mércores, 1 de abril de 2020

Cuerdas




Solís, Pedro (2016). Cuerdas, Barcelona: Editorial Bruño, [32 pp.]. (ISBN: 978-84-696-2055-7).
Descrición do formato e contido da obra: Álbum ilustrado de tapa dura do autor Pedro Solís. A cuberta amosa varias imaxes que aparecen no interior do libro. Na contracuberta obsérvase unha imaxe dos protagonistas do conto. As gardas presentan unha cor amarela con varias imaxes dun neno e dunha nena xogando a distintos xogos (cunha bicicleta, cun balón e cunha corda). Na portada, ao lado esquerdo, aparece a imaxe da fachada do orfanato e na parte dereita observamos unha imaxe máis pequena acompañando ao texto inicial. A temática é a inclusión, o respecto, o amor e a vocación. Despois da súa lectura pódese reflexionar co alumnado sobre valores como a amizade, a axuda, o respecto e a solidariedade. Sobre todo coas persoas que máis o necesitan, ademais de fomentar a conciencia de que todos somos diferentes e que ás veces non todas as persoas poden facer as mesmas actividades por si soas, pero si se poden adaptar para as necesidades individuais de cada un/unha.
Cuerdas conta a historia de dous grandes amigos que estudan no Orfanato Provincial. Nicolás Solís é un neno con parálise cerebral, todos e todas din que é unha persoa “especial”. Porén, para unha rapaza da súa clase chamada María é un neno que necesita amigos/as. Polo que ela, a pesar de escoitar comentarios como “que rara es María”,se achega a Nicolás e encontra a forma de integralo nos xogos. Grazas a iso, Nico experimenta coa axuda de María, o que é xogar ao fútbol, mover os brazos, saltar á corda e incluso chega a se converter en pirata. A entrega da nena fai que Nico sexa feliz ata a noite que falece. Esta noticia é moi dura para María, marcándoa para sempre. Despois dos sucesos acontecidos María toma a decisión de converterse en mestra de educación especial, ataviada sempre no seu pulso cunha corda, a modo de pulseira, que lle lembra o seu amigo Nico.
Este libro é un claro exemplo do poder da amizade, de que non hai discapacidade que impida xogar a nenas e nenos se hai vontade por parte das persoas que as rodean. O texto presenta un narrador autodiexético que é María, que narra a súa propia historia e para iso emprega parágrafos curtos, acompañados por ilustracións que apoian o texto.
As ilustracións varían en cada folla do conto. A disposición vai mudando de páxina en páxina, en ocasións aparecen nas páxinas pares, noutras nas impares, por veces son ilustracións a toda páxina e noutras de tamaño máis reducido. O texto aparece incluído en diferentes posicións, pero sempre buscando crear efecto no lectorado, ao combinar imaxes e texto de modo que xogan coas emocións do lector. Utilízanse múltiples cores durante toda a historia, predominando as cores escuras.
Potencialidades educativas: Este álbum fainos reflexionar sobre a diversidade que hai nas aulas, sendo todos diferentes e precisando de diferentes adaptacións tanto a nivel aula como na estruturación do colexio para que o proceso de ensinanza-aprendizaxe sexa beneficioso e exitoso para cada un deles/as. Tratar a temática da diversidade é fomentar a igualdade e o respecto. Cada neno/a necesita atención e axuda diferente. Isto enriquece o potencial nas aulas porque canta máis variedade, máis valores se poden transmitir aos pequenos/as. É moi interesante traballar este tipo de obras nas aulas dende idades temperás porque así os nenos/as aprenden a respectar os seus iguais e poden poñerse no lugar dos personaxes, actuando como transmisores de accións solidarias, tal como representa María, axudando aos compañeiros/as que presentan máis dificultades. Coas imaxes que aparecen ao longo da historia, os nenos/as poden sentir diferentes emocións (felicidade, tristeza, alegría).
Recursos educativos:
Curtametraxe de Pedro Solís García, gañador do Goya 2014 na catregoría de ¨Mellor curtametraxe de animación española¨. Represéntase a obra completa de ¨Cuerdas¨, en https://www.youtube.com/watch?v=4INwx_tmTKw (consultado o 28 de marzo de 2020).

2 comentarios:

  1. O libro "Cuerdas" paréceme un conto moi interesante por diversos motivos. O primeiro deles é que trata temas moi importantes como poden ser a diversidade e a inclusión, neste caso co exemplo dun neno cunha necesidade educativa especial como é a parálise cerebral, ademais doutros temas destacables como a amizade e a vocación.
    Outra das razóns é que é un conto que pode servir de exemplo para todas as idades, aínda que o seu máximo aproveitamento sexa cos nenos e nenas pequenos, xa que dende esas idades deberíase ensinar este tipo de valores. A historia de María con Nicolás é algo que non se ve a diario e que todas as persoas deberiamos tomar como exemplo para fomentar a inclusión destas persoas.
    Por último, quero destacar que esta historia xa me chamara a atención anteriormente xa que o ano pasado fixemos unha práctica con ela na universidade, creo que é un conto que fai brotar os nosos sentimentos e as nosas emocións e é moi útil para empregar nunha aula, facendo pequenas asambleas, por exemplo.

    ResponderEliminar
  2. Paréceme un álbum ilustrado moi interesante, para explicarlle aos nenos/as a inclusión doutro na aula, e traballar a diversidade, neste caso dun neno que ten parálises cerebral. Unha historia fermosa, no que fai reflexionar aos nenos/as de que o máis importante é valorar a todos os seres humanos por igual, sen importar as capacidades físicas. Paréceme un conto onde se transmiten moi ben os valores da xenerosidade, amizade, inocencia, e tenrura da infancia dunha forma brillante.
    Nunha aula de educación infantil pódeselle dicir aos nenos/as que lles suxire o título do conto "cordas", para espertar a súa imaxinación, e senón lles sae dirémoslle que simboliza a vocación a través delas e a súa relación co seu amigo, e pódese facer un exercicio no que a educadora corte cordas e que cada neno/a as suxeite ás súas bonecas e se una con alguén que o precise ou facer unha dinámica de tela de araña lanzando un nobelo de corda e sostendo o extremo e que cada vez que o neno/a reciba o nobelo faga unha reflexión
    Tamén me parece un bo exemplo para explicarlle isto "por catro esquinitas de nada"

    ResponderEliminar