Amosando publicacións coa etiqueta valentía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta valentía. Amosar todas as publicacións

mércores, 20 de maio de 2020

As chaves dos soños


Meilán García, Ana (2018). As chaves dos soños, ilust. Silvina Eduardo, Lugo: Entre nubes y cuentos, [42 pp.]. (ISBN: 978-84-697-9671-9). 

Descrición do formato: álbum ilustrado escrito por Ana Meilán. As súas dimensións son de 23x25 cm. Na cuberta atopamos varias casas con árbores ao seu arredor. É de noite e colgadas de fíos vemos estrelas, chaves e a lúa. As letras do título do conto están realizadas con recortes de letras de varias cores. Na contracuberta atopamos as distintas chaves que van formar parte da historia co seu fío azul e a frase: “ e a  túa chave, ¿que soño abre?”. Cando abrimos o conto vemos representado o escritorio de Adele co seu estoxo, cores, e unha libreta co título Abre os teus soños. As distintas ilustracións están realizadas coa técnica da colaxe, na que cada elemento está formado por anacos de cartón, revista, libros, papel… Adele, a protagonista, caracterízase por levar lentes, ter o pelo roxo e medo de ir durmir, polo que decide pedirlle axuda a súa nai.

Descrición do contido: a historia está narrada en primeira persoa pola nena protagonista, quen relata diferentes situacións. Adele é unha nena que ten soños bos e malos, grandes e pequenos. Para evitar as noites de pesadelos a súa nai cóntalle un segredo sobre varias chaves atadas a un fío azul. Entrégallas e con iso solucionaranse os seus medos. Estas chaves abriranlle as portas dun soño diferente cada noite. Cando vaia durmir terá que colocar a chave que elixa debaixo da almofada e cando a súa estrela brille esa chave abriralle a porta a distintas viaxes. Soña cando está no ventre da súa nai que pode voar e se lle parece que vai ter algún pesadelo, coa súa valentía é capaz de pensar noutra cousa diferente. As chaves proporcionaranlle seguridade, tranquilidade e confianza. Adele aprenderá a enfrontarse ao descoñecido, conseguirá relaxarse e ir tranquila a durmir.

Potencialidades: Moitos nenos e nenas teñen o mesmo problema que Adele, non queren ir durmir polo medo a soñar cousas desagradables. Coa lectura deste libro podemos traballar que facer neses momentos, conseguir relaxarnos e poder durmir sen ningunha preocupación. Ao longo do conto atopamos moitos elementos que se traballan habitualmente na aula de Educación Infantil e que poderían servir como exercicio para a atención e a concentración. A maiores, tamén podemos explicarlle a técnica da papiroflexia, creando cousas sinxelas como os paxariños que vemos no libro. Nun dos soños de Adele transportámonos ao inicio da súa vida, cando está no ventre da súa nai. Podemos traballar esta cuestión de maneira que consigan entendela. Tamén hai bastante vocabulario sobre animais e permite tratar a relación e a confianza existente cunha persoa de apego, neste caso a nai de Adele.

Recursos educativos:
[Cuentos en la nube]. (2017, outubro 18). Cuentos infantiles - Las llaves de los sueños [Arquivo de vídeo]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=X_wXJrPOuTk (Consultado o 6/5/20)

domingo, 26 de abril de 2020

A grande viaxe


Castagnoli, Anna (2009). A grande viaxe, ilust. Gabriel Pacheco, trad. Antón Fortes Torres, Pontevedra: Editora OQO, col. O, [40 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-066-3).

Descrición do contido e forma: álbum ilustrado de Anna Castagnoli e Gabriel Pacheco no que as imaxes xogan un papel fundamental no desenvolvemento da historia. No centro da cuberta obsérvase un taboleiro de xadrez sobre un fondo de cor gris. Enriba do taboleiro sitúase unha caixa cunha personaxe dentro, que leva un gran sombreiro e unhas lentes redondas, esta personaxe aparecerá máis adiante agochada nalgunhas páxinas da obra. As palabras que forman o título están colgando duns fíos na parte superior da ilustración; na cuberta tamén atopamos o nome da autora e do ilustrador, ademais do nome da editorial, en tipografía de cor vermella, na parte inferior. A contraportada continúa o fondo gris e carece de ilustracións. As gardas do inicio do álbum presentan un fondo amarelo no que se atopa un colgadoiro cun sombreiro e unha caixa no chan, mais nas gardas do final do álbum só aparece o colgadoiro. Na portada volve aparecer o título colgando duns fíos do teito e esta vez móstrase unha escaleira que sae do interior da mesma caixa que aparecía tanto na portada como nas gardas.
No interior do libro, o texto intégrase nas ilustracións, cunha tipografía sinxela e de cor negra. As ilustracións son melancólicas e sombrías, utilizando unha gama de cores escuras, como grises ou marróns, excepto nalgúns elementos como a vestimenta da personaxe ou nos animais, que utiliza cores vermellas e amarelas. As ilustracións presentan escenas illadas unhas das outras, aínda que manteñen unha coherencia a través do texto, que é o fío da historia. En canto á arquitectura textual, ao longo do conto empréganse repeticións e as estruturas recordan a un poema, como no seguinte exemplo:

Que poida circular sobre a terra
e baixo da auga,
como un barco con rodas,
como unha nave submarina.


En relación ao contido do álbum, a historia trata dunha viaxe que sucede na imaxinación do neno protagonista. O personaxe cruzará mares, atravesará países en guerra, rescatará animais en perigo e regresará coma un heroe. A viaxe é unha metáfora da vida, a través da cal o protagonista descubrirá o mundo e a si mesmo. A partir dunha simple caixa de cartón, o neno é capaz de transformala nun mundo cheo de imaxinación. A habitación do neno converterase en moitísimos lugares fantásticos, mais, en realidade, a personaxe nunca abandonará a súa casa, o lugar onde comezan todas as aventuras.


Potencialidades: este álbum ofrece a posibilidade de traballar nunha aula de Educación Infantil a imaxinación, o crecemento persoal e a valentía para enfrontarse ás diferentes situacións que se presenten na nosa vida. Ademais, a lectura do libro pódenos servir para impulsar a fantasía dos nenos e nenas e invitalos non só a descubrir o mundo, senón a si mesmos, para así fortalecer a súa maduración e desenvolvemento persoal, o cal lles servirá para construír a súa identidade.

Traducións a outros idiomas e premios: o libro orixinal está escrito en italiano e publicouse no ano 2009, posteriormente realizáronse traducións a diversos idiomas, entre os que se encontran o castelán, o portugués, o francés, o éuscaro, ademais do galego, traducido por Antón Fortes Torres. O álbum ilustrado, na súa adaptación ao galego, foi recoñecido co Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado de 2009, que concede cada ano a Asociación Galega de Editores (AGE).

Recursos educativos
Adaptación animada do conto A grande viaxe, pertence a unha serie elaborada pola TVG, chamada “Os contos do camiño”: http://www.crtvg.es/infantil/programas/os-contos-do-camino/capitulo-14-a-grande-viaxe (consultado o 24/4/20)
Audioconto do libro elaborado pola TVG: http://www.crtvg.es/infantil/ademais/audiocontos/a-grande-viaxe (consultado o 24/4/20)

luns, 13 de abril de 2020

Loboferoz



Patacrúa (2006). Loboferoz, ilust. Chené Gomez, Pontevedra: OQO Editora, col. 0, [36 pp.]. (ISBN: 978-84-9871-325-1).

Descrición do formato: álbum ilustrado escrito por Patacrúa. As suas medidas son 23x25 cm. Na cuberta atopamos o título do libro escrito cunha cor clara para distinguilo do fondo de ton marrón claro. As letras varían de tamaño sendo algunhas máis pequenas e outras alongadas. Debaixo está debuxado un lobo, quen será o protagonista da historia. A súa cabeza destaca sobre o seu corpo, cunha boca grande na que se deixan ver uns dentes afiados. Encóntrase mirando cara a atrás como se estivese escapando de alguén. Na contracuberta observamos dous paxaros mirándose, un subido a unha póla dunha árbore e o outro no chan. Ao abrir o conto divisamos sete árbores, uns de cor marrón e outros beixe, que na garda do final adoptan a situación inversa. Con isto podemos intuír que a historia se desenvolverá dentro dun bosque. As ilustracións interiores van describindo o texto e están deseñadas a través de distintas figuras xeométricas de varios tamaños. Son sinxelas, de formas desproporcionadas, pero con trazos identificables de cada animal. Grazas a elas podemos ver como vai cambiando o aspecto do lobo tras os golpes que recibe dos demais. O espazo case non está representado, aparece o mesmo fondo marrón ao longo do libro, no cal podemos atopar distintas árbores e unhas casas preto do final.

Descrición do contido: o protagonista é un lobo moi vago que só comía papas de arroz. Un día, canso de comer sempre o mesmo, mirouse ao espello e viuse tan fraco que decidiu converterse nun lobo feroz. Ao longo do seu camiño vaise atopando con distintos animais domésticos, mais os seus intentos por comelos acaban por fracasar todos. Este itinerario de encontro/desencontro do protagonista cos outros animais está escrito en verso, con retrouso e formas recorrentes que contribúen ao marcado ritmo da narración e tamén á súa memorización. Os diálogos entre os personaxes destacan polo uso de frecuentes frases acumulativas e diálogos repetitivos, que acentúan o sentido lúdico e divertido da obra.

Potencialidades: A través desta obra podemos ensinarlles ao alumnos/as a importancia da valentía e a astucia ante alguén que se presenta como superior ou máis forte. Isto podémolo observar cando os animais domésticos, que adoitamos identificalos como os máis débiles, conseguen salvar a súa vida e vencer ao lobo representado como feroz. A lectura tamén serve para tomar conciencia e valorar as cousas que temos. O marcado ritmo poético da obra fomenta a participación activa do alumnado, que ve nas formas repetitivas e acumulativas un recurso doado para a memorización, propio da literatura de tradición oral, como é este conto. Ademais o xogo visual das ilustracións tamén acentúan unha lectura paródica e de reescritura dos contos clásicos, subvertendo os roles que se lle atribúen ao lobo nun bo número de contos populares. Os xogos tipográficos axudan ao contacto precoz dos máis pequenos coa lectura e a escritura, ao identificar de forma sinxela estes conceptos remarcados e poder asocialos ás imaxes que os representan.

Recursos educativos:
Suárez, M. (2016, abril 20). LOBOFEROZ (OQO editora). Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=5ikRS4RmpSo (consultado o 8/3/2020)

luns, 27 de febreiro de 2017

El hijo del leñador


Grafalco (1991), El hijo del leñador, Madrid: Grafalco, [32 pp.] (ISBN: 84-7773-347-3).



Descrición do formato e do contido da obra: libro ilustrado de tamaño medio e de formato cadrado (22x22cm), encadernado en cartón duro. A cuberta e a contracuberta móstrannos unha imaxe dun monte que ten continuidade. Na cuberta aparece o título en letras grandes e os dous personaxes principais da historia, o fillo do leñador e mais o seu pai. Na contracuberta explícase a finalidade e o contido da obra e aparece o nome da colección á que esta pertence.

As ilustracións aparecen sempre nas páxinas impares e o texto nas pares, ocupando toda a páxina. As letras son grandes para facilitar a lectura do conto. 
O protagonista da historia é o fillo dun leñador moi humilde, o cal traballaba día e noite para que o seu fillo puidese estudar e así conseguir un bo traballo. Cando o leñador xa reunira bastante diñeiro mandou ao seu fillo a estudar á cidade. O rapaz era moi aplicado e íalle ben no colexio, porén o diñeiro acabouse antes do esperado e tivo que volver á casa a cortar leña co seu pai sen rematar os estudos. Un día, cando pararon para descansar despois dunha dura mañá cortando leña, o fillo do leñador atopou algo que lles cambiaría a vida a ambos...

Potencialidades: este libro está destinado a nenos e nenas que xa se iniciasen ou que se estean iniciando no proceso lector. Para facilitarlles a lectura, as letras son de gran tamaño e presentan un formato fácil de comprender. Ademais, nas últimas páxinas do libro aparece un pequeno anexo cun vocabulario que contén, explicadas dunha maneira moi sinxela, aquelas palabras que poden resultar difíciles de entender para os máis pequenos, así como uns exercicios para estimular a observación e a curiosidade dos nenos.