domingo, 30 de abril de 2017

AMELIA QUERE UN CAN


Bowley, Tim (2008), Amelia quere un can, ilust. André Neves, trad. Isa Pita e Silvia Pérez, Pontevedra: Kalandraka, col. Demademora, (de 3 a 8 anos) [36 pp.] (ISBN 978-84-8464-649-5).



Descrición de formato e contido: volume de formato medio (22 x 22cm) de tapas de cartón. É  un conto artístico cun toque humorístico. As ilustracións son preciosas e non estereotipadas. Cada unha delas ocupa dúas páxinas polo que o texto correspondente colócase sobre a ilustración integrándose á perfección sen que afecte á estética. O texto componse de párrafos breves e frases moi sinxelas  que fan que sexa moi rápido de ler. Ademais esta estrutura fai que os nenos/as poidan seguir a historia a través das ilustracións polo que se aínda non saben ler, as ilustracións facilitan que, despois de ser lido por unha persoa adulta, os nenos/as poidan redescubrir a historia autonomamente.

Este fantástico conto relata a conversa que mantén Amelia co seu pai acerca do seu desexo de ter un can, desexo que ao seu pai non lle fai moita gracia, mais Amelia lonxe de conformarse pon en práctica todo o seu enxeño e creatividade para convencelo propoñéndolle todo tipo de animais que van desde unha aguia, un cabalo, un elefante, e incluso unha balea, defendendo cada proposta dun xeito moi tenaz, a pesar do disparatado de cada unha  delas. Ao final o seu pai en vista do que Amelia lle propón, opta polo máis sinxelo que resulta ser o que Amelia pedía ao principio.

Potencialidades: Tanto os roles das personaxes como a situación reflectida neste conto resultan cercanos aos infantes: que neno ou nena destas idades non tivo o desexo de conseguir algo e os seus maiores negáronllo ou puxéronllo difícil de acadalo? O argumento é familiar para os nenos, xa que tanto o interese infantil polas mascotas como a cabezonería de loitar continuamente por algún obxectivo é propio destas idades. Polo tanto este conto permite realizar debates sobre como tratan os nenos/as de conseguir o que desexan  así como reflexionar sobre os métodos utilizados para acadar eses obxectivos facendo fincapé na diferencia entre ser tenaz e ser cabezota.
A actitude negativa do pai neste conto é unha oportunidade para desenvolver a imaxinación, a creatividade e a astucia de Amelia que son aspectos importantes que os/as nenos/as deben desenvolver. Por isto este conto serve para desenvolver  o pensamento  diverxente buscando diferentes formas de resolver os problemas non soamente con esforzo senón aplicando a astucia e sobre todo a imaxinación e a creatividade.
O tema das mascotas é axeitado para estas idades xa que a partir dos 4-5 anos  comeza o interés infantil polas mascotas e en consecuencia hai que  fomentar e desenvolver  o valor da responsabilidade de ter un animal baixo o seu coidado.

1 comentario:

  1. Non podo deixar de mencionar en relación a este fermoso libro, a marabillosa canción infantil que Susa Herrera fixo de Amelia quere un can! Un regalo haber podido escoitala da sua propia boca, namentres tocaba o piano.

    ResponderEliminar