Amosando publicacións coa etiqueta a aceptación dun mesmo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta a aceptación dun mesmo. Amosar todas as publicacións

mércores, 13 de maio de 2020

A vaca que puxo un ovo

CUTBILL, Andy e RUSELL Ayto, (2017). A vaca que puxo un ovo. Vigo: Patas de Peixe (ISBN: 978-84-9368-423-5). 

A Vaca Que Puxo Un Ovo: Amazon.es: Cutbill, Andy, Ayto, Russell ...Descrición do formato e contido: álbum ilustrado escrito por Andy Cutbill que conta coas ilustracións de Ayto RusellL, composto por 54 páxinas e encadernado en cartoné. É un libro dirixido a nenos e nenas a partir dos 4 anos. Presenta na cuberta un fondo fucsia e unha ilustración onde aparece a protagonista do libro, Marjorie, que mira con ilusión un ovo. Marjorie é de cor branca con manchas negras, ao igual que o ovo. Esta imaxe ocupa o lado dereito da cuberta, o título do libro ocupa todo o lado esquerdo e o autor e ilustrador apenas ocupan espazo, os seus nomes están situados na parte inferior. A contracuberta conta cun fondo que representa un espazo da granxa onde vive a protagonista e onde se poden ver tres vacas facendo malabares, con Marjorie nunha esquina cunha nube gris enriba dela a pesar de que o ceo está azul e sen máis nubes, a protagonista está falando con tres pitas. Tamén, hai un pequeno resumo do conto e abaixo de este o nome da editora e o ISBN.
As gardas son brancas, con manchas en forma de círculos negros que representan as manchas que ten Marjorie e o ovo. Despois da garda hai unha anteportada cun fondo branco e onde aparece tres pitas en fila, esta páxina dá lugar á portada, que ao igual que a anteportada é branca e nela pódese ver ademais do título do libro, que ocupa case toda a páxina, o nome do autor e do ilustrador.
O texto é breve, a fonte utilizada é sinxela, as frases son curtas e claras, cedéndolle o protagonismo ás imaxes, aínda que nalgunhas ocasións aparecen en letra grosa e máis grandes para darlle maior importancia ao que se di. As ilustracións están feitas con trazos sinxelos e son fáciles de identificar, estas imaxes son a dobre páxina. As cores empregadas son de tonalidades fortes, aínda que se utiliza tamén o negro cando é de noite e representa o misterio. Algunhas escenas preséntanse a modo de banda deseñada, o que fai que os lectores as observen con atención.
O narrador é heterodiexético e conta a historia en terceira persoa, mestúrase coas voces dos personaxes que dialogan. Os personaxes principais do conto son animais, as vacas e as pitas. A protagonista é Marjorie, unha vaca que estaba triste porque non se sentía especial xa que, non sabía montar en bicicleta nin dar un pinchacarneiro como as outras vacas, polo que as súas amigas as pitas deciden intervir e colócanlle un ovo onde ela dorme, á mañá seguinte Marjorie berra ¡puxen un ovo!. Finalmente, o que sae de dentro dese ovo é unha pita, pero ao saír di «Muuuuuuu»

Potencialidades educativas: A través deste conto pódense traballar varios temas, desde os animais que viven nunha granxa, a idea do autoconcepto e a autoestima xa que, Marjorie está triste por que non sabe facer as cosas que fan as outras vacas, valores como a amizade e a solidariedade por parte das galiñas, tamén permite reflexionar sobre o amor filial e os tipos de familia.

martes, 12 de maio de 2020

O patiño feo




Andersen, H. C. (2005). O patiño feo. Trad. Manuela Rodríguez. ilust. Ana Sande, Pontevedra: Kalandraka Editora, (a partir de 3 anos), [40 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-525-2).

