venres, 28 de abril de 2017

O SOLDADIÑO DE CHUMBO

O SOLDADIÑO DE CHUMBO
GRUPO EDITORIAL GARCÍA S.A. de C.V MÉXICO (1999). El soldadito de plomo. Colección Tesoro Infantil. San Sebastián, España: Ediciones Saldaña S.A. [22 p.] (I.S.B.N. 84-7297-140-6). 

Breve descrición do formato contido  da obra: Atopámonos ante un libro de tapa dura, de cor azul e tamaño máis ben pequeno. Tal e como se ve na primeira imaxe, a cuberta está formada polos títulos dos contos que hai no seu interior, e un debuxo, ovalado e con decoración de flores arredor, das personaxes que nos imos encontrar en cada historia: os tres porquiños, a casiña de chocolate, a carapuchiña vermella e o soldadiño de chumbo. Ao abrir a dura cuberta, atopámonos cas gardas, que son de cor azul e teñen debuxadas as siluetas das personaxes de cor branca, pero estas forman parte de outro libro da colección tesouro infantil, xa que algúns dos que hai non son as personaxes das historias que este libro trae. Na primeira páxina comeza a primeira historia do libro, a carapuchiña vermella. Vamos pasando historias ata que chegamos ao soldadiño de chumbo, que é a segunda obra que segue á carapuchiña. A historia combina imaxes e texto en cada páxina, de maneira que o texto unhas veces atópase enriba da imaxe e outras debaixo. Ao final de cada conto deste libro, sempre aparecen os protagonistas nunha escena na que se resolveu a situación problema, rodeada de flores en círculo. O conto clásico narra a historia dun neno que, no seu aniversario, recibe unha caixa con vinte e cinco soldadiños de chumbo. Un deles ten só unha perna. Cerca do soldadiño hai unha fermosa bailarina de papel. Ela, coma el, tense soamente sobre unha soa perna, e o soldadiño namórase dela. Pero á media noite outro xoguete, un trasno nunha caixa sorpresa, prohíbelle ao soldadiño que mire á bailarina. O soldadiño non fai caso, pero ao día seguinte, por causa do trasno, cae pola fiestra e vai parar á rúa. Alí, tras chover un anaco, dous nenos o atopan e o fan navegar nun barquiño de papel, enviándoo rúa abaixo ata ser arrastrado a un sumidoiro escuro. O soldadiño naufraga ata o mar, e un peixe de gran tamaño engóleo. O peixe é capturado pola familia do mesmo neno rico dono do soldadiño, e este vese de novo xunto á bailarina. Os dous se observan sen falar, ata que o trasno volta a saltar sobre o soldadiño e o tira á cheminea. Ao seu carón, cae suavemente a bailarina. Os dous, namorados, consómense no lume. Ao día seguinte, a serventa atopa un anaco de chumbo nas cinsas. 


Potencialidades: O soldadiño de chumbo ten algo que o fai especial e diferente ao resto dos soldadiños: fáltalle unha perna. Este defecto físico non lle impide namorarse da bailarina pero, á vez, este mesmo defecto faille ser rexeitado e tirado. Neste feito, vexo unha crítica ao rexeitamento que sofren aqueles individuos que son distintos por algún defecto ou característica física; este libro podería ensinar aos máis cativos a importancia da superación das adversidades, que sempre podes avanzar na vida (como namorarse e ser correspondido) a pesar dos contratempos que te poidas atopar. Este conto ten un final tráxico, pero tamén feliz porque os namorados volven a encontrarse a pesar de caer no fogo finalmente. Ademais, a animación do xoguete fai que os lectores se identifiquen con el e rexeiten calquera comportamento que lle provoque tristeza, como a maldade do trasno da caixa de sorpresas, que non quere que o soldadiño sexa feliz coa súa bailarina. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario