Silverstein, Shel
(2015). A árbore xenerosa, ilust. Shel Silverstein, trad.
Chema Heras, Pontevedra: Kalandraka (+5 anos) [64 pp.] (ISBN:
978-84-8464-962-5).
Breve descrición do formato e
contido da obra: este conto trátase dun libro ilustrado de 64
páxinas de cartolina grosa, todas elas con ilustracións minimalistas en branco
e negro e pouco texto. O formato rectangular, en vertical, é dun tamaño mediano
e con cantos rematados en punta, as súas medidas son de 19 x 25,5 cm. As
cubertas de cartón son duras e resistentes e predomina a cor verde: a dianteira
amósanos os dous protagonistas onde o neno recibe unha mazá da árbore, recolle
o título da obra, o autor e a editorial; a traseira simplemente continúa o debuxo
da árbore que aparece na dianteira.
Respecto
ao interior do libro, a nivel estético, cada dúas páxinas encontramos un debuxo
que destaca polo seu minimalismo gráfico sempre protagonizado por unha árbore e
un breve texto, o cal é unha sucesión dinámica de accións en torno á figura
central da árbore que, ao longo do tempo, interactúa co neno dende a súa
infancia ata a súa vellez.
A
historia é unha ensinanza sobre a relación entre un neno e unha árbore do
bosque e mostra o contraste de "querer" e "necesitar" como
actitudes vitais na nosa vida. Estes dous personaxes convértense en amigos; a
árbore sempre lle dá ao neno o que el lle pide. En tanto que o neno vai
crecendo, vai pedíndolle cada vez máis cousas á arbore; esta obedéceo porque o
quere moito. Nun último acto de sacrificio propio, a árbore deixa que o neno a
corte para que poida construír unha barca na que poder navegar. Moitos anos
despois, o neno volve xunto á arbore, xa convertido nun home maior e a árbore
dille "non me queda nada para che dar", ao que o neno lle contesta
que todo o que necesita é soamente un lugar tranquilo para sentar e descansar
mentres espera a morte e a árbore faille este favor de moi boa gana.
Potencialidades: a lectura
deste conto proporciónanos reflexións e diversidade de interpretacións das súas
mensaxes. Por unha banda móstranos unha amizade incondicional e desinteresada
que non é correspondida en igual medida; pola outra, pódese interpretar como a
relación co noso planeta, constantemente agredido. Tamén se pode entender como
a contraposición entre as necesidades materiais e o intanxible para alcanzar a
felicidade e inclusive unha parábola da familia.
Este
conto aporta o coñecemento de moitos valores para os nenos, como poden ser a
amizade, o coidado do medio ambiente, a xenerosidade, o altruísmo etc. e
móstralles dunha forma conmovedora o paso da infancia á idade adulta e saber a
diferenza entre "querer" e "necesitar". Pódese incluso
converter nun diálogo ou debate sobre valorar aquilo que de verdade nos importa
e sobre o imprescindible que é axudar ao próximo e coidar do medio que nos
rodea para poder vivir nun bo ambiente.
Que as
páxinas estean en branco e negro pode ser un inconveniente porque aos nenos
pode resultarlle aburrido e pesado, xa que se trata dun libro bastante longo,
pero podemos aproveitar este feito para que coloreen e pinten a árbore ao seu
propio gusto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario