venres, 28 de abril de 2017

POLO CAMIÑO

Ruíz, Mariana (2017), Polo camiño, trad. Xosé Ballesteros, Pontevedra: Kalandraka Editora, (pre-lectores e primeiros lectores), [26pp.] (ISBN: 978-84-8464-297-8).



Breve descrición do formato e contido da obra: Estamos a falar dun álbum ilustrado escrito en verso con rimas. É de cartón, encadernado en cartoné, presenta un formato cadrado de 19x19 cm., os cantos son redondeados e non é moi voluminoso.

A cuberta está formada por unha gran balea de cor negra moi sorrinte cun sombreiro festivo, o que nos da unha pista do que atoparemos no interior. Sobre o animal atópase o nome da autora e ilustradora e o nome do álbum-poema no que cada letra é dunha cor diferente. Todo isto, sobre un fondo amarelo. En cuanto á contraportada, é de cor morada e nela vese plasmada unha dedicatoria da autora e os datos do álbum. No interior da obra resaltan as cores rechamantes e vivas. As ilustracións son a toda páxina, é dicir, a primeira ten continuidade na segunda, a terceira na cuarta e así sucesivamente ata chegar ao final. Nas ilustracións predomina a expresividade dos animais e o dinamismo. O texto atópase tanto nas páxinas pares coma nas impares, indistintamente. Iso si, sempre en cor negra ou branca para que resalte nos fondos.

A obra está protagonizada por distintos animais (elefantes, monos, osos, ratiños, leóns,  poliños, tenreiras, gatiños, raposos, e bechiños) que teñen algo en común, todos eles e elas se dirixen ao mesmo lugar, á festa do décimo aniversario da balea. Ademais, todas e todos levan algún alimento para comer nesta festa. Os animais camiñan bailando ao ritmo dos versos octosílabos, marcando unha progresión numérica do 1 ao 10. Mamá elefanta vai coa súa elefantiña. Mamá mona cos seus DOUS macacos. Mamá osa cos seus TRES osos. E así sucesivamente ata chegar a 10. Unha vez rematada a festa, regresan aos seus fogares para descansar.


Potencialidades: Paréceme unha obra idónea para traballar diversos aspectos:

O primeiro deles é a poesía. A autora, coa súa composición, quixo acercar, aos máis pequenos/as, ó ritmo e á musicalidade. Esta obra esperta a curiosidade pola poesía. Tamén pode cantarse en lugar de lerse xa que ao rimar é moito máis sinxelo cantalo.


No álbum Polo camiño trabállanse os números. Coa progresión que se vai facendo no álbum, as nenas e nenos entrarán en contacto cos números do 1 ao 10. Ademais farano dunha forma lúdica xa que, ao ser poesía, todos os números van rimando. Ademais, aparece o número escrito en letras maiúsculas e a representación do número en animais polo que lles resultará máis sinxelo asocialos.

Outro tema a tratar son os animais e a familia. Ao longo da obra aparecen once especies diferentes e identifícanse con moitísima facilidade. De este xeito as nenas e nenos afianzarán coñecementos de animais que xa posuían e construirán outros que descoñecían.

A obra de Mariana Ruíz Johnson tamén contribúe ó coñecemento de distintos alimentos, neste caso todos asociados aos animais que os levan cara á festa. Así, os elefantes levan cacahuetes, as tenreiras herba, os poliños millo, os osos mel... As pequenas e pequenos realizarán asociacións entre os alimentos e os animais que os portan mergullándose un pouco máis nas características de cada un deles.

Por outro lado, poderíase traballar, tamén, cos rapaces e rapazas, o tema das emocións, xa que na obra todos os animais teñen unha expresión e non todos teñen a mesma. Poderían analizar como van facendo o camiño cada un deles e despois falar das diferentes emocións que existen.

Tamén se traballa o valor da amizade, xa que tódolos animaliños recorren o camiño para pasar o día coa súa amiga balea que está de aniversario.

Por último, esta obra favorece á memorización, xa que ó longo da historia vanse mencionando distintos animais que ao final aparecen todos xuntos na festa. As nenas e nenos quererán comprobar se están todos ou falta algún e para iso terán que lembrar todos os que eran.

Ningún comentario:

Publicar un comentario