sábado, 29 de abril de 2017

¿Quién se esconde?

Dexet, Hector (2015), ¿Quién se esconde?, ilust. Hector Dexet, Trad. Luis Font, Barcelona: Patio Editorial, col. Libros para jugar (+3 meses) [36 pp.] (ISBN: 978-16429-42-4).
Breve descrición do formato e contido da obra: Conto Infantil que podemos clasificar como  álbum ilustrado interactivo ou libro-xogo, xa que te involucra na busca de determinados elementos entre os debuxos, a través de distintos ocos, coñecendo o que agocha  a seguinte páxina. 
Presenta un formato rectangular de volume medio. As tapas son de cartón, encadernado en cartoné e  de cantos redondeados. A cuberta está formada por unha cerdeira e varias cereixas con ollos debuxados, que invita a descubrir como o propio título indica, na parte superior da árbore, ¿Quién se esconde?, formando parte desta.  Debaixo do título aparece en pequeno, o nome do autor, Hector Dexet, e o nome da editorial na parte inferior dereita.  Na contracuberta aparece o mesmo fondo branco que na portada  e un paxariño que quere comer unha cereixa (máis non todo é o que parece). Invita de novo a participar coa frase “¿Jugamos al escondite?”,  tamén mostra datos como o nome do autor, editorial, ISBN, etc.  Tanto a cuberta e a contracuberta forman parte da historia. As páxinas mostran pequenos ocos e xogan con estes, para que, ao pasar a páxina vexamos o que está agochado. Estas presentan continuidade dunha páxina a outra. Formúlase unha pregunta, como por exemplo “¿Quién sale por la noche?”e na páxina seguinte obtemos unha resposta: “!los murciélagos!”. A estrutura é repetitiva, xa que o interlocutor sempre ten que responder a mesma pregunta, aínda que trate distintos temas.


Neste outro exemplo, invita ao interlocutor a  facerse a pregunta “¿quién se esconde?”, o cal contéstalle “miau... soy un león muy peligroso”, pero en realidade ao pasar a páxina descubrimos que é un gato. 




As ilustracións presentan trazos redondeados en moitas das imaxes e cores rechamantes. Caracterízase polo contraste entre as cores, para chamar a atención dos máis pequenos. O texto atópase indistintamente tanto nas páxinas pares coma nas impares, en cor negra ou branca para resaltar nos distintos fondos que nos presenta o álbum.  Predomina a imaxe sobre este e contén preguntas e onomatopeas que favorecen a interacción.
A obra presenta distintos protagonistas, polo xeral animais (paxaros, morcegos, coellos, un polbo, un gato, un rato, un crocodilo, unha formiga etc.), tamén aparecen uns simpáticos seres doutro mundo e unha mamá cun bonito agasallo,  baixo diferentes aparencias, agochados ou agochando algo.
O asunto é coñecer aquilo que se agocha baixo a seguinte páxina, utilizando a nosa imaxinación e o que vemos a través dos ocos.

Potencialidades: é moi importante a interacción de forma activa  entre os nenos co recurso, que axuda a buscar a resposta á pregunta, entre os ocos, creando ese misterio de pasar á páxina seguinte e coñecer o que agocha. O título é  importante para interpretar o sentido do álbum. Invita a investigar e favorece a curiosidade dos máis pequenos.
A partir das imaxes que rodean os distintos ocos, dános pé a interpretar e a imaxinar o que pode suceder nas páxinas seguintes, traballando así a imaxinación.
Por outra banda, non todo é o que parece, as cereixas da portada son en realidade os ollos dos paxaros, parte dun corpo dunha bolboreta, ata dun alce; o que parece un león é en realidade un gato…, ensina que non debemos fiarnos das primeiras impresións.
Podemos xogar cos nenos a facerlle preguntas e que contesten antes de pasar  a páxina, para ver á súa sorpresa e se era a resposta esperada.
A última páxina posibilita aos nenos, a través de dous ocos, poñer os seus ollos e xogar co recurso adiviñando que compañeiro/a pode estar detrás deses ocos. Ademais convida ao neno a que xogue ás agachadas e forme parte do álbum.
As cores tan rechamantes favorecen a atención dos máis pequenos. Motivándoos a  poñer a man nas diferentes imaxes ou utilizando o dedo e repasando os diferentes trazos. 








Ningún comentario:

Publicar un comentario