venres, 28 de abril de 2017

OSITO Y SU ABUELO

Gray, Nigel (1999), Osito y su abuelo, ilust. Vanessa Cabban, trad. Carlota Rubies, Barcelona: Timun Mas, (a partir de 3 anos), [32 pp.] (ISBN: 84-480-1630-0).


Breve descrición do formato e contido da obra: Trátase dun álbum ilustrado, encadernado con tapa dura, cun formato rectangular, con láminas non moi finas e de pouco volume. 

Na cuberta, na parte superior cara a dereita, aparece o título do conto. Debaixo deste, o nome do autor e da ilustradora. Podemos ver unha imaxe característica da obra na que saen os dous protagonistas. Na parte inferior aparece a editorial. Na contracuberta, na parte superior aparece unha sinopse da obra. Podemos apreciar que a cuberta e contracuberta compleméntanse dando lugar a unha única imaxe.


O conto ten 32 páxinas nas que o texto é sinxelo e non é abundante. O estilo das ilustracións son imaxes con cores cálidas que fan que nos sintamos inmersos na obra. A súa vez, transmítennos tenrura e fan que non se perda o fío da historia. 




O libro narra a historia de "Osito" e o seu avó, con quen pasaba todas as tardes dos venres. Os dous merendaban xuntos e ao rematar achegábanse á casa da árbore dende onde contemplaban a paisaxe e onde o avó lle contaba historias ao pequeno oso. Un día inesperado, o avó atopouse moi débil e díxolle que non podían saír da casa. Días despois disto, "Osito" tivo que ir a visitalo ao hospital. Pediulle que lle contara algunha historia pero o seu avó díxolle que esta vez lle tocaba a el xa que non se atopaba en condicións de facelo. Unha vez que rematou, "Osito" chamouno pero este non contestou. A súa nai explicoulle que quedara durmido e que non ía volver espertar.

Potencialidades: Neste conto trátanse temas tales como o amor e a morte. Grazas a el podemos explicarlle aos máis cativos a perda dalgún familiar ou coñecido xa que é un tema que hai que tratar con delicadeza pero a súa vez con total naturalidade. Ademais, fala da relación que hai entre os avós e os nenos/as, do importante que é pasar tempo con eles. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario