sábado, 11 de febreiro de 2017

Un libro


Tullet, Hervé (2011), Un libro, ilustr. Hervé Tullet, trad. Esther Rubio Muñoz, Kokinos (3 a 6 anos), [64pp.](ISBN: 9788492750368).



Breve descrición do formato e contido da obra: volume de cuberta dura e formato cadrado, de cantos redondeados, as páxinas interiores son dun papel bastante groso. Presenta un breve texto nas páxinas pares, cunha frase que convida o lector a interactuar co libro. Ao abrilo só se ve un círculo amarelo sobre a páxina en branco. Entón, convídase o lector a pulsar ese círculo co dedo e descubrir que ocorre; o que, sen dúbida, supón todo un desafío para a curiosidade de calquera neno/a. Para saber a resposta, simplemente hai que dar a volta á páxina. E así comeza a maxia! Círculos de cores mudan de lugar, acomódanse nunha ringleira ou bailan por toda a páxina, medran e ata están a piques de caer polo canto do libro; todo depende de se o neno/a os freta, axita etc. Así, se sopra moi forte poden ata desaparecer!, convertendo a lectura deste libro nun xogo moi pracenteiro para pais e nenos.
                     


Potencialidades: atopámonos ante unha obra intelixente e moi atractiva visualmente, na que o seu autor a partires duns cantos círculos de cores e un pouco de enxeño crea unha divertida complicidade cos seus lectores de forma sorprendente e divertida. Ademais de poder aproximar ós nenos ao mundo das cores e os números, xa que nalgúns casos deberemos de contar; espertaremos a súa imaxinación, xa que estamos ante un libro que interactúa co pequeno lector dunha forma sinxela, pero cunha simplicidade que converte as súas páxinas nun xogo para voltar a el unha e outra vez, de xeito que cando viras a derradeira páxina xa estás a desexar comezar de novo.


Ningún comentario:

Publicar un comentario