Llenas, Anna (2015), O monstro de cores, trad. Okodia, Barcelona:
Editorial Flamboyant, (de 3 a 6 anos), [48 pp.] (ISBN: 978-84-941578-8-2).
Descrición do formato e contido: a presente obra é un
álbum ilustrado narrativo que versa sobre unha historia orixinal. O volume
preséntase nun formato cadrado de tamaño medio e cuxas cubertas son grosas e
ríxidas, servindo a ilustración da cuberta como un adianto ao que se
trata no seu interior. Neste caso, o álbum posúe gardas nas que se imprimen unha
serie de círculos de cores que poderemos observar nas ilustracións de toda a
obra. Os debuxos presentes ao longo da historia lémbrannos aos que fan os nenos
en idade infantil, con trazos imprecisos, cores moi variadas e un recheo dos
debuxos que tamén imita a pintura da infancia. Debemos facer mención a que,
nalgunhas páxinas, eses debuxos incluso semellan estar en tres dimensións pola
diversidade de materiais que aparentemente se utilizou para crealos.
Hai unha
correspondencia entre o texto, escrito en galego, e as imaxes, que van avanzando
simultaneamente. Con respecto ao contido, a historia achégalle ao lector como un monstro se
atopa confuso porque non sabe que sente; entón, unha nena axúdao a identificar
e separar as súas emocións en diferentes botes de cristal. Ao longo deste álbum
identifícanse as distintas emocións con cores, menciónase unha calidade das
mesmas e relaciónanse con elementos naturais e accións da vida cotiá. Por
exemplo, dise da tristeza que sempre bota de menos algunha cousa, que é suave
como o mar e doce como os días de chuvia, mencionando que cando un está triste
adoita apetecerlle estar só e permanecer impasible.
Potencialidades: é evidente que o obxectivo principal deste conto é axudar a nenas e nenos a identificar
as súas propias emocións, é dicir, achegalos a un mellor coñecemento de si mesmos e ao autocontrol. Ademais, somerxerémonos no coñecemento das cores e, a raíz do volume, poderemos achegar os nosos alumnos e alumnas ás artes
plásticas, permitindo que desenvolvan a súa creatividade e favorecendo ademais a
lectoescritura.
Por outra banda, dentro das
ilustracións, concretamente nos círculos de cores, hai fragmentos de textos dos
que podemos obter palabras chave sobre as que construír novos coñecementos. Por
exemplo, na páxina referida á alegría podemos ler o nome de Charles Dickens. En
base a isto resulta oportuno convidar os pequenos a descubrir quen é este
personaxe favorecendo, deste xeito, un achegamento ás novas tecnoloxías como
fonte para recadar información e potenciar a aprendizaxe significativa.
Este é un libro completísimo por todo o que se pode traballar a través del. E ademáis pódese compaxinar con outro libro que creou a mesma autora que é "el mounstro de colores (cuaderno para colorear)". Este non é só un un simple conto con dibuxos para pintar, este conto vai máis alá, un espazo onde os nenos e nenas terán que adiviñar qué sinte o monstro en cada situación para pintar da cor que considere correcta.
ResponderEliminarPor se alguén lle interesa, déixovos aquí a súa bibliografía:
Llenas, Anna (2015), El mounstro de colores (cuaderno para colorear), Barcelona: Editorial Flamboyant, (a partir dos 3 anos), [52 pp.] (ISBN: 9788493987763).
É un álbum ilustrado narrativo, de tapa branda (21x27cm) con 38 grandes ilustracións que soen ocupar duas páxinas todas elas para colorear e que acompañan a un pequeno texto onde explica a situación do monstruo en cada unha de elas
Por desgraza, este conto só se pode atopar en castelán e en catalán. Algo curioso, xa que o libro do cal este procede pódese atopar en lingua galega. Quédanos esperar, e quizáis algún día o atopemos tamén en galego coma o seu antecesor.