Solís, Pedro (2016). Cuerdas, Barcelona: Editorial Bruño, [32
pp.]. (ISBN: 978-84-696-2055-7).
Descrición do formato e contido da obra: Álbum
ilustrado de tapa dura do autor Pedro Solís. A cuberta amosa varias imaxes que
aparecen no interior do libro. Na contracuberta obsérvase unha imaxe dos
protagonistas do conto. As gardas presentan unha cor amarela con varias imaxes
dun neno e dunha nena xogando a distintos xogos (cunha bicicleta, cun balón e
cunha corda). Na portada, ao lado esquerdo, aparece a imaxe da fachada do
orfanato e na parte dereita observamos unha imaxe máis pequena acompañando ao
texto inicial. A temática é a inclusión, o respecto, o amor e a vocación.
Despois da súa lectura pódese reflexionar co alumnado sobre valores como a
amizade, a axuda, o respecto e a solidariedade. Sobre todo coas persoas que
máis o necesitan, ademais de fomentar a conciencia de que todos somos
diferentes e que ás veces non todas as persoas poden facer as mesmas
actividades por si soas, pero si se poden adaptar para as necesidades
individuais de cada un/unha.
Cuerdas conta a historia de dous grandes amigos que estudan no
Orfanato Provincial. Nicolás Solís é un neno con parálise cerebral, todos e
todas din que é unha persoa “especial”. Porén, para unha rapaza da súa clase
chamada María é un neno que necesita amigos/as. Polo que ela, a pesar de
escoitar comentarios como “que rara es María”,se achega a Nicolás e encontra a
forma de integralo nos xogos. Grazas a iso, Nico experimenta coa axuda de
María, o que é xogar ao fútbol, mover os brazos, saltar á corda e incluso chega
a se converter en pirata. A entrega da nena fai que Nico sexa feliz ata a noite
que falece. Esta noticia é moi dura para María, marcándoa para sempre. Despois
dos sucesos acontecidos María toma a decisión de converterse en mestra de
educación especial, ataviada sempre no seu pulso cunha corda, a modo de
pulseira, que lle lembra o seu amigo Nico.
Este libro é un
claro exemplo do poder da amizade, de que non hai discapacidade que impida
xogar a nenas e nenos se hai vontade por parte das persoas que as rodean. O
texto presenta un narrador autodiexético que é María, que narra a súa propia
historia e para iso emprega parágrafos curtos, acompañados por ilustracións que
apoian o texto.
As ilustracións varían en cada folla do conto. A
disposición vai mudando de páxina en páxina, en ocasións aparecen nas páxinas
pares, noutras nas impares, por veces son ilustracións a toda páxina e noutras
de tamaño máis reducido. O texto aparece incluído en diferentes posicións, pero
sempre buscando crear efecto no lectorado, ao combinar imaxes e texto de modo
que xogan coas emocións do lector. Utilízanse múltiples cores durante toda
a historia, predominando as cores escuras.
Potencialidades educativas: Este álbum fainos reflexionar sobre a
diversidade que hai nas aulas, sendo todos diferentes e precisando de diferentes
adaptacións tanto a nivel aula como na estruturación do colexio para que o
proceso de ensinanza-aprendizaxe sexa beneficioso e exitoso para cada un
deles/as. Tratar a temática da diversidade é fomentar a igualdade e o respecto.
Cada neno/a necesita atención e axuda diferente. Isto enriquece o potencial nas
aulas porque canta máis variedade, máis valores se poden transmitir aos
pequenos/as. É moi interesante traballar este tipo de obras nas aulas dende
idades temperás porque así os nenos/as aprenden a respectar os seus iguais e
poden poñerse no lugar dos personaxes, actuando como transmisores de accións
solidarias, tal como representa María, axudando aos compañeiros/as que presentan
máis dificultades. Coas imaxes que aparecen ao longo da historia, os nenos/as
poden sentir diferentes emocións (felicidade, tristeza, alegría).
Recursos
educativos:
Curtametraxe de Pedro Solís García,
gañador do Goya 2014 na catregoría de ¨Mellor curtametraxe de animación
española¨. Represéntase a obra completa de ¨Cuerdas¨, en https://www.youtube.com/watch?v=4INwx_tmTKw (consultado o
28 de marzo de 2020).
