Amosando publicacións coa etiqueta estereotipos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta estereotipos. Amosar todas as publicacións

mércores, 13 de maio de 2020

Monstruo rosa



Dios Ruiz, Olga (2013), Monstruo rosa, ilust. da autora, Zaragoza: Apila Ediciones, [36 pp.]. (ISBN: 978-84-939736-4-3).


Descrición do formato e contido: álbum ilustrado de Olga Dios Ruiz. O seu formato é cadrado con cubertas de tapa dura e de cor branco. Na cuberta vemos o título da obra escrito en letras maiúsculas e cor rosa, coas “o” do título completamente coloreadas no seu interior, o nome da autora en cor rosa tamén e un debuxo dun monstro rosa sorrindo e sostendo nunha man un edificio moito máis pequeno ca el. No chan podemos observar unhas pequenas gafas, que podemos supoñer que son de alguén que vive no edificio que sostén o monstro, e na parte superior esquerda podemos ver un arco da vella. Na contracuberta aparece unha pequena aldea onde hai varias casas e árbores pequenas e brancas e fume que sae das chemineas das casas formando unha nube na parte superior, onde aparece un resumo da obra que se atopa no interior. Ademais aparece o nome da editorial, o código de barras e o ISBN. As gardas son de cor branca e na parte superior dereita aparece unha dedicatoria da autora cara ás persoas que algunha vez se sentiron como se sente o monstro rosa, diferente aos demais. Na portada vemos o título da obra en gran tamaño e o nome da autora, ambos en cor rosa e dentro dunha gran nube. Enriba da nube hai un arco da vella. Os debuxos que aparecen neste libro son a toda páxina e intégranse co texto.
O conto relata a historia dun monstro rosa que vivía nun lugar onde o fume das casas tapaban o ceo e que era moi diferente con respecto aos outro cidadáns. O monstro é rosa, grande e moi alegre e os demais son pequenos, brancos e máis serios. O monstro tampouco podía xogar coma os demais debido ao seu tamaño e tampouco podía durmir dentro da casa, xa que non cabía, polo que aínda que tentaba integrarse cos demais nunca o lograba. Un día decide marchar e buscar outro lugar onde vivir, e despois de moito viaxar, atopou un lugar onde si se vía o ceo e o arco da vella. Neste lugar atopou a moita xente diferente entre si; diferentes cores tamaños, formas, personalidades… Neste sitio, cada un tiña unha casa personalizada, onde todos podían descansar dentro. Neste lugar o monstro deixou de sentirse diferente aos demais.

Potencialidades: Coa lectura deste libro podemos mostrarlles aos nenos/as a relevancia e riqueza da diferenza, a oportunidade de ser unha fonte de coñecemento, ademais doutros valores como o de compartir, respectar a opinión e puntos de vista dos demais, a reflexión sobre os prexuízos e estereotipos para eliminalos.

Recursos: 
Cuéntame un cuento (2018). Cuentos infantiles: Monstruo Rosa libro infantil en español. Recuperado de: https://youtu.be/IYwK3UOrRPQ (consultado o 12/05/2020).
Dios Ruiz, O. (2013). Olga De Dios. Recuperado de: https://olgadedios.es/obra/monstruo-rosa/ (consultado o 12/05/2020).

venres, 1 de maio de 2020

Carlota e o Príncipe azul



Pillado, Ana (2008). Carlota e o príncipe azul, Pontevedra: A Nosa Terra, (6-8 anos), 

Descrición do formato: álbum ilustrado de cartoné creado por Ana Pillado (A Coruña, 1971). Pertence á colección “Lila Lilaina” e está escrito en lingua galega. Conta con 24 páxinas que propician unha lectura convencional. A cuberta e a contracuberta forman un debuxo único, conformado por unha paisaxe na que unha nena está esvarando felizmente por un escorregadoiro. Ademais está tirando unha coroa, algo revelador da historia. Neste panorama, tamén aparecen tres bolboretas realistas. As cores empregadas son vivas e alegres, mesturando frías con cálidas. A cuberta contén o título, o nome da autora e da editorial. 
Nas gardas do principio atopamos un ton liso xunto con datos da ficha bibliográfica. A cor é lila, algo simbólico relacionado co feminismo. Unha manifestación desta reivindicación máis clara atopámola na garda da dereita, na que dúas nenas están suxeitando un cartel co símbolo da igualdade. Estas meniñas son Carlota e Lila, coprotagonistas. A segunda é a estrela da colección de libros, compartindo con eles nome e simbolismo (Lila-Lila Lilaina-cor-feminismo). Nesta páxina tamén atopamos datos do conto, como o título, a autora, a editorial e a colección á que pertencen. Algo curioso é que ambas van con vestidos en tons rosados, o que semella contradicirse coa mensaxe. Nas gardas da contracuberta atopamos a Lila alzando o cartel novamente. O fondo está tinxido cun amarelo cálido. Ao carón atopamos unha actividade na que Carlota está no alto dun castelo e as nenas e nenos deben axudala a recuperar a chave para poder saír. Na parte inferior desa mesma páxina advírtennos: “Non escribas neste libro. Fotocopia esta folla e xoga”, ofrecendo así un recurso lúdico á vez que fomenta o coidado dos libros. O texto do conto está escrito en letras minúsculas non excesivamente grandes e de cor lila. A gama cromática empregada garda relación coas cubertas, sendo viva e luminosa. 

Contido: O título, Carlota e o príncipe azul, pódemos levar a pensar en calquera situación na que poidan interactuar estas dúas figuras. Tal vez evoque aos contos tradicionais onde os roles estaban completamente definidos e delimitados, pero non é o caso. Este álbum dálle unha volta e presenta un paradigma moi diferente. Con respecto ao contido do libro, podemos afirmar que mostra a historia dunha nena contaminada cos estereotipos de xénero e grazas a outra consegue pasar de estar aburrida esperando ao seu príncipe, a desfrutar de si mesma e cos demais. O texto conta cun narrador en terceira persoa, que introduce o diálogo e fai algunha aclaración sobre o movemento que fan as personaxes. Atopámonos con dúas protagonistas: Lila e Carlota. A primeira é a redentora e a segunda a redimida. Ambas manteñen un diálogo no que resolven o conflito inicial. A narración ten unha estrutura lineal. 
Con respecto ás ilustracións, ao longo do álbum combinan planos xerais, americanos, medios e a detalle, nos que aparecen todas as personaxes. A maioría son ilustracións a toda páxina. A gama de cores é a mesma que a empregada na cuberta, na contracuberta e nas gardas. Ademais das protagonistas da historia tamén aparecen representados diferentes pensamentos destas, como o príncipe azul tomando o sol, por exemplo. Trátase dunha lectura visual complementaria ao texto, que é de carácter realista. As ilustracións caracterízanse por ter un estilo naïf. Tamén combina algúns elementos realistas en forma de colaxe como reloxos, sillóns, estampados da roupa, xoguetes, a herba…  As expresións das personaxes son pouco expresivas, exceptuando a escena na que Carlota se redime e tira a coroa. Nese momento teñen unha faciana alegre. En xeral, os rostros teñen unha forma redondeada, transmitindo dozura. En canto á simboloxía, predominan elementos que acenan cara á perspectiva feminista, incidindo en comportamentos igualitarios, como por exemplo, o pai de Lila levándoa ao parque, nenos e nenas visten con diferentes cores e prendas, a cor lila é a máis destacada…

Posibilidades educativas: coa lectura deste álbum propíciase a reflexión sobre o cuestionamento dos contos tradicionais, onde existe unha princesa que espera ociosamente a chegada do seu amado e, por conseguinte, quen a salve. Normalmente estas figuras no seu tempo de espera, semellan non facer nada. Algúns contos din que as princesas poden facer moitas cousas, pero este vai máis alá, abandonando a monarquía. O feito de que sexa unha nena normal e non unha princesa fai que a figura se achegue máis ao alumnado. A figura de princesa é algo inalcanzable. Por unha banda podemos deixar que as súas imaxinacións voen e que sexan o que elas e eles queiran, pero… ata que punto é bo que a súa referencia sexa un monarca? Certo é que nos contos podemos representar a reis bos e malos, pero na realidade isto non é así. Polo tanto, podemos traballar a toma de consciencia sobre os estereotipos de xénero para erradicar condutas sexistas, incidir nunha socialización máis igualitaria e respectuosa, na sororidade e a solidariedade como valores predominantes.


Cuando las niñas vuelan alto




Díaz Reguera, Raquel (2017). Cuando las niñas vuelan alto, Barcelona: Lumen (4-8 anos).

