martes, 21 de febreiro de 2017

O coelliño branco

Ballesteros, Xosé (2007), O coelliño branco, ilust. Óscar Villán, Pontevedra: Kalandraka, col. Os contos do trasno, (+ 3 anos) [26 pp.] (ISBN: 978-84-8464-648-1). 4º edición.



Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado adaptado por Xosé Ballesteros a partir dun conto popular portugués. Presenta un formato cadrado (22x22 cm), con pouco volume. Tanto a cuberta como a contracuberta teñen un fondo rosado. Na cuberta aparece o protagonista da obra: un coelliño branco. Á súa dereita o título da obra e enriba os nomes do autor e o ilustrador. Na parte superior esquerda da contracuberta está a colección á que pertence o conto, embaixo desta hai un debuxo dunha formiga do revés e á dereita, á mesma altura que o nome da colección, o nome da editorial.  

As páxinas do interior da obra están deseñadas co mesmo fondo de cor rosada que hai na cuberta e contracuberta. As ilustracións son sinxelas pero moi realistas, con cores rechamantes que semellan estar pintadas con témperas e pinceladas un tanto marcadas. Os textos, que xogan coa sonoridade e a rima, están situados en diferentes zonas das páxinas pares, impares ou en ambas.
O contido trata dun coelliño que tras ir buscar coles á súa horta para facer un caldiño atópase cunha cabra moi grande que non lle deixa entrar na súa casa. Deste modo o coelliño vai pedir axuda a diferentes animais que se vai atopando polo camiño, pero ninguén se atreve a facelo. Finalmente, atópase cunha formiga do máis valorosa que logra que a cabra fuxa e deixe ao coelliño tranquilo. Ao final da obra aparecen todos os animais que o coelliño fora encontrando polo camiño cun gran sorriso pola fazaña da formiga.


Potencialidades: É unha obra que convida ao xogo de palabras dun xeito divertido a través de sufixos, nos que asentan as rimas, o que favorece a memorización e o desenvolvemento da conciencia fonolóxica. As ilustracións, moi elocuentes, chaman inmediatamente a atención dos máis pequenos e pequenas, permitíndolles profundizar e comprender mellor a historia, polo que son un soporte visual do máis efectivo. A maiores disto, reivindícase a importancia da amizade, a solidaridade e a ousadía ante situacións cotiás no día a día dos/as nenos/as. Ademais de que estas son características que non dependen do tamaño, senón da capacidade que temos para superarnos e resolver conflitos do mellor xeito posible.

Ningún comentario:

Publicar un comentario