Gayoso,
Xulio (2006), A Banda de VILACENDOI, Pontevedra:
Kalandraka, (+3 anos). [48
pp.]
(ISBN: 978-84-8464-583-5).
Breve
descrición do formato e contido da obra: Álbum
ilustrado encadernado de tapa dura e grosa, de forma cadrada. A cuberta
presenta un fondo granate que continúa na contracuberta e móstranos algunha
pista do contido do conto: músicos tocando diferentes instrumentos e algún
animal mesturado entre eles. O título, situado no centro dun gran bombo que se
atopa na parte inferior do libro, mostra letras da mesma fonte. Xusto enriba do
título, na parte superior do bombo, atópase o nome do autor e debaixo, na parte
inferior do bombo, o nome da editorial. No interior, o texto está tanto nas
páxinas pares como nas impares. Trátase dunha narración sobre a historia dun
pobo e a súa banda de música. As ilustracións son de gran colorido e formas
sinuosas, empregando tanto cores escuras como cores vivas. Predominan as imaxes
da figura humana, animais e a paisaxe.
O contido trata sobre un pobo chamado
Vilacendoi, cheo de xente e de actividade, no que existía unha banda que envolvía
cada recuncho desta pequena aldea, pero o despoboamento acabou co bulicio das
noites e dos días de festa. As casas ficaron baleiras e todo comezou a
esmorecer, xa que só quedaban as persoas máis maiores, que estaban tristes e
cheas de nostalxia. Pero a chegada de novos veciños de diferente cultura e
etnia colmaron, novamente, de futuro e esperanza esta pequena aldea tan
especial.
Potencialidades:
Vilacendoi non é un nome ficticio. Este pobo existe e está
situado a poucos quilómetros de Lugo, a beira do río Miño. Esta pequen aldea
está formada por un reducido grupo de casas campesiñas, típicas da comarca, nas
que predomina a lousa como elemento construtivo. En moitas desas vivendas pode
que aínda se garden os instrumentos da banda de música local, que tamén
existiu.
As xeracións actuais de adultos non chegaron a
desfrutar dela, pero oíron falar aos anciáns da súa boa fama. O autor e
ilustrador desta obra, que é de orixe lucense, considera “un milagre” que unha
banda de música de dimensións e recursos limitados chegara a brillar naquel
tempo, de aí a homenaxe que lle brinda con esta obra. Nela recorre aos seus
recordos da infancia, aos ecos da voz de quen foron testemuñas de memorables
noites de verbena daquela banda. O seu relato é unha especie de crónica rural,
a medio camiño entre o verosímil e o inverosímil.
A lectura desta historia permite descubrir
elementos do estilo de vida no campo, a diversidade de animais domésticos, a
beleza da paisaxe. Chega a describir incluso os seus tempo difíciles, nos que a
despoboación e o envellecemento da poboación fan temer polo futuro de
Vilacendoi. Esta situación é moi próxima a actualidade, xa que moitos pobos
están desaparecendo por estes mesmos motivos. Pero, en Vilacendoi, eses temores
disípanse coa chegada de xente nova, persoas de diferente cultura e etnia, uns novos
habitantes que converten a Vilacendoi nun grato exemplo de integración social e
racial.
Desta maneira, con este conto podemos traballar
cos nenos nas aulas cuestións relacionadas coa emigración e a inmigración e sobre
a integración social e racial de todas as persoas e a súa aceptación, pois
trátanse de temas moi presentes non nosos días; sobre a música, a variedade de
instrumentos musicais e os seus sons correspondentes e os animais domésticos
dos pobos como as vacas, porcos, galiñas, etc.
Ningún comentario:
Publicar un comentario