Descrición do formato e o contido: É un álbum ilustrado de cartoné creado por Hans Christian Andersen y adaptado por Manuela Rodríguez. Foi recoñecido no Programa Nacional de Lectura (SEP México) – 2006. Este libro está escrito en lingua galega. Conta con 40 páxinas. A cuberta presenta unha paisaxe na que se atopan tres patiños, un deles é o patiño feo, que mostra unha cara triste mentres marcha camiñando rapidamente, os outros dos patiños van detrás del camiñando por un camiño no que se van reflectindo as sombras dos patiños pola Lúa branca que se amosa na marxe superior do conto. O ceo móstrase de cor azul escuro, como é propio da noite. O que se mostra na cuberta é algo revelador, xa que aparecen algúns dos protagonistas da historia. As cores empregadas son vivas e alegres, mesturando frías con cálidas. A cuberta contén o título nun tamaño grande e de cor branca, o nome do autor e da ilustradora, ademais do nome da editorial. Na contracuberta aparecen máis patiños xogando entre eles mentres camiñan por un carreiro, así como algúns datos da edición. As gardas están tinxidas de cores vivas, nelas aparecen as catro estacións, dende o verán, no que se pode observar unhas herbas, ao outono que se reflicte nas follas de cores laranxas e marróns, na neve que simboliza o inverno e nas flores que dan lugar a primavera. Antes da portada aparece unha ilustración dos ovos dos patiños onde aparecen os títulos de crédito. Na portada aparece a continuación dos ovos dos patiños e os datos da edición (título, autor e adaptación, ilustradora e editorial) sobre un fondo de cor ocre escura. O texto está en minúsculas e nel resaltan algunhas palabras, como acontece nas últimas follas do conto.
O título desta obra pódenos levar a pensar en calquera situación na que poidan contar a vida triste deste patiño feo, pero en realidade trata dunha historia cun final fermoso. O patiño feo nace máis tarde cós seus irmáns, sae dun ovo máis grande cós demais e non se parece a ningún dos outros, polo que a nai pensa que quizá fose un pavo e non un pato, daquela para comprobalo decide ir ao lago. Ao ver que pode nadar sen ningún problema a nai sentiuse mellor. Despois foi presentarlles os seus fillos aos demais animais, que se rían del porque era diferente. Canso de que acontecese isto decidiu marchar. No seu camiño encontrou con gansos, cunha muller anciá mais o seu gato e a súa galiña, cun labrego e os seus fillos, ata que finalmente apareceron os cisnes, estes nadaron ao seu redor e acariñárono co bico, era un máis. Sntiuse moi feliz de ser un cisne. O texto conta cun narrador en terceira persoa, que introduce o diálogo entre as personaxes. A narración ten unha estrutura lineal que transcorre durante as catro estacións.
Con respecto ás ilustracións, ao longo do álbum combinan planos xerais, americanos, medios e a detalle, nos que aparecen todas as personaxes. A maioría son ilustracións a toda páxina. A gama de cores é a mesma que a empregada na cuberta, na contracuberta e nas gardas. As ilustracións caracterízanse por ter cores moi vivas, para chamar a atención dos lectores. As expresións das personaxes son moi expresivas.

Posibilidades educativas: a lectura deste álbum ilustrado que reflicte as emocións, polo que resultaría interesante fomentar a identificación e xestión de sentimentos que poden experimentar os máis novos. Ademais, axuda tamén a comprender aos nenos e nenas que todos podemos ser fermosos se nos atopamos no lugar adecuado. Pode resultar un libro moi útil que nos axude para traballar o acoso escolar a través desta historia na que o patiño feo escapa da súa familia polas burlas que recibe. Con lecturas coma esta estamos contribuíndo a que cativos e cativas coñezan historias de superación que lles axudarán a se enfrontar aos seus propios medos e a fomentar a súa autoestima.

Recursos educativos:
Ademais este conto permítenos traballar diferentes estratexias de dramatización, como pode ser o teatro, os monicreques, as máscaras, etc. Son recursos educativos moi diversos que axúdanos a poder traballar diferentes potencialidades nas aulas, entre elas atopamos as seguintes:



martes, 28 de abril de 2020

Guapa

Canizales (2016). Guapa. Zaragoza: Apila Ediciones, [36 pp.]. (ISBN: 978-84-943476-6-5).





Descrición do formato da obra:álbum ilustrado cunha cuberta de cartoné, formado por 36 páxinas cunhas dimensións de 25x23 cm. Clasifícase como un conto orixinal de autor, narrativo, literario e texto monolingüe, xa que é unha historia orixinal con valores e contravalores. Na cuberta aparece unha grande ilustración da protagonista, mirándose ao espello, e neste, unha nova visión da bruxa protagonista. O título ocupa a parte superior da cuberta con letras grandes e brancas; debaixo atópase o nome do autor. O fondo da cuberta é de cor vermella, polo que o título e as ilustracións principais destacan no contraste das cores. Nas gardas, de cor vermella igual cá cuberta, aparecen debuxos da silueta da bruxa protagonista e dos demais personaxes do libro, adiantando aspectos do conto. Na páxina de título de créditos, ademais dos datos da edición tamén se recolle unha dedicatoria, mentres que na portada se repiten datos da cuberta cunha ilustración significativa da bruxa dentro do espello. Na contracuberta aparece unha breve descripción do contido da historia narrado pola bruxa, unha ilustración dun prato, referente ao menú das últimas páxinas e de novo o ISBN e código de barras.
As ilustracións son moi características, imaxes limpas e vistosas. Toda a historia transcorre nun mesmo nivel, marcado pola presenza constante do nivel do chan, que convida a querer saber a onde vai a bruxa. O texto atópase en ambos os lados das páxinas, e adquire maior tamaño a tipografía naquelas frases máis importantes.

Descrición do contido: neste volume nárrase a historia dunha bruxa, que ten unha cita cun ogro. Nun primeiro momento a bruxa está moi emocionada, prepárase e sae da súa casa moi contenta, pero de camiño vaise atopando con personaxes que lle fan cambiar a súa visión de si mesma e que a convidan a que a modifique. Ela déixase levar polos comentario alleos, e cando chega ao lugar da cita o ogro non a recoñece. A historia resólvese dunha maneira moi divertida, xa que a bruxa se da conta de que non debe facer caso aos comentarios alleos e prepara un novo menú para a súa nova cita co ogro, co que se vinga dos demais personaxes.


Potencialidades educativas: con este álbum trabállase o amor propio, a seguridade nun mesmo e a capacidade de ignorar os comentarios negativos. A lectura desta historia permite traballar a sensibilidade cara ás opinións alleas sobre o corpo ou a imaxe, a influencia que exerce sobre as persoas e a necesidade de fraguar personalidades fortes e pouco manipulables. Esta problemática acentúase en etapas como a adolescencia, aínda que o sentido crítico se debe traballar xa dende a primeira infancia.

Recursos educativos:

domingo, 12 de abril de 2020

¡No quiero el cabello rizado!



Ellen Anderson, Laura (2017). ¡No quiero el cabello rizado!, ilust. da autora, Barcelona: Picarona Editorial, col. Picarona, [32 pp.]. (ISBN 13: 978-84-16648-94-8).`




Descrición do formato da obra e do contido: álbum ilustrado da autora Laura Ellen Anderson. Na súa cuberta temos debuxada unha nena e o seu cabelo rizado ocupa o plano central cun fondo azul. Na contracuberta temos un fondo azul e diferentes debuxos da nena cun breve texto. Nas gardas iniciais e finais temos debuxado en vertical de cores laranxas diferentes tipos de rizos. A portada ten un fondo branco e nela repítese a imaxe da cuberta e os datos da obra.
O álbum ten un fondo branco sobre o que se debuxa a nena e o seu cabelo revolto. Algunhas ilustracións ocupan toda a páxina, predominando o dinamismo e a sensación de que algún dos rizos queda enmarañado no lector ou lectora. O texto da obra aparece en diferentes fontes e tamaños, é rimado para chamar a atención do público. A nena protagonista, ten o cabelo de cor rubia, polo que predomina esa cor en case todo o álbum.
A historia trata sobre unha nena que ten o cabelo rizado e ela o quere liso e sedoso. Durante o libro trata por todos os xeitos, xunto cos seus amigos e amigas, de estirar os seus rizos pero non é capaz, estes sempre volven a enredarse. Un día apoiada nunha árbore escoita a outra nena queixarse do seu pelo liso e sedoso, pois ela quereríao rizo. As dúas nenas danse conta de que non sempre se ten o que se quere, pero que hai que aprender a quererse tal e coma un é, sabendo apreciar as cousas que nos fan diferentes. Grazas á diferenza dos seus cabelos as dúas fanse amigas e comezan a divertirse xuntas.

Potencialidades: ler cos máis pequenos esta obra permite reflexionar sobre unha realidade, que é a de que todos somos diferentes e únicos. A lectura visual evidencia a interculturalidade, tal como se pode observar nos debuxos dos amigos e amigas da protagonista, os cales presentan trazos de diferentes culturas de todo o mundo. Outra temática é a autoestima, a confianza en un mesmo e a necesidade de aceptarnos tal e como somos.

Recursos: na rede atópanse vídeos que narran o conto e mostran as imaxes, como se pode seguir en:

mércores, 8 de abril de 2020

Laia




FERNÁNDEZ, B (2018). Laia. Ilustr. Leandro Lamas. Betanzos: Baia Fernández de la Torre, 36 pp. (ISBN: 978-84-09-02013-3).

Descrición do formato e o contido: álbum ilustrado cunha cuberta dura e resistente, encadernación en cartoné. A súa forma é cadrada cunhas dimensión de 23x23. A súa cuberta amosa unha imaxe moi bonita, que na parte inferior asómase a metade da cara dunha nena pero con prolongacións asociadas a diferentes elementos da natureza: o final do seu pelo aparenta o azul do río; a parte superior, o cume dunha montaña da que semellan asomar dúas árbores cheas de paxaros. Sobre as árbores aparece o título en cor azul. Por outra parte, na última folla aparecen os datos correspondente á ficha bibliográfica do libro. Por último, na contracuberta, na parte superior amosa uns paxaros enriba dunha póla e na parte inferior aparecen unha ondas azuis. Entre estas dúas ilustracións aparecen dúas opinións sobre o libro.
As páxinas desta obra están cheas de cor grazas ás ilustracións realizadas con lapis e acuarela. Abundan paisaxes naturais e animais que chaman a atención dos nenos/as. A tipografía utilizada é sinxela, de cor negra e dun tamaño pequeno. Este álbum ilustrado contén gran cantidade de texto pero a linguaxe empregada é moi sinxela. Ademais mantén unha secuencia repetitiva cos distintos animais cos que se vai encontrando ao longo da historia.

Dende o punto de vista do contido: Laia é unha nena moi especial, leda e á cal lle encanta andar polo bosque e cantar cos paxaros. Ao longo das páxinas amósase como Laia se encontra con distintos paxaros atraídos polos seus cabelos en distintas tonalidades que van marchando e a deixan preocupada pensado que os aburre ou non gustan dela. Ao final da historia Laia reencóntrase cos tres paxaros, estes falan dunha mesma rapaza pero con distintas cores de cabelo, mais cando Laia aparece decátanse de que se trata da mesma rapaza pola súa ledicia e cantar. Laia cunha mensaxe final intenta transmitir que a pesar das dúbidas acerca dos pensamentos dos paxaros cara  a ela, foi capaz de ser feliz e facer moitas cousas emocionantes.

Potencialidades: esta lectura transmítenos como tema principal a aceptación propia. Laia aborda a necesidade de coñecerse e valorarse a un mesmo á marxe do que os demais poidan xulgar. Amosa tamén a importancia de valorar elementos e virtudes e non cuestións vinculadas á aparencia, fomentando así a interiorización de valores adecuados e importantes na infancia. Este álbum ilustrado aventúranos ao camiño da experiencia e a aprendizaxe como paso necesario para crecer e ser nós mesmos.

  Recursos:

Nicolás, R (2018). Laia de Baia Fernández e Leandro Lamas [Mensaxe dun blog] Caderno de crítica. Recuperado de https://cadernodacritica.wordpress.com/2018/08/24/laia-de-baia-fernandez-de-la-torre-e-leandro-lamas/

martes, 7 de abril de 2020

Todos menos uno.



Battut, Éric (2011). Todos menos uno, Barcelona: Editorial libros del zorro rojo. [32 pp.]. (ISBN 13: 978-84-92412-84-6).


Descrición do formato e do contido: Todos menos uno é un álbum ilustrado de ÉricBatutt, cuxos temas principais son a aceptación dun mesmo e a diversidade. Non é fácil ser distinto debido ás críticas, pero conseguir ser feliz é posible. Este libro axuda a que os lectores perciban as críticas e discriminacións que reciben certas persoas por non ser iguais á maioría. Cada persoa debe aceptarse tal e como é, valorándose a si mesmo/a.
Desde o punto de vista formal, trátase dun libro de tapa dura, con formato cadrado 28x23 cm. Na cuberta pódese ver o título da obra, o nome do autor e a imaxe dun chícharo agarrando unha pluma moi grande, utilizando cores moi verdosas. A contracuberta é de cor verde tamén.
Desde o punto de vista do contido, este libro presenta a historia dun chícharo que quere ser diferente ao resto dos que vivían con el na súa casula, entón un día decidiu saltar dela. Percorreu varios lugares coñecendo outros animais. O chícharo ía fixándose e elixindo o que máis lle gustaba de cada animal para así sentirse ben consigo mesmo, por exemplo, ao pavo real arrancoulle unha pluma, pintouse da cor do tigre...., aspectos que se adiantan na cuberta do álbum.
Un tempo máis tarde volveu ao casulo cos compañeiros e todos se sorprenderon nun principio, aínda que despois ríanse e burlábanse del. Isto levou ao protagonista a cavar un burato na terra e agocharse nel, ata que tempo despois floreceu unha nova planta chea de chícharos felices e diferentes.
O texto conta cun narrador heterodiexético, o cal presenta ao protagonista, introduce o conflito e pecha a historia, de estrutura recorrente, con encadeamentos. O protagonista destaca pola súa sinxeleza e humildade. Utilízanse frasescurtas e as ilustracións achegan novos conceptos, por exemplo, nomes de animais, obxectos, os propios animais. As ilustracións aparecen en páxinas separadas, agás unha que ocupa a dobre páxina. Están realizadas sobre fondos brancos, nos que se van incorporando cores novas gradualmente.

Potencialidades educativas: Este álbum é recomendable para traballar con nenos/as para que vexan a importancia que ten a diversidade e a aceptación de un mesmo para ser feliz. Debemos respectar aos demais por moi distintos que sexan, os seus gustos, a súa vestimenta, as súas preferencias, é dicir, as súas decisións. É un libro que inspira a que cada persoa elixa o seu propio camiño en cada momento da súa vida. Dende pequenos dámoslle verdadeira importancia ao que pensan os demais de nós, con este libro podemos reflexionar acerca da importancia que lles damos a esas opinións e da maneira que inflúen sobre nós. Tamén se pode falar da integración, debido a que o chícharo estaba integrado cos demais pero el non se sentía a gusto, o que pode pasar perfectamente con alumnos/as nunha aula de educación infantil.

Recursos educativos
Carlos, J (2011). Soñando cuentos: http://sonandocuentos.blogspot.com/2011/04/todos-menos-uno.html
Opinión de JudithMilligan (Equipo boolino) acerca do libro: https://www.youtube.com/watch?v=EkpBDMvZpek
Versión apoiada por imaxes da obra: https://www.youtube.com/watch?v=jJ7dSgeXLyY
Versión apoiada por imaxes da obra: https://www.youtube.com/watch?v=FnohWGEg5_M
Versión apoiada por imaxes da obra: https://www.youtube.com/watch?v=EOb8EIa2Jg0


luns, 30 de marzo de 2020

Grisela

Vires, Anke de (2017). Grisela, ilust. Willemien Min, Pontevedra: Kalandraka Editora, col. Libros para soñar, [32pp.]. (ISBN: 978-84-8464-284-8).

Breve descrición do formato e contido: esta obra é un álbum ilustrado encadernado en cartoné cunhas dimensións de 22x22cm. Na cuberta destaca a protagnista do conto, que ten un pincel na man e un cubo de pintura ao seu lado. A súa roupa está tinguida de manchas de varias cores e estase a mirar nun espello, detalles todos eles que axudan a anticipar a historia. Aínda que a protagonista ocupa case toda a cuberta, na parte superior aparece o título da obra con letras grandes e de cor gris. Na contracuberta vemos nun recuncho da parte inferior a protagonista, cunhas raias no seu corpo e con expresión triste, mentres que no vértice superior se ven a dúas xoaniñas voando. As gardas presentan unicamente cor vermella e na portada aparece o título de cor gris na parte superior e Grisela, a protagonista, tamén de cor gris cun pincel na man e rodeada de cubos de diferentes cores e debuxos. No interior, as ilustracións a dobre páxina son rechamantes, de grandes dimensións e en tons escuros, con formas similares a círculos, raias, con flores etc., que axudan a chamar máis a atención dos debuxos. Este conto relata a historia dunha ratiña chamada Grisela que un día se sentiu tan triste como a cor da súa pel, que era de cor gris, entón decidiu pintarse de cores para verse mellor, pero o resto de animais burlábanse dela, ata que se meteu na auga e volveu quedar de cor gris. Cando o outro rato quixo xogar con ela decatouse de que por ser de cor gris non tiña que estar triste nin avergoñada, polo que se sentiu a ratiña máis feliz do mundo por ser como era.
Potencialidades educativas: A través da lectura deste conto podemos traballar varios aspectos como a autoestima e a aceptación dun mesmo. Temos que facerlles ver os nenos e neas que non podemos deixarnos influenciar polos demais. Hai que fomentar a empatía como fai o outro rato con Grisela. Tamén a importancia que ten a amizade e o amor a un mesmo e os demais, sen importar a forma xeral de cada un de nós.
Recursos de interese:
Lectura do conto en https://www.youtube.com/watch?v=LdCM5c4Rcl4 (25/03/20)
Entre nubes especiales. Blog no que nos fala un pouco do libro e como o coñeceron os seus nenos e nenas da clase e unha actividade a realizar http://entrenubesespeciales.blogspot.com/2017/04/grisela-de-anke-de-vries-e-ilustrado.html (26/03/20)


sábado, 29 de abril de 2017

PETRA

BANSCH, Helga (2007), Petra, trad. Eva Mejuto, Pontevedra: OQO Editora, col. O, (+ de 4 anos), [ 34 pp.] (ISBN: 978-84-9871-002-1).


Breve descrición e contido da obra: libro ilustrado en galego, de formato case cadrado (25x23 cm), e con cubertas de cartón duro. A cuberta mostra o título da obra, o nome da autora e unha ilustración da protagonista da historia, a elefanta Petra, cunha cinta métrica e unhas pesas, o cal nos pode dar unha pista do contido da obra. Na contracuberta aparecen outros personaxes que forman parte da historia. Tamén presenta gardas no inicio e no final do conto, de cor laranxa e con pequenos debuxos de insectos. Cada páxina do conto se compón de texto e ilustracións de moitas cores que acompañan, complementan e enriquecen a historia. Nelas aparecen todos os personaxes que conforman o relato, todos eles animais salvaxes, representados nunhas ilustracións marabillosas.
O contido inclúe un narrador que vai contando a historia de Petra e os diálogos dos distintos personaxes que interveñen nela. Petra é unha elefanta que non acepta a súa imaxe persoal, a pesar de ser a normal dun animal da súa especie, e intenta por tódolos medios cambiala. Ao final se deixa levar polos seus sentimentos e consegue ser feliz tal e como é.


Potencialidades: trata un dos temas, a gordura, tan de moda nas sociedades actuais. A autora pretende darlle unha volta á situación na que se encontra o personaxe principal, Petra, acomplexada polo seu aspecto físico; e intenta, a través de diferentes vivencias e o abandono do seu fogar, potenciar a súa seguridade, a súa autoestima e seu autoconcepto. Estes conceptos, son moi interesantes e parte do currículo na Educación Infantil , polo cal, este libro resúltame de gran interese, cunha gran potencialidade para traballar na aula. Os nenos e nenas, cada vez, dende máis pequenos, intentan imitar “modelos” que pouco se corresponden coa realidade, pero que gozan de certo atractivo para eles. Podemos facerlles ver que todos somos diferentes, cada un coas nosas propias características físicas e personais, pero que o importante é sentirse ben cun mesmo e desfrutar do que a vida nos regala cada día. Os nenos e nenas coa lectura ou escoita activa do conto, poden sacar as súas propias conclusións sobre o tema e o podemos utilizar como punto de partida para empezar a inculcarlles certos valores de respecto ás diferenzas, igualdade, aceptación e confianza nun mesmo. “Para ser único, hai que ser diferente”.

xoves, 13 de abril de 2017

Orellas de bolboreta

 Luisa Agiar ,(2007),Orejas de mariposa,ilus.André Neves Sevilla:Kalandraka,col.Contos para soñar[32pp] ISBN:9788496388727




Breve descrición do formato e contido da obra:  Libro ilustrado, de pouco volume,con forma cadrada (20x20cm).Consta dunha cuberta e contracuberta. Na cuberta ,preséntasenos a unha rapaza de cabelos rizos mirando unha bolboreta de cor azul,ao seu  fondo, aparecen unhas flores  cun cartel co nome da editorial do libro.O título aparece no centro, e a autora e o ilustrador no encabezado, a man esquerda. Postumamente,ao abrir o libro, vemos unhas gardas onde se nos amosa un debuxo dun banco nunha noite estrelada ,pasando a grosa folla atopamonos coa  portada onde aparece un debuxo dunhas casas antigas ,coloreadas  con cores moi apagadas,e abaixo as referencias do libro.Acto seguido vemos a narración do conto e a súa beira  as  ilustracións da protagonista,a cal se enmarca en cores tristes e apagadas para transmitirlle un maior sentimento de tenrrura ao seu lector,xunto cos pesonaxes secundarios:Os compañeiros de clase,e a súa nai.   Unha vez dito isto,podemos falar de que a historia xira a redor de Mara,é unha rapaz soñadora e alegre pero ao problema que ten é que os seus compañeiros de escola metense con ela,primeiro dinlle que é unha orellotas e tan disgustada do que lle dixeron decide volta a casa e preguntarlle a súa nai se é verdade que ten orellas grandes pero a resposta de súa nai e que ela ten orellas de mariposa que revolotean na súa cabeza e pintan de cores as cousas feas,logo os nenos metense con ela polo seu pelo pero ela respóndelle  que o seu pelo é como o céspede recén cortado,despóis metense coa súa forma de vestir dicíndolle que leva un mantel pero ante iso ela respóndelle que é para xogar o axedrez,logo van a seguir co calcetín que está roto ,cos zapatos vellos , cos libros vellos,o ruxir das tripas,coa súa altura e logo retorna o principio onde lle volven a repetir que é unha orellotas é que non o negue e ela di que nono vai negar pero que a fin de contas non lle importa porque se acepta así mesma tal e como é. 

 Potencialidades: é un libro que nos trata de ensinar a non meternos cos demáis polo seu aspecto físico(cando se burlan de Mara polas súas orellas grandes,o seu pelo rizado,e a súa gran altura ),a súa forma de vestir(a falda,os calcetíns,os zapatos),o uso de obxetos usados(o libro) e o ruxir das súas tripas .Ademáis diso, destaca a forza de vontade por superar as adversidades dunha forma positiva(cando Mara lle responde a cada unha das súas burlas de forma positiva e imaxinativa ) ,a alta autoestima,a capacidade de ver o lado positivo das cousas,a imaxinación (orellas de bolboreta,pelo como ocespede recén cortado,a saia como un mantel para xogar o axedrez,o calcetín roto como un dedo xoguetón,os zapatos vellos que son zapatos viaxeiros,os libro en mal estado que responde que mil mans o teñen acariciado,o ruxir das súas tripas como unha orquesta sinfónica,coa súa altura di que se se pon de puntillas pode acariñar a lúa )a ser independente e non deixarse manipular polos demáis,a aceptarse así mesmo,por último decir que é un libro circular xa que retorna o punto de partida onde todo empezou ,nesto observámolo porque no comezo dinlle a Mara -orellotas- e ela responde con que son orellas de bolboreta mentres que, no final vólvenlle a dicir o mesmo, soamente que, desta vez ela recoñece que si que é unha orellotas pero que lle da igual.