Descrición do formato: álbum ilustrado de Raquel Díaz Reguera (Sevilla, 1974) escrito en lingua castelá, cuxa lectura é convencional. Ten 48 páxinas e fabricouse en cartoné. A cuberta presenta a tres nenas vestidas con prendas de diferentes cores, vivas e luminosas. Cada unha porta diferentes obxectos, o que leva a pensar que realizan actividades diversas. De esquerda a dereita, a primeira toca un violín, a do medio ten unha avioneta no alto da cabeza e vai caracterizada como unha piloto e a terceira ten un libro na man que está espallando letras e un paxaro no pelo, elemento que podería simbolizar a imaxinación. Cada unha representa un mundo diferente: o da música, o da literatura e o da aventura. O feito de que sexan tres leva a pensar na simboloxía que ten este número na tradición contística europea, onde moitas obras empregan este mesmo elemento, caso de Os tres porquiños ou Os tres desexos. Están sobre un chan con matices ocres, escasa vexetación e un fondo branco cun tenue estampado de puntos. Tamén atopamos o título, o nome da autora, da editorial e un adhesivo que nos informa de que é a 6º edición, acompañada dunha frase: “Las alas de las niñas no se ven, pero te harán volar muy alto”. A contracuberta está caracterizada por unha cor azul suave que representa o ceo. Nel están as tres rapazas sobrevoándoo nunha avioneta, cada unha coas súas calidades, como na cuberta. Debaixo delas aparece un fragmento da obra, o seu resumo e a editorial. Nas gardas, tanto iniciais coma finais, atopamos unha ilustración de moitas ás de bolboreta xuntas, de diversas cores, todas moi vivas, o que está adiantando o contido do libro. O animal seleccionado para ilustrar e acompañar este álbum é a bolboreta, xa que esta simboliza a liberdade e é considerado belo e “bo” pola sociedade. Na portada repítense os datos da cuberta e unhas ilustracións de ás do animal anteriormente nomeado e un paxaro. Á esquerda atopamos os datos bibliográficos sobre unha cor lisa e clara tamén. O texto do conto está en minúsculas. As verbas importantes ou destacables, aparecen en maiúsculas ou nun maior tamaño. As cores empregadas son da mesma gama que as da cuberta e contracuberta.

Contido: O título de Cuando las niñas vuelan alto pódenos levar a pensar na imaxinación e nos soños que teñen as nenas. Está relacionado co contido do texto. Primeiro presenta a tres nenas (Adriana, Jimena e Martina) con cadanseu soño. Despois contrapón a un señor chamado SIQUIERESPUEDES, que é o que tece as súas ás. É curioso que a autora reflectise nun home a figura redentora. Tal vez lle quixese dar o sentido de “aliado” feminista. As figuras dos antagonistas representan as dificultades e barreiras invisíbeis que sufrimos as mulleres. Estes son: DON NOLOCONSEGUIRÁS, SR. REFLEJOS, Señor-ITA, SRA. BELLEZAEXTERIOR e SR. DESIGUALDAD. O que fan estas personaxes é colocar pedras nas posesións das nenas para que non poidan voar. Estas pasan por unha crise pero ao liberarse das rochas, voan outra vez ben alto, alcanzando así os seus soños. 
A historia cóntaa un narrador heterodiexético, xa que presenta aos personaxes, introduce o conflito e pecha a historia. Tamén hai diálogos entre as personaxes. Estes reflicten como se senten as mozas e como van mudando o seu parecer. Carece de saltos no tempo, polo tanto posúe unha arquitectura textual lineal. O texto ten comparacións (ex: “ligera como una pluma”) e metáforas. A máis destacable é a das pedras. Estas representan todos os prexuízos e estereotipos que sofren as mulleres, que fan que nos vaiamos ancorando. Fan xogos de palabras, especialmente significativas en casos como o do responsable de coser as ás sexa das rapazas, SIQUIERESPUEDES.
As ilustracións constan de diferentes tipos de perspectivas: plano xeral, medio curto, enteiro e detalle, nos que aparecen todas as personaxes. A gama de cores é similar á da cuberta, sendo estes tons vivos e luminosos, menos os dos antagonistas. Eles e elas están representados cunha vestimenta negra e a pel azul, violeta e verde (coma as de bruxas, ogros ou outros monstros). Atopamos entón unha dualización, asimilando as cores brancas ao bo e as escuras ao malo. Ademais, os corpos destes son bicudos, carecen de formas redondeadas. Isto transmite rudeza e frialdade. Os antagonistas tamén teñen ás, pero estas pertencen a animais peor vistos pola sociedade, como son o morcego e a libélula. A lectura das ilustracións achéganos imaxes simbólicas, como a das protagonistas reflectidas distorsionadamente no espello, a aparición de animais ou obxectos que evocan a liberdade (paxaros, bolboretas, avionetas, nave espacial de marcianos…). As expresións faciais non son moi representativas, non se observan con claridade os seus sentimentos. Tamén hai debuxos a dobre páxina e outros que non e algúns que transmiten movemento, coma o das nenas correndo. 

Potencialidades educativas: a lectura deste conto é moi útil para traballar o empoderamento feminino, a superación das barreiras patriarcais, a abolición dos estereotipos de xénero, a idea social de desigualdade e beleza exterior, a autoimaxe, o autoconcepto e incluso a sororidade. Salientan todos estas temáticas polo enfoque de contraposición e perspectiva dicotómica:  bo-claro, malo-escuro, que tamén pode ser cuestionado.

mércores, 29 de abril de 2020

A princesa Sabela


Ficha bibliográfica
FUNKE, Cornelia (1997). A Princesa Sabela, Ilust. Kerstin Meyer, trad. Mª Xesus Bello Rivas. Vigo: Edicións Xerais Galicia.[ 32 pp.]. (ISBN: 978-84-9914-212-8). 
Descrición do formato e contido: Álbum ilustrado narrativo con texto orixinal en alemán de Cornelia Funke, traducido ao galego por María Xesus Bello Rivas e ilustrado por Kerstin Meyer. A súa encadernación é de cartón. A cuberta presenta á princesa Sabela feliz, as súas irmáns asombradas, ao rei enfadado por algo e a algúns traballadores da corte do rei. Na contracuberta presenta a sinopse da historia con Sabela triste mirando a lúa e un porquiño sorprendido. As gardas son sinxelas posto que son raiadas cunhas coroas no medio. As ilustracións son moi coloridas, cuns trazos rechamantes e detallados. A historia é maiormente dialogada, aínda que en ocasións intervén un narrador heterodiexético, o cal explica pequenos detalles que acontecen na obra.
En canto ao contido, transcorre nun castelo, nunha época distante, na cal se nos narra a historia de Sabela, unha das tres fillas do rei. Sabela, leva a vida de calquera princesa, viste con fermosos vestidos e coroa e fanlle todo canto ela queira. Pero Sabela non está contenta coa súa vida, Abúrrese sendo princesa! Polo que tira coa súa coroa e o pai castígaa facendo as tarefas do castelo, dándolle de comer aos porcos, facendo o xantar, fregando a louza, por fin Sabela é feliz e descobre moitas cousas que non coñecía, por exemplo como se fai a marmelada e moitas outras cousas. O rei enfádase moito con Sabela, pois non quere que ande tan desastrada, pero finalmente acaba entendendo que a felicidade da súa pequena Sabela é descubrir cousas novas.
Potencialidades educativas: A lectura desta obra permite traballar temáticas como os roles de xénero, os arquetipos literarios das princesas e o seu cuestionamento, ao ofrecer unha subversión dos roles atribuídos a estes personaxes e actualizalos.
Recursos educativos:
Experiencia con Contacontos no CEIP Lamas de Abade http://bibliotecalamas2.blogspot.com/2012/03/princesa-sabela.html (consultado o 22/4/20)

A derradeira Cincenta


Ficha bibliográfica
MATHIEU, Renada (1992). A derradeira cincenta. Ilust. Francesc Salvá. Vigo: Ir Indo Edicións, col. O Parrulo, [26 pp.]. (ISBN 84-7680-094-0).
Descrición do formato e do contido: Libro ilustrado con texto de Renada Mathieu e ilustracións de Francesc Salvá. A súa encadernación é de cartón. Na cuberta presenta a súa protagonista facendo algunhas tarefas do fogar. A contracuberta non é significativa da historia, senón que presenta un cadro con todas as obras literarias incluídas na colección “O Parrulo”. As gardas son completamente brancas sen ningunha imaxe. As ilustracións son moi sinxelas e con formas algo irregulares.
En canto ao contido xira arredor de Iria, a pequena de seis irmáns. Na historia Iria conta como día a día ten que facer todas as tarefas do fogar e mais coidar de todo aquilo relacionado cos seus irmáns: limpar os zapatos de Pepe, facerlle os deberes a Paulo, pasar o ferro as camisas, preparar o almorzo, saír a comprar o periódico etc. Todo isto ata que un día Iria cansa e todo comeza a cambiar.
A obra ten un narrador en primeira persoa, xa que e a propia protagonista a que vai narrando o transcurso da historia.
Potencialidades educativas: Con esta obra da literatura infantil pódese traballar os estereotipos relacionados cos roles de xénero dende o punto de vista dunha nena, encargada de coidar e facer todo a seus irmáns. O seu relato serve para reivindicar a necesidade dun reparto equitativo e equilibrado das tarefas no seu do fogar. Iria representa a experiencia de moitas xeracións de mulleres, educadas na responsabilidade e coidado dos outros dende moi pequenas. Coñecer estas historias permite analizar con ollada crítica a realidade e cuestionarnos sobre as actitudes, os usos e costumes máis arraigados na sociedade tradicional. Coñecer é o primeiro paso para erradicar e con lecturas coma esta podemos facer que os nenos interioricen dende idades temperás que os labores do fogar non son propios dunha muller