Descrición do formato e do contido: o presente libro é un álbum ilustrado de carácter interactivo. Preséntase nun volume de formato cadrado e cunhas dimensións de 23,5 cm x
23,5 cm. Ambas as cubertas, de cartón groso e ríxido, mesturan as cores vermella e
branca fundamentalmente e a dianteira conta, ademais, cun tipo de cartolina con
textura rugosa e efecto tridimensional superposta ao fondo. Este volume
presenta esquinas pronunciadas e nel destaca a ausencia de gardas.
En cada dobre páxina atopamos
unha composición en tres dimensións que
mestura multitude de cartolinas de cores, formando unha especie de escultura. En
canto á escrita, en lingua castelá, destaca por ter unha única
frase en cada dobre páxina que alude a un agochado ruído branco. A función destes breves textos é resaltar a interactividade, pois presentan un enigma que dá unidade á dobre páxina, que forma un todo continuo, tanto polas composicións en tres dimensións coma no texto. Dentro desas
estruturas de papel podemos descubrir distintos ruídos, en ocasións, utilizando
pestanas que nos achegarán a este descubrimento.
Potencialidades: este
libro mostra unhas potencialidades claras, non só referidas á infancia senón
tamén á idade adulta. Con respecto á infancia podemos
achegarlle unha serie de contidos estritamente curriculares como son as cores
ou as formas xeométricas, presentes en todas as páxinas. Por outra
banda, é unha boa maneira de que os nenos e nenas se acheguen á
literatura dunha forma novidosa, baseada na aprendizaxe por descubrimento e no
xogo. Tamén esta obra producirá emoción e ganas de descubrir a rica
experiencia que é a lectura, fomentando o gusto por ela a través dunha
experiencia multisensorial (vista, oído e tacto) como a que produce nos
lectores este exemplar. Ademais, unha boa estratexia de aplicación á aula é fomentar a aprendizaxe cooperativa, formando
grupos heteroxéneos de nenos e nenas que colaboren no labor de atopar os
ruídos que agochan estas páxinas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario