Hill, Eric (2015). ¿Dónde
está Spot?, ilust. Eric Hill, trad. Luis Font, Barcelona: Plataforma, col.
Libros para jugar, (de 0 a 4 anos), [28 pp.] (ISBN: 978-84-16429-40-0).
Breve descrición do formato e contido: É un libro de formato pequeno, case cadrado (22 x 21´5),
cunha encadernación de tapa dura e esquinas redondeadas, perfecto para que
os nenos/as o poidan manexar dunha forma doada e sen mancarse. A cuberta é branca e nela destaca o título en letras negras e grandes, acompañado da imaxe dun can mirando dentro dun baúl; na contracuberta
volve aparecer a mesma personaxe, pero desta vez acompañado do protagonista, o cachorriño
Spot, ademais dunha breve explicación do conto.
O volume presenta unha solapa en cada folla impar, por iso ao principio do
libro, na portada, aparece unha folla en cor azul cunha alfombra e
debaixo dela... o oco para poñer a quen pertence o libro. Na portada volve
aparecer o título, o autor e a editorial nun fondo branco e na contracuberta todos os
datos destes.
O conto é o primeiro dunha colección
onde se contan as aventuras de Spot. Este primeiro relato trata de buscar ao
pequeno Spot, xa que á hora de cear desapareceu e a súa nai búscao por toda a
casa: detrás da porta, no reloxo, debaixo da cama,... en cada sitio que mira
ábrese unha solapa e aparece en cada lugar un animal dicindo que alí non está
Spot ata chegar ao final onde... o cachorriño por fin aparece.
Potencialidades: Aínda que ¿Dónde
está Spot? pareza un conto sinxelo, permítenos traballar moitos aspectos como os lugares (dentro- fóra / encima-debaixo), os sons dos distintos animais que aparecen ao longo da historia, permitindo que os
nenos/as contesten coas correspondentes onomatopeas, e a dicir que NON, así como a visualizar a súa escritura.
É un conto que aos nenos/as lles gusta moito debido a que en cada folla poden levantar unha solapa e pescudar se Spot está alí debaixo, de forma que participan e
interactúan con el. Podemos dicir que é unha forma de
xogar ás agachadas ao tempo que se le un libro. Neste agocharse chamamos
a atención dos máis cativos porque debaixo ou detrás de cada obxecto aparece
calquera tipo de animal, dende osos ata pingüinos, fomentando así a súa
curiosidade polo que aparecerá, e sobre todo, por saber onde estará Spot.
Ningún comentario:
Publicar un comentario