George, Paul (1999), Roque se viste, trad. Teresa Tellechea, Madrid: SM, [5 pp.] (ISBN: 84-348-6659-5).
Breve descrición do formato e
contido: álbum ilustrado de forma rectangular, tapa dura e cos cantos
rematados en punta. Caracterízase por ter todas as páxinas de cartón duro. Na cuberta
aparece Roque, o protagonista, pondo mal unha peza de roupa. Á súa beira aparecen
todas as prendas que trae o libro en forma magnética e, na parte superior, o
título do libro, xunto co nome do ilustrador. Na esquina inferior dereita
aparece o nome da editorial. Empréganse cores vistosas, en contraste unhas coas
outras (azul e amarelo), predominando neste caso o amarelo. En canto á
contracuberta, na que predomina a cor azul, aparece de novo o título na parte
superior, seguido dunha breve descrición da obra e imaxes dalgunhas páxinas
interiores.
En
canto ao interior da obra, na primeira páxina preséntase o personaxe espido e
invítase ao lectorado a que vaia lendo todo o libro e colocando as prendas imantadas
na última páxina, na que aparece o debuxo do personaxe. Na
páxina impar preséntase a prenda que Roque vai vestir e na páxina par aparece
o personaxe coa roupa no lugar equivocado, por exemplo, cuns calcetíns nas
orellas. As cores empregadas non varían ao longo da obra, predominando en todas
as páxinas o contraste de azul e amarelo. Os textos, que aparecen na parte
superior de todas as páxinas, presentan a mesma tipografía, son breves e teñen
unha linguaxe sinxela.
Potencialidades: esta obra ten como obxectivo que
os nenos e nenas coñezan as principais prendas de roupa e para qué zona do
corpo se emprega cada unha. Isto conséguese dun xeito divertido, xa que son os
propios nenos os que poden vestir o personaxe Roque coas pezas imantadas, facendo
que sexa unha experiencia moito máis enriquecedora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario