mércores, 22 de febreiro de 2017

EL POLLO PEPE

Denchfield, Nick (1997). El pollo Pepe, ilust. Ant Parker, trad. Equipo SM, Madrid: Ediciones SM, (+1 año) [14 pp.] (ISBN: 978-84-675-5198-3).


Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado que presenta un formato cadrado de volume medio. As tapas son duras e ten os cantos rectos e formando puntas. Na cuberta aparece o protagonista da historia, o poliño Pepe, mirando de fronte cun montón de cebada ó lado. Na contracuberta aparece de novo o poliño camiñando e unha pregunta que anima á lectura da obra. As páxinas do libro teñen os cantos redondeados. Presenta, continuamente, dúas páxinas brancas cun texto sinxelo en negro e dúas páxinas con pop-ups moi coloridas coa parte do poliño Pepe que se quere resaltar. É unha obra breve. En canto ás ilustracións, son de gran tamaño e predominan as cores amarela, azul e vermella. Esta obra conta a historia do polo Pepe que come moito e moi variado e por iso ten unha gran barriga, un gran pico e unhas grandes patas. Ademais, ó final do libro mostra como de grande é a nai do polo Pepe.


Potencialidades: nenos e nenas poderán coñecer as partes do corpo dos poliños e das aves en xeral. Dependendo da idade, haberá nenos ou nenas que xa coñezan este vocabulario polo que poderán anticiparse á historia e adiviñar que parte do corpo virá despois. Por outra banda, serve para conciencialos da importancia dunha boa alimentación para o seu crecemento, pois poden compararse co poliño Pepe cando sexa a hora de comer e pensarán que así crecerán tanto coma el e a súa nai. Debido a que é unha obra tan curta, sinxela e se acompaña dunha gran axuda visual, incluso os rapaces/as poderían contala cando a coñeceran.


2 comentarios:

  1. Outra das potencialidades que eu lle vexo a este fermoso conto é que tamen se pode contar mediante a sua fermosa canción, composta por Susa Herrera, a mestra de música da nosa facultade. Atoparedela sen difcultade na rede, seguro que alguén xa a coñece. Seria un conto cantado un recurso que a min me gusta facer moito.
    Tiven a oportunidade de contalo mediante a canción e a verdade que é un recurso que vos recomendo xa que os nenos/as quedan abraiados, e ata se aprenden o conto de memoria.

    ResponderEliminar
  2. Moi boa aportación Nerea, que eu esquecín, pero é certo que a canción de Susa é un moi bo recurso. Eu tamén llo contei a nenos e nenas nun campamento de verán e coa canción gustoulles moito máis. Ós días seguintes pedían volver a cantar a canción do Polo Pepe e volver ver o conto.

    ResponderEliminar