sábado, 29 de abril de 2017

O TEMPO VOA

Mésseder, João Pedro (2009), O tempo voa, ilust. Gémeo Luís, Pontevedra: Kalandraka, (+3 anos). [36 pp.] (ISBN: 978-84-8464-726-3)


Breve descrición do formato e contido da obra: Álbum ilustrado encadernado con tapa dura e grosa, de forma cadrada. A cuberta presenta un fondo granate e a contracuberta un fondo dourado. Ambas presentan unhas formas que contrastan coas cores de fondo, as cales nos mostran algunha pista sobre o contido do conto: na cuberta aparece un reloxo en forma de avioneta cunha persoa colgada e na contracuberta aparece un espertador cunha persoa dentro intentando cambiar as agullas do mesmo. O título, situado no centro da parte superior, mostra letras da mesma fonte. Xusto debaixo do título situase o debuxo da cuberta e no lado esquerdo deste está o nome do autor e ao dereito o do ilustrador. Na parte inferior, no centro, está o nome da editorial. No interior o texto atópase sempre nas páxinas impares, cunha narración rimada con divertidos versos en forma de diálogo. Ademais, resalta todos os conceptos relacionados co tempo, como son os meses, os días, as semanas, as horas, os minutos, os segundos e mesmo a palabra tempo. As ilustracións son elaboradas siluetas de papel recortado cuxas formas contrastan co color do fondo: as manecillas dos reloxos adquiren vida propia e mimetízanse en sorprendentes obxectos. Estas imaxes aportan un gran dinamismo a historia.

O contido trata sobre o tempo e o rápido que avanza. O narrador, que se trata dun neno, formula preguntas como: cantos meses ten un ano?, cantos días ten un mes?, cantas semanas ten o mes?, cantos días, a semana?, cantas horas ten o día?..., e respóndelle cunha firme contestación. El sempre pide máis, pero reclámallos para poder xogar e xogar, viaxar, desfrutar, descansar, soñar... para facer o que realmente desexa, porque sabe que o tempo voa que voa, e pasa fugaz, e pasa veloz.


Potencialidades: O tempo voa recibiu unha mención especial do xurado no I Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados. O tempo é a materia prima da que estamos feitos: segundos, minutos, horas, días, semanas, meses, anos... Este libro ofrécenos outra mirada alternativa sobre esa medida e danos a coñecer outra clave de reloxos: “eses onde nunca se sabe que hora é”. Acostumados a preguntar a hora, este álbum suxire o oposto: preguntar que hora non é.

Os divertidos versos desta historia rimada son unha invitación a reflexionar sobre as présas que invaden o noso ritmo de vida diario. Na nosa cultura ser lento é sinónimo de ser torpe ou inútil. Imponse a rapidez, a impaciencia, a aceleración e a inmediatez. Consideramos o tempo como un ben escaso e, como tal, moi valorado. No noso contexto actual invádenos a rapidez, as actividades do día a día supérannos e desbórdannos. Atopámonos gobernados polos reloxos, coa sensación de que cada vez corremos máis e curiosamente, cada vez temos menos tempo. Por este motivo, esta narración convídanos a reflexionar sobre o curta que é a vida e apreciar o pouco tempo que temos. Invítanos a botar o freo, parar e saborear o momento, e, por suposto, buscar tempo para as cousas que realmente valen a pena na vida.

Con este conto os nenos aprenderán o tempo e a súa medida como son as horas, os minutos, os segundos, os días, os meses... Tamén podemos estimulalos para que razoen sobre o modo de vida contemporáneo, propoñéndolles preguntas para saber que pensan sobre isto, que farían eles ante estas situacións e como as trocarían.





Ningún comentario:

Publicar un comentario