domingo, 30 de abril de 2017

Adiós ríos, adiós fontes

De Castro, Rosalía (2005). Adiós ríos, adiós fontes, ilust. Rodrigo Chao, A Coruña: Baía Edicións [30 pp.] (ISBN: 84-96526-21-6).


Descrición do formato e o contido: o presente volume trátase dun álbum ilustrado que contén un dos poemas máis coñecidos da poetisa Rosalía de Castro. Tratándose dun libro dirixido á infancia ten un tamaño pequeno para que os nenos e nenas poidan manipulalo ao seu antollo. Neste libro as ilustracións cobran unha enorme importancia posto que aluden de forma visual a todo canto nos conta o texto. Cabe destacar que nas páxinas situadas á esquerda as imaxes están en branco e negro e estas son as que conteñen o texto, mentres que as páxinas da dereita son de cor e ningunha delas ten escrita. Debemos dicir tamén que as páxinas en branco e negro reflicten o presente, o que o texto menta, non obstante as ilustracións a toda cor inspiran o que está por vir. Ao longo de todo o libro podemos observar un personaxe recorrente, un meniño louro que está a piques de emprender unha viaxe deixando atrás a súa terra: Galicia. Como deberiamos saber o que transmite este poema é o arraigo á terra e a morriña que se sente ao ter que abandonala.




Potencialidades: considero que, neste caso, as potencialidades están moi claras, podemos introducir aos máis pequenos na literatura galega traballando con este poema de Rosalía de Castro. Tamén sería posible, a través deste libro, traballar outros poemas desta mesma autoría. Ao tratarse de poesía podemos ir introducindo a nenos e nenas no concepto de rima tratando de buscar novas palabras que riman coas que temos no texto. Ademais, considero que este volume é perfecto para que os nenos entendan moito mellor a poesía a través das imaxes e que comecen a experimentar con ela. Outra posibilidade sería a de coñecer e analizar como mudaron algunhas das palabras da obra ao seren normartivizadas, deste xeito observaremos como cambian.

Ningún comentario:

Publicar un comentario