Canizales (2016). Guapa. Zaragoza: Apila Ediciones, [36 pp.]. (ISBN: 978-84-943476-6-5).
Descrición do formato da obra:álbum ilustrado cunha cuberta de cartoné, formado por 36 páxinas cunhas dimensións de 25x23 cm. Clasifícase como un conto orixinal de autor, narrativo, literario e texto monolingüe, xa que é unha historia orixinal con valores e contravalores. Na cuberta aparece unha grande ilustración da protagonista, mirándose ao espello, e neste, unha nova visión da bruxa protagonista. O título ocupa a parte superior da cuberta con letras grandes e brancas; debaixo atópase o nome do autor. O fondo da cuberta é de cor vermella, polo que o título e as ilustracións principais destacan no contraste das cores. Nas gardas, de cor vermella igual cá cuberta, aparecen debuxos da silueta da bruxa protagonista e dos demais personaxes do libro, adiantando aspectos do conto. Na páxina de título de créditos, ademais dos datos da edición tamén se recolle unha dedicatoria, mentres que na portada se repiten datos da cuberta cunha ilustración significativa da bruxa dentro do espello. Na contracuberta aparece unha breve descripción do contido da historia narrado pola bruxa, unha ilustración dun prato, referente ao menú das últimas páxinas e de novo o ISBN e código de barras.
As ilustracións son moi características, imaxes limpas e vistosas. Toda a historia transcorre nun mesmo nivel, marcado pola presenza constante do nivel do chan, que convida a querer saber a onde vai a bruxa. O texto atópase en ambos os lados das páxinas, e adquire maior tamaño a tipografía naquelas frases máis importantes.
Descrición do contido: neste volume nárrase a historia dunha bruxa, que ten unha cita cun ogro. Nun primeiro momento a bruxa está moi emocionada, prepárase e sae da súa casa moi contenta, pero de camiño vaise atopando con personaxes que lle fan cambiar a súa visión de si mesma e que a convidan a que a modifique. Ela déixase levar polos comentario alleos, e cando chega ao lugar da cita o ogro non a recoñece. A historia resólvese dunha maneira moi divertida, xa que a bruxa se da conta de que non debe facer caso aos comentarios alleos e prepara un novo menú para a súa nova cita co ogro, co que se vinga dos demais personaxes.
Potencialidades educativas: con este álbum trabállase o amor propio, a seguridade nun mesmo e a capacidade de ignorar os comentarios negativos. A lectura desta historia permite traballar a sensibilidade cara ás opinións alleas sobre o corpo ou a imaxe, a influencia que exerce sobre as persoas e a necesidade de fraguar personalidades fortes e pouco manipulables. Esta problemática acentúase en etapas como a adolescencia, aínda que o sentido crítico se debe traballar xa dende a primeira infancia.
Recursos educativos:
- Audioconto en Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=EHOjFu5OFuM (Revisado o 17 de Abril de 2020).
- Blog no que narran a súa opinión do álbum: https://elbuscalibros.com/guapa-canizales-bruja-pretty-e0d720229964 (Revisado o 17 de Abril de 2020).
Ningún comentario:
Publicar un comentario