mércores, 22 de febreiro de 2017

ADIVINA CUÁNTO TE QUIERO

Mc Bratney, Sam (2011), Adivina cuánto te quiero, ilust. Anita Jeram, trad. Esther Rubio, Madrid: Kókinos, (+2 anos), [14 pp.] (ISBN: 978-84-92750-43-6).


Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado que presenta un formato cadrado, de volume medio. As tapas son duras. Ten os cantos rectos e formando puntas. Na cuberta aparecen as protagonistas da obra: unha lebre grande e unha lebre pequena falando nun bosque. Na contracuberta vese a continuidade do bosque e unha pequena conclusión da obra. Xa no interior da obra, cada páxina (excepto unha) ten continuidade na seguinte e todas elas presentan un pequeno texto. Este conto é tridimensional, pois conta con pop-ups ao longo de toda a historia que fan moito máis emocionante e interactiva a historia. Nas ilustracións predominan as cores amarela, marrón e verde, e os trazos son sinxelos. 
Cabe destacar que son de gran tamaño para chamar máis a atención dos nenos e nenas. Nesta obra, dúas lebres (unha pequena e outra grande) intentan medir o amor que se gardan. Ó comezo da historia a lebre pequena dille á lebre grande que adiviñe canto a quere! De seguido, comeza a facer unha serie de xestos e comparacións que lle indican todo o que a quere. Cada vez que a lebre grande responde (mostrando que ela a quere máis), a lebre pequena busca a forma de mostrarlle que ela a quere aínda máis. Ó final do conto, a lebre pequena pensa que non pode haber nada máis lonxe que a lúa e dille: “Quérote de aquí á lúa” e dórmese. Pero a lebre grande aínda atopou un traxecto máis longo...



Potencialidades: O efecto tridimensional da obra fai que os nenos se enganchen rapidamente á historia. Ademais chama á interacción. O gran tamaño das ilustracións fai que non perdan a atención e poidan seguir a historia sen problemas. Na obra non se di que relación teñen a lebre grande e a lebre pequena polo que os nenos e nenas poden usar a súa imaxinación e pensar o que queiran (pai - fillo/a, nai – fillo/a, irmán maior – irmán pequeno...). A obra é, sen dúbida, unha invitación ós nenos e nenas para que comecen a expresar as súas emocións. O álbum está repleto de comparacións polo que se podería traballar posteriormente algún tema relacionado con estas e, por suposto, coas emocións.

1 comentario:

  1. Encántame este formato do conto coas páxinas en pop-up.
    En pontecialidades destacaría que é un conto co que se pode traballar a psicomotricidade, xa que as lebres saltan, abren os brazos, fan o pino, etc. Por outro lado tamén para traballar conceptos opostos, como lonxe e preto ou alto e baixo.
    Un conto para traballar as emocións e no que a lebre unha vez máis é a protagonista.

    ResponderEliminar