Capdevila,
Francisco (1997), Ou todo ou nada, ilust. do autor, trad. Isabel Gil, A Coruña:
Everest Galicia, col. O Neno, A Nena e o Bau, (+3 anos) [24 pp.] (ISBN:
84-403-0471-4).
Descrición
do formato e do contido da obra: Álbum ilustrado de tamaño medio e de formato case cadrado
(21,5x 19,5cm), encadernado en cartón brando. Na cuberta aparece o título do
libro e o da colección ao que este pertence ("O Neno, A Nena e o Bau") e tamén os
personaxes da historia. A modo de marco aparecen tamén miniaturas dos
personaxes principais doutros libros da colección. Na contracuberta
aparecen os demais títulos da colección á que pertence este libro, divididos en
bloques segundo a temática que traten.
Este álbum ten ilustracións a toda páxina e o pouco texto que hai aparece
sempre na marxe inferior de cada folla. As letras son bastante grandes e
aparecen todas na mesma cor e formato, agás algunhas palabras como os adverbios
de cantidade, que aparecen en negriña para chamar a atención do lector sobre
eles. En canto ao tipo de ilustracións, estas son sinxelas e fáciles de
comprender, con cores suaves e moi variadas.
Ó Bau, como a todos os cans, gustábanlle os ósos, e como non tiña ningún o
neno e a nena déronlle uns poucos. Aínda que agora o Bau estaba contento, non
podía deixar de pensar que o Meco, o can do veciño, tiña moitos máis ca el, e
iso non lle parecía xusto, así que decidiu roubarlle uns poucos. Cando o Meco
se decatou de que lle faltaban ósos enfadouse moito e foi á casa do Bau para
quitarllos todos. Ambos seguían con esta teima día tras día ata que apareceu Lulú que, sen
pretendelo, deulles unha lección.
O argumento desta obra é
a disputa constante entre dous cans, o Bau e o Meco, por ter máis ósos. A
avaricia convértese así no tema central da obra.
Potencialidades:
Os
libros da colección á que
pertence o volume do que estamos a falar, teñen como fin axudarlle aos nenos a
desenvolver as súas capacidades nalgunhas das áreas básicas que se traballan en
educación infantil. No caso de “O Neno, a Nena e o Bau”, a idea é axudar aos
lectores a diferenciar as cantidades, de aí que todos os adverbios de cantidade
que aparecen estean en negriña. A pesar disto, hai que destacar
que, tal e como está feito o libro, cunha linguaxe moi simple e cunhas imaxes que
mostran de maneira moi clara o que pasa en cada momento, os nenos non necesitan
saber ler para entender o que pasa. Ademais, neste libro a transmisión de valores tamén está moi presente; fálase da envexa, o egoísmo, a compaixón, a astucia e a avaricia, que como xa dixemos é o eixo central ao redor do cal xira a obra, polo cal este volume pode ser unha boa ferramenta para traballar cos nenos e nenas eses e outros valores e temas relacionados, como pode ser aprender a compartir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario