense: Ediciones Linteo, [34 pp.] (ISBN: 978-84-96067-79-0).
Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado de formato cadrado e tamaño medio e moi atractivo a primeira vista. O primeiro detalle que nos vai atraer del é o debuxo da cuberta, onde podemos observar sobre un fondo cheo de cores intensas a unha muller cun neno. O sorriso destas dúas personaxes que nos van presentar esta pequena historia, xa nos anticipa o tema central da mesma: o amor da familia. Por outra banda, na cuberta imos atopar un breve resumo acerca da colección á que pertence este álbum, que ademais ten a característica de que se trata dunha colección bilingüe, pois o texto que vai acompañar no interior ás imaxes, misturará neste caso, lingua galega e lingua inglesa.
Xa inmersos no interior desta fermosa obra, as primeiras páxinas amósannos unha chea de ilustracións rebosantes de estrelas, arcos da vella ... onde a cor amarela, a verde, a laranxa e o azul intenso nos van ir adentrando nun máxico mundo, onde a imaxinación e as cores cobran un dobre sentido, co que a autora pretende xogar de principio a fin. A medida que nos imos adentrando no nó do relato, podemos observar de modo completo unha representación da relación que o noso pequeno protagonista, que non ten un nome (pois vainos permitir personalizalo a cada caso, cada vez que llo leamos a unha nena ou un neno distinto) expresa como se sente cando se atopa no colo da súa nai, ou ben do seu pai, da súa avóa e do seu avó, sempre facendo comparacións con diferentes axentes presentes na natureza. A presenza de pouco texto acompañando a cada unha das ilustracións, delimitando os que se atopan no lado esquerdo sempre en galego e os da dereita sempre en inglés, aporta certa musicalidade á hora da súa lectura, sexa quen sexa o narrador.
Potencialidades: o tema das emocións é hoxe un dos que máis importancia ten dentro de etapa da Educación Infantil. Supón o eixo central no desenvolvemento da personalidade e das relacións interpersoais de calquera nena ou neno. A familia é ese primeiro axente socializador que teñen como referencia para abrirse cara ó mundo exterior, así como para entendelo. A través deste relato, podemos traballar nalgún caso que se nos poida presentar a carencia de afecto que tan a miúdo apreciamos nalgúns cativos/as dentro das nosas aulas ou na nosa contorna de maneira xeral. Outra das potencialidades que presenta este álbum é a identificación co medio natural como axente identificador dos sentimentos. O nexo entre sensibilidade e natureza fainos achegar dun xeito novo á necesidade de sentirnos parte daquilo que nos rodea e que nos fai sentir ben.
Familia, amor, terra, medio ... son conceptos que a diario tanto nós coma os nosos nenos e nenas sentimos e precisamos ter nas nosas vidas. A palabra COLO, tan nosa e tan presente durante cada unha das partes deste fermoso relato, esíxenos como non pode ser doutra maneira, lerlle ós cativos e cativas dun xeito amoroso cada frase e parágrafo que integra esta marabillosa obra.
"Velaquí o meu compañeiro de relato máis recente, o meu pequeno Marcos,
que tamén traballou confeccionando a súa propia cuberta,
e como non ... no colo de mamá".
Ningún comentario:
Publicar un comentario