Van
Genechten, Guido (2003), ¡Porque te quero tanto!, ilust. Clavis, trad. Xosé A. Neira Cruz,
Zaragoza: Edelvives, (0-5 anos), [26 pp.], (ISBN: 84-263-4970-6).
Breve
descrición do formato e contido: álbum ilustrado que presenta un
formato rectangular de gran tamaño e textura suave. Na garda dianteira podemos
observar unha imaxe moi tenra: unha nai osa e o seu fillo dándose un bico sobre
un fondo invernal mentras cae a neve. Sobre eles, o título aparece en letras
grandes e entre exclamacións. En canto á garda traseira, na parte superior
aparece un breve resumo do contido da obra e, un pouco máis abaixo, o osiño
está dentro dun círculo branco debuxando nun papel un corazón. Todo isto sobre
un fondo de cor azul ceo. Ademais, tambas gardas amosan
unha peculiaridade: cando tocamos o osiño podemos sentir que ten unha textura aveludada. Finalmente, no referido á cuberta e contracuberta, ambas
presentan diversos debuxos do osiño facendo diferentes accións, nubes azuis e
corazóns, todo sobre un fondo branco.
O interior do libro
está formado por páxinas un tanto grosas e suaves. Nas ilustracións, de gran
tamaño, predominan as cores azul e branca, ademais da textura aveludada do
osiño en todas elas. Os textos son sinxelos e concisos, situados nas páxinas
pares, algúns na parte superior e outros na parte inferior.
Nesta obra nárrase a
historia dun pequeno osiño moi listo que sabía moitas cousas. Non obstante,
había cousas que non chegaba a comprender de todo, como por exemplo de onde sae
a neve. Aínda así, a resposta máis importante de todas si que a sabía: o amor
que sente a súa nai por el.
Potencialidades: atopámonos
ante unha obra que trata diversidade de temas de interese e que permite a
interacción dos nenos con ela. Ademais, o gran tamaño das ilustracións, así
como as texturas, as cores e a sinxeleza dos textos oriéntannos e
transmítennos tranquilidade. Os temas
principais a destacar son: as
inquietudes que teñen os nenos e as nenas, representadas neste caso a través das diversas
preguntas que fai o osiño. Desta forma, os nenos/as poderán comprender que cada
día terán novas cousas que descubrir e que facer preguntas é a mellor forma
para facelo. Tamén a
importancia do amor dos pais e nais a idades temperás e que moitas veces, pese a que non saberán
responder a todas as preguntas, farán todo o posible por axudar os fillos/as a
elaborar da mellor forma posible a construción do mundo que os rodea. A maiores, atopamos
outro tema que pode ser relevante: a explicación que fai a mamá osa sobre como
se forma a neve.
En definitiva, é unha
obra cunha linguaxe moi rica que fomenta a aprendizaxe do vocabulario da nosa
lingua. A textura convida a tocar o osiño continuamente, o que
permite desenvolver o sentido do tacto dos nenos e nenas máis pequenos/as.
Ningún comentario:
Publicar un comentario