mércores, 1 de abril de 2020

Pepita es especial



Arroyo, Fabiola (2018). Pepita es especial, Barcelona: Editorial Beascoa. [48 pp.]. (ISBN: 978-84-488-5168-2).

Descrición do formato e contido da obra: Álbum ilustrado de tapa dura da autora Fabiola Arroyo. A cuberta amosa unha imaxe na que aparece Pepita na parte central e os seus amigos/as ao seu arredor. Na parte inferior da contracuberta, hai unha imaxe de Pepita moi feliz e na parte superior un resumo da súa historia. Nas gardas hai moitos triángulos de distintas cores sobre un fondo branco. Na portada e páxina de créditos, no lado dereito aparece Pepita recibindo aos seus lectores e na esquerda toda a información técnica do conto. A temática é a diversidade funcional e que contribúe a que o lectorado sexa sensible cara a realidades como a discapacidade. Despois da súa lectura pódese reflexionar co alumnado sobre valores como a felicidade da unión familiar, as amizades, o agarimo cara aos demais, a consciencia de que todos somos diferentes e igual de importantes ou o respecto cara aos iguais.
Pepita es especial conta a historia dunha nena de tres anos con síndrome de down dende a perspectiva da súa irmá maior, Fabiola. Pepita ten dous irmáns maiores, Juan de cinco anos e Fabiola de seis. No libro descríbese como é a vida de Pepita e da súa familia dende que naceu, caracterizada pola normalidade de calquera nena da súa idade, de aí que vaia ao parque, que fagan viaxes e se divirtan participando en actividades que lles gustan. Normalízanse así a diversidade e a inclusión, facéndolles ver aos lectores/as que unha persoa con síndrome de down leva unha vida similar á dos demais e que é un motivo de felicidade para os seus familiares. O texto presenta un narrador autodiexético que é Fabiola, a irmá de Pepita, incluíndose na súa propia historia familiar. Empréganse parágrafos curtos acompañados dunha ilustración a cor.
As ilustracións teñen unha disposición de dobre páxina durante toda a historia, acompañando ao texto que aparece en cada unha delas. Os personaxes son os membros da familia de tipo tradicional na que medra a protagonista. Todas as imaxes están orientadas cara ao lado dereito, nun xogo de continuidade que incita ao lectorado a pasar a páxina e continuar lendo.
Potencialidades educativas: a lectura desta obra permite reflexionar sobre a diversidade, en particular sobre as persoas que padecen síndrome de down. Incídese na normalidade deste colectivo e sobre todo no sentido da unión familiar, do respecto, da aceptación, a colaboración e participación en equipo nas actividades e tarefas que levan a cabo. Tamén se percibe a socialización con outros familiares e compañeiros/as do colexio cos que comparten o día a día. O cariño e o amor tamén se percibe, xa que entre todos/as coidan e protexen á protagonista. Coas imaxes que aparecen ao longo da historia, os nenos/as poden observar diferentes ambientes e lugares da vida cotiá (a escola, o hospital, a praia, etc).
Recursos educativos:
Vídeo no que se dá a coñecer á protagonista na vida real, Pepita, en https://www.youtube.com/watch?v=KjyBXN4V730&t=33s (consultado o 26 de marzo de 2020).
Lectura do conto por parte dunha persoa adulta para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down, en https://www.youtube.com/watch?v=GNutnjlcLQc (consultado o 26 de marzo de 2020).





1 comentario:

  1. Este es un libro que me gusta mucho, ya que intenta explicar a los niños y niñas que no todos somos iguales y eso es algo bueno. Que los niños y niñas con capacidades diferentes nos enseñan sobre el amor y que con nuestro cariño y respeto podemos ayudar a la inclusión futura de todas estas personas tan maravillosas y especiales.
    Además, quiero destacar que desde hace bastante tiempo sigo la vida de Pepita a través de una red social, por eso tenía constancia de este libro y mi especial interés, pero para todos y todas que os guste esta obra, quiero dar a conocer la existencia de un segundo libro, titulado "Nuestra hermana Pepita", para que podáis seguir disfrutando de esta maravillosa historia.

    ResponderEliminar