León,
Martín (2011), A viaxe de Olaf.
Pontevedra: Kalandraka, (+3 anos). [48
pp.]
(ISBN: 978-84-8464-769-0).
Breve descrición
do formato e contido da obra: Álbum ilustrado encadernado
con tapa dura e grosa, de forma cadrada. A cuberta presenta un fondo branco que
continúa na contracuberta e móstranos algún indicio do contido do conto: o
protagonista da historia mesturado con todos os animais fantásticos que o
acompañarán nesta bonita historia. O título, situado na parte superior a
dereita, mostra letras da mesma fonte, pero cambia o tamaño e a cor das mesmas:
“A viaxe de” aparece cun tamaño máis pequeno e de cor marrón, mentres que “Olaf”
aparece máis grande e de cor negro. Xusto debaixo do título atópase o nome do
autor. Na parte inferior dereita está nome da editorial. No interior, o texto
está tanto nas páxinas pares como nas impares. O autor emprega frases cortas e
o diálogo. Ademais, resalta algunhas palabras sobre outras, empregando unha
letra de maior tamaño, como os nomes dos personaxes que aparecen na historia. As
ilustracións son de formas xeométricas, dotadas de movemento e dinamismo, e
integradas como pezas dun complexo crebacabezas faunístico. Destacan pola
profusión de colorido e pola harmonía coa que o autor combina gamas cromáticas.
En canto a estrutura, trátase dun relato acumulativo de estrutura repetitiva e
circular.
O contido expón a historia, a través do día e
da noite, sobre un personaxe chamado Olaf que vive nun planeta moi pequeno e
nunha casa moi grande. Farto da súa soidade emprende un camiño iniciático. Nesta
viaxe atópase con diversos animais fantásticos, de inspiración mítica e valor
simbólico, aos que invita a unirse a el. Estes vanlle facendo compaña e
conformando un grupo heteroxéneo e compacto: o peixe que tiña a cola do revés,
o cabalo alado, o tigre arco da vella, o elefante elegante e o paxaro que sabía
falar.
Potencialidades:
A
viaxe de Olaf trátase dunha obra distinguida co IV
Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. É un libro que intenta
mostrar ao lector o valor da amizade e da xenerosidade, o importante que
resulta para as persoas. Ademais resalta o valor de intentar coñecer a xente
que nos rodea, de comunicarnos, compartir momentos con eles, etc.
Olaf vivía nunha casa moi grande, na soidade e na
tristeza e nun planeta moi pequeno. Isto motívao a emprender o seu camiño en
busca de amigos que o acompañen. Este invítaos a ir con el de maneira
desinteresade e buscando afecto persoal e puro. Finalmente, a súa casa xa non
lle resulta grande, xa que coa presenza dos seus amigos convértese nunha casa
pequeniña, pero acolledora, chea de amor, xenerosidade e amizade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario