Amosando publicacións coa etiqueta divertido. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta divertido. Amosar todas as publicacións

martes, 28 de febreiro de 2017

Sin título

Tullet, Hervé (2013), Sin título, trad. Esther Rubio, Francia: Kokinos, [38 pp.] (ISBN:978-84-92750-96-2).



Breve descrición do formato e contido: conto ilustrado que se caracteriza por ter unha forma rectangular, coas tapas duras e os cantos rematados en punta. En canto á cuberta, no centro atopamos o título do libro en letras maiúsculas; na parte superior aparece o nome do autor en letra máis pequena. O fondo é de cor branca e ten algúns personaxes principais debuxados por toda a tapa. Por outro lado, na contracuberta, atopamos unha breve descrición do libro na que se dirixe directamente ao lector, xunto cunha foto do autor e algúns garabatos ao redor . Neste caso utilízanse diferentes tamaños de letra, para darlle un ton diferente ás frases que están entre parénteses. Utilízase unha gran variedade de cores.



En relación ao interior da obra, este libro destaca pola súa orixinalidade, xa que non é común que un libro teña este título. As ilustracións mesturan diversas técnicas, estando compostas de debuxos, fotografías e múltiples garabatos, dando a impresión de que son follas pintadas por algunha persoa e non un libro común. Ademáis, aparecen fotografías do propio autor, algo que o lector non agarda. Éstas abarcan as páxinas impares e pares, dando lugar a ilustracións dun gran tamaño. Nalgunhas follas non aparece ningunha frase, sendo o debuxo o elemento principal, e noutras van aparecendo os diferentes diálogos que teñen todos os personaxes entre si. En canto á letra, xógase co seu tamaño, enfatizando así algunhas palabras, que aparecen en distintas partes dependendo da páxina na que nos atopemos. As frases son breves e emprégase un vocabulario sinxelo. As cores son moi variadas: cada personaxe aparece sempre coas mesmas cores, variando unicamente os garabatos que os rodean; isto tamén inclúe a diversidade, pois todos os personaxes son diferentes e conviven nun ambiente de respecto. Na maior parte das follas emprégase un fondo branco, exceptuando as páxinas nas que se narra un conto moi breve, que teñen un campo como fondo, e as páxinas nas que os personaxes están ás escuras, sendo o fondo neste caso totalmente negro. 
O contido trata de dous debuxos que se decatan de que alguén abriu o libro e, como aínda non está acabado, tratan de entreter cos seus compañeiros o lector. De súpeto, decátanse de que nos contos adoita aparecer algunha historia e van chamar ao autor, que aínda está rematando esta obra, para que os axude.

Potencialidades: con esta obra conséguese que os nenos e nenas estean atentos ao que vai pasando, xa que, ao se dirixir ao propio lector, fai que sexa moi divertido e interactivo. Ademais causa impaciencia e esperta a imaxinación dos nenos e nenas polo que pasará na seguinte folla, grazas á súa variedade de ilustracións e cores. É un bó recurso á hora de traballar a diversidade, xa que todos os personaxes que aparecen na obra son distintos. Seguindo a temática do libro, pódese animar aos nenos/as que inventen e debuxen a súa propia historia, alimentando así a súa creatividade. Outra potencialidade é que os nenos tamén poden imaxinar outra historia guiándose polos debuxos, imaxinando o que vai pasando. E o máis importante e do que vai o propio libro: ao non estar rematado, poden ser os propios nenos os que inventen o final. 

martes, 14 de febreiro de 2017

La casa de Maisy un libro desplegable para jugar

Cousins, Lucy (2005). La casa de Maisy, un libro desplegable para jugar. Barcelona: Edicions Destino, [8 pp.] (ISBN: 978-84-2332-531-3). Non apto para nenos/as menores de 36 meses.


Breve descrición do formato e contido da obra: libro ilustrado á vez que interactivo  para xogar cos despregables da cociña, baño e o dormitorio de Maisy. En cada habitación hai unha folla con pezas de cartón, lingüetas para estirar, unha base para pór a Maisy e un gardarroupa para vestila, ademais dun pequeno libriño no interior de dezaseis páxinas a toda cor cheas  de actividades didácticas e divertidas baseadas nun día con Maisy.  Na casa de Maisy hai moitas cousas para pasalo ben!



Potencialidade: libro moi recomendado para educación infantil, posto que é moi interactivo para os nenos e nenas e chama moito a súa atención polos seus despregables e así facer a lectura máis amena e de maneira máis autónoma. O libro non trae texto e vén nun pequeno libriño que se atopa no interior,  no que di o que hai que buscar nos diferentes cuartos da casa. 

domingo, 12 de febreiro de 2017

Pimpón el muñeco


Gubiana, Valentí (2009), Pimpón el muñeco, ilust.Mónica Calvo y Patricia Metola, Zaragoza: Edelvives, col. Gotas Dulces, (de 2 a 6 anos), [10 pp.]

Breve descrición do formato e contido da obra: álbum ilustrado da vida cotiá que é de pequeno formato, de cantos redondeados e de cartón  Nas páxinas  represéntase en cada unha un hábito, acompañado dun breve texto, que vai formando unha rima que mantén a mesma estrutura en todas elas. Este texto ocupa sempre o mesmo lugar, que é o final de cada páxina, e sempre son dúas frases. Tamén se mostra nas ilustracións os distintos hábitos que fai o boneco desde que se levanta ata que  vai  durmir, mentres o texto que acompaña a imaxe indica como o vai facendo. Ademais, hai unha canción protagonizada polo boneco pimpón que reproduce a historia que narra o conto,  polo que despois de ler o libro se pode pór a canción. (Enlace da canción: https://www.youtube.com/watch?v=RX0VtkQOddw).

Potencialidades. Como se indica na propia contracuberta, é “un libro para aprender os hábitos”. Nesta colección os nenos/as a través do personaxe aprenden hábitos como neste caso, descobren o contorno, amplían o seu vocabulario... Por outra parte, vai formando rimas que lle permite de maneira máis fácil e divertida acordarse de como fai o personaxe os diferentes hábitos, para  logo imitalo. Permite tamén que os nenos/as se sintan identificados co boneco Pimpón. Este libro eu recomendaríallo para nenos a partir dos dous anos, xa que é cando se empezan a facer máis autónomos e adquirir pouco a pouco uns hábitos que chegan case asentados a escola.

venres, 10 de febreiro de 2017

TARTARUGA

Marín, Xaquín (2007), Tartaruga, ilust. do autor, A Coruña: Baía Edicións, col. Xíz de cob, nº 11, (3-6 anos), [32 pp.] (ISBN: 978-84-96526-94-5).


Descrición do formato e contido: álbum ilustrado en galego, cun volume de formato cadrado e tamaño medio e tapa dura. Na cuberta, concretamente na parte superior, móstrase o título da obra, na liña de abaixo o nome do autor e logo a editorial. Todo isto sobre unha paisaxe na que aparece a metade do corpo da protagonista da historia. Na contracuberta, tamén na parte superior, aparece a colección á que pertence a obra e o seu número correspondente, e na liña seguinte aparece de novo a editorial. Ademais, cuberta e contracuberta configuran unha unidade, ao complementárense para formar a imaxe íntegra da paisaxe e o corpo da protagonista.
Referíndonos ao interior da obra, todas as páxinas están conformadas na súa totalidade por ilustracións de cores moi rechamantes e variadas que representan diversos animais e paisaxes. Sobre as ilustracións hai pequenos textos situados en diferentes partes das páxinas: algún na parte superior ou inferior esquerda ou dereita; no medio ou en bocadillos que representan graficamente o pensamento dos personaxes. Todos os textos fan referencia ás imaxes que aparecen, nas que é preciso apoiarse para interpretar por completo o seu contido. A maiores, os textos tamén mostran un vocabulario divertido e nalgún caso incluso humorístico, como a alusión que se fai nunha das páxinas á historia tradicional da tartaruga e a lebre.


Tamén resulta significativo indicar que unha das páxinas trae unha pequena sorpresa: a tartaruga aparece dada á volta e di “por favor, dádelle a volta ao libro!”, e cando lle dás a volta aparece ao dereito e dá as grazas.


Finalmente, aludindo ao propio contido da historia, mencionar que é narrada pola tartaruga, que vai contando todo o que podes chegar a atopar ao longo dun  paseo: amigos, perigos, curiosidades, compañeiros…

Potencialidades: este album presenta unha gran variedade de potencialidades que se poden traballar coas nosas alumnas e alumnos, entre elas a interactividade, pois favorece que os nenos/as establezan unha relación de participación co texto, pero sobre todo coas ilustracións. Ademais, a pequena tartaruga vai comentando diferentes feitos que aumentan a intriga do que virá despois e que dan moito que reflexionar. Neste sentido, pódense tirar tres ensinanzas principais, a maiores das interpretacións que poida facer cada persoa:
A primeira é a aceptación das nosas propias características, aprendendo a velas coa maior positividade posible. Noutro caso, a interpretación que se pode facer é a presentación da filosofía de vida da tartaruga, que se opón á velocidade da sociedade actual. 
A segunda é a metáfora que se fai do paseo da tartaruga, pois pode entenderse como o camiño ao longo da vida, onde podemos atopar “amigos, perigos, curiosidades…”, “compañeiras, case iguais; outros máis lentos, máis rápidos, envexosos…”, ademais do feito de que “no camiño podes dar moitas voltas, polo que cada día é máis difícil avanzar”, é dicir, que ao longo da vida poden aparecer reveses que complican o día a día, pero sempre haberá cousas que farán da vida algo moi interesante.
En terceiro e último lugar,  refírese a un dos comentarios que fai a tartaruga con respecto aos tipos de compañeiros que podes atopar ao longo do paseo. O comentario que fai é que “os peores que te podes atopar son os intelixentes”, é dicir, os seres humanos. Isto pódese analizar (sobre todo pola ilustración que representa o texto), coma unha alusión ao feito de que as persoas facemos cousas que son prexudiciais para os animais, polo que é adecuado comezar xa dende cativos a desenvolver a nosa capacidade de concienciación co noso contorno para mellorar a convivencia co resto de seres vivos, ao tempo que se adquiren diversos valores como o respecto, a solidariedade, a dignidade...