sábado, 29 de abril de 2017

PETRA

BANSCH, Helga (2007), Petra, trad. Eva Mejuto, Pontevedra: OQO Editora, col. O, (+ de 4 anos), [ 34 pp.] (ISBN: 978-84-9871-002-1).


Breve descrición e contido da obra: libro ilustrado en galego, de formato case cadrado (25x23 cm), e con cubertas de cartón duro. A cuberta mostra o título da obra, o nome da autora e unha ilustración da protagonista da historia, a elefanta Petra, cunha cinta métrica e unhas pesas, o cal nos pode dar unha pista do contido da obra. Na contracuberta aparecen outros personaxes que forman parte da historia. Tamén presenta gardas no inicio e no final do conto, de cor laranxa e con pequenos debuxos de insectos. Cada páxina do conto se compón de texto e ilustracións de moitas cores que acompañan, complementan e enriquecen a historia. Nelas aparecen todos os personaxes que conforman o relato, todos eles animais salvaxes, representados nunhas ilustracións marabillosas.
O contido inclúe un narrador que vai contando a historia de Petra e os diálogos dos distintos personaxes que interveñen nela. Petra é unha elefanta que non acepta a súa imaxe persoal, a pesar de ser a normal dun animal da súa especie, e intenta por tódolos medios cambiala. Ao final se deixa levar polos seus sentimentos e consegue ser feliz tal e como é.


Potencialidades: trata un dos temas, a gordura, tan de moda nas sociedades actuais. A autora pretende darlle unha volta á situación na que se encontra o personaxe principal, Petra, acomplexada polo seu aspecto físico; e intenta, a través de diferentes vivencias e o abandono do seu fogar, potenciar a súa seguridade, a súa autoestima e seu autoconcepto. Estes conceptos, son moi interesantes e parte do currículo na Educación Infantil , polo cal, este libro resúltame de gran interese, cunha gran potencialidade para traballar na aula. Os nenos e nenas, cada vez, dende máis pequenos, intentan imitar “modelos” que pouco se corresponden coa realidade, pero que gozan de certo atractivo para eles. Podemos facerlles ver que todos somos diferentes, cada un coas nosas propias características físicas e personais, pero que o importante é sentirse ben cun mesmo e desfrutar do que a vida nos regala cada día. Os nenos e nenas coa lectura ou escoita activa do conto, poden sacar as súas propias conclusións sobre o tema e o podemos utilizar como punto de partida para empezar a inculcarlles certos valores de respecto ás diferenzas, igualdade, aceptación e confianza nun mesmo. “Para ser único, hai que ser diferente”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario