Amosando publicacións coa etiqueta colaboración. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta colaboración. Amosar todas as publicacións

venres, 24 de abril de 2020

Pilú Pilú!




Isern, S. (2011). Pilú Pilú!, ilust. Katharina Sieg, Pontevedra: OQO Editora. (ISBN: 978-84- 9871-313-8).

Descrición do formato e o contido: libro de capa dura de Susana Isern. Na cuberta aparece o título en trazo fino, o nome da autora e da responsable das ilustracións e debaixo as figuras dos protagonistas en acuarela, reflectindo unha das imaxes de solidariedade que aparecen dentro do libro. Na contracuberta aparece a continuación desta imaxe acompañada do ISBN e a editorial. A seguir aparece a páxina de dereitos na que se reflicten, mediante unha listaxe informativa, datos de autoría, tradución e copyright, acompañados dunha dedicatoria: “Para o crocodilo Adriel e o paxariño Marc, os meus meniños”. Na portada recóllense os datos da cuberta. As páxinas son de papel encerado e ocupadas polas imaxes.
Dende o punto de vista do contido, esta obra presenta a un enorme crocodilo que cada día chora desconsolado, mentres é observado por un pequeno paxariño que se pregunta que lle ocorrerá. A súa comprensión e sensibilidade permitirá que a convivencia no bosque mellore e que se superen moitas problemáticas derivadas da convivencia. A anécdota parte de como arranxar un problema acontecido a un destes animais mediante a solidariedade. Os personaxes aparecen humanizados e caracterizados por condutas e personalidades moi comúns na sociedade do momento, aínda que mostradas mediante o mundo natural. 
Este álbum ilustrado propicia unha lectura que esixe a implicación do lector para seguir o fío da historia e acadar o obxectivo final: promover a solidariedade por enriba das falsas expectativas previas. A estrutura asenta en parágrafos breves que se refiren ás ilustracións, permitíndonos deste xeito identificar o que no texto se menciona. Obsérvase unha forte ligazón entre as ilustracións e o contido, especialmente reflectido na expresión facial e corporal das personaxes. As ilustracións propician unha lectura visual complementaria ao texto e amplían contidos da obra. Tanto ilustracións coma escritura aparecen nun fondo branco, ocupando cada diálogo do protagonista cunha das personaxes secundarias unha dobre páxina, xunto coa representación á que é asociada.

Potencialidades educativas: a lectura desta obra permítenos abordar a visión das falsas expectativas que creamos antes de ter coñecemento de algo ou alguén. Invítanos a sacar o bo de cada un de nós, superando prexuízos e estereotipos que temos sobre os outros. Fomenta a solidariedade e a importancia de ser xenerosos cos demais, incidindo en valores morais e éticos de gran relevancia social. Debido ás imaxes que aparecen na obra, podemos adaptala a calquera idade, xa que a partir delas se pode identificar claramente o propósito do álbum ilustrado. Esta obra fomenta o xogo de roles e cambio de identidade. 

Recursos:
Giraluna (2011). ¡Pilú, Pilú! Giraluna. Cuentos e ilustración, en http://giralunamariola.blogspot.com/2011/04/pilu-pilu.html (consultado o 23/4/20). 

domingo, 19 de abril de 2020

A Cebra Camila


Núñez, M. (2004): A Cebra Camila. Ilust. Óscar Villán. Pontevedra: Kalandraka [32 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-126-1).

Descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado con texto orixinal de Marisa Núñez e ilustracións de Óscar Villán pertencente á colección “Demademora” da editorial Kalandraka. O álbum ten unhas dimensións de 22x22 cm e está encadernado en cartoné. Na súa cuberta de tons marróns aparece reflectido o título da obra na parte superior e inferior da mesma; o nome da autora e do ilustrador situados cara aos laterais; na parte máis central aparece un debuxo da protagonista, a cebra Camila, e en letras máis pequenas aparece o nome da editorial. Na contracuberta pódese ver a un dos personaxes da obra, o caracol, enriba dun círculo verde, que evoca espazos abertos e naturais. As gardas están debuxadas con motivos alusivos á protagonista, xa que se poden ver as raias da cebra Camila aliñadas horizontalmente e estas son de cores variadas: vermello, amarela, azul e verde. Posteriormente, aparece unha páxina cos datos da obra e logo a portada, onde se pode ver o título da obra, o nome da autora e do ilustrador sobre un fondo que semella as propias raias da cebra.
En canto ao propio texto, utilízase unha linguaxe sinxela con repeticións durante toda a obra. A tipografía é dun tamaño axeitado ao lectorado agardado, de cor negra para facilitar a súa lectura, a súa disposición é variada en cada páxina respecto ás ilustracións e tamén se emprega o uso das maiúsculas para facer fincapé nalgunhas palabras relevantes da obra. Ademais, o narrador está en terceira persoa e empréganse diálogos onde as demais personaxes conversan coa cebra Camila durante toda a obra.
Atendendo ao contido do libro, trátase dunha obra lineal onde a personaxe principal, a cebra Camila, medrou ata que a súa vestimenta, uns tirantes e un cueiro, lle quedaron pequenos. Un día, desobedecendo a súa nai, saíu sen roupa e por mor do vento, sete das súas raias voáronlle. Para atopalas foille pedindo axuda a unha serpe, a un caracol, ao arco da vella, a unha araña, a unha chicharra e a unha oca. Cando voltou para a casa, súa nai díxolle que xa era maior, por iso non tería que volver vestir o cueiro cos tirantes. As ilustracións que se poden ver ao longo da obra están feitas a acuarela e bordeadas cunha fina liña negra. Todas elas son de cores rechamantes, mentres que o ceo é de cor marrón claro e o chan é de cor verde intenso, semellando céspede.

Potencialidades: para traballar este álbum ilustrado dentro dunha aula de Educación Infantil, primeiramente, resaltaríase a importancia de traballar en grupo e axudarse uns aos outros, tal e como fan as personaxes. Ademais, tamén se poderían traballar valores como a empatía, a xenerosidade e a tristeza, entre outros moitos. Por outra banda, poderíase explicar a importancia dos cambios e que sexan os propios nenos e nenas os que expresen que sentimentos lles provocan, pondo como exemplo a tristeza ante o cambio madurativo da protagonista, facéndolles ver que os cambios non teñen porqué ser malos, senón que son inevitables e necesarios.

Recursos: Un posible recurso educativo para esta obra pode ser a seguinte lectura animada de Teresa Corchete: https://www.youtube.com/watch?v=lXW5ej2EdXA (consultado o 10/4/20).

venres, 28 de abril de 2017

A vaca que puxo un ovo


Cuitbill, Andy (2007) , A vaca que puxo un ovo, ilust. Ayto Russel,España: editorial,patasdepeixe [18pp].( ISBN 978-84-936842-3-5).

Brebe descrición do formato e contido da obra: 

Trátase dun conto con cuberta e contracuberta de cartón duro.
Na cuberta podemos observar o título do conto en letras grandes e ao lado unha vaca observando un ovo moi peculiar xa que posee manchas negras. Sen embargo na contracuberta observamos a unhas vacas divetíndose e pasandoo ben mentras unha delas as observa on cara triste.
O conto consta de dezaoito páxinas nas que podemos observar ilustración e un pequeno texto acompañándoas. As ilustracións caracterízanse por conter debuxos moi sinxelos dos distindos animais que viven nesa granxa, e cores chamativas en cada unha das páxinas.
O libro cóntanos a historia dunha vaca chamada Marjorie que non se sinte moi especial porque non pode andar en bicicleta non facer pinchacarneiros como as demáis Vacas. As súas amigas as galiñas ao vela tan triste deciden poñerlle un ovo para que se sinta especial.

Potencialidades:
A partir deste conto podemos traballar os diferentes animais que viven nunha granxa, as diferenzas entre eles, e os sons que emiten.
Tamén se pode traballar os valores de amistad e colaboración xa que no conto as galiñas ao ver triste a súa amiga a vaca traman un plan para que esta se sinta especial e así rematar coa súa tristeza.