venres, 28 de abril de 2017

Oso atrapabolboretas

Isern, Susana (2012), Oso atrapabolboretas. Pontevedra:OQO editora, (+3 anos). [36 pp.] (ISBN: 978-84-9871-377-0).


Breve descrición do formato e contido da obra: É un álbum ilustrado, onde a través das ilustracións, informa o lector de moitas máis accións que o texto non narra.O paso do tempo pode lerse na follaxe que se volve vermella ou acaba por desaparecer en diferentes momentos da historia.
Existe tamén un paralelismo entre o espazo do lago —lugar no que fai vida Oso— e o do ceo —onde se recuperará da caída na auga— tanto pola cor cincenta como polo xogo da dobre páxina.
Un oso vivía no bosque e o que  máis lle gustaba era andar de paseo e coleccionar cousas que atopaba nas árbores.Un día apareceu un ganapán no alto dunha rama.—Que podería facer con isto?As aparencias enganan. Ao contrario do que poida parecer,usa o ganapán para salvar bolboretas cando caen ao lago e o seu grande nariz para que se sequen rápido e poidan volver mover as ás.
Potencialidades.
É unha historia sobre a bondade, onde a inclinación natural do protagonista cara ao ben é indiscutible: protexe dun modo admirable as bolboretas por iniciativa propia e sen esperar nada a cambio.Tamén trata sobre a amizade que nace entre Oso e a enorme bolboreta, Branca, quen o acabará rescatando non só do lago senón tamén da súa soidade.
Busca facilitar que o lector se identifique co protagonista mostrándonos aos animais humanizados.
As bolboretas neste conto son, para Oso, unha especie de tesouro inaccesible. Por iso é polo que a ilustradora mantén unha distancia nos encadramentos e non xoga con primeiros planos sobre elas.
En cambio, o tratamento visual da bolboreta grande, Branca, é diferente, enxalza o seu protagonismo entre todas as demais e outórgalle maior expresividade ao xogar coas súas ás, debuxarlle ollos...
De igual forma, xogou coa acumulación progresiva dos obxectos que colecciona Oso para ofrecer unha narración paralela á historia. Así, antes de atopar a bolboreta grande, aparecen amontoados na súa barca “como unha especie de barricada que protexe a súa soidade”. Finalmente, acaban atopando o seu lugar e a súa funcionalidade cando Branca entra na súa vida, como lle ocorre a Oso cando o ganapán aparece na súa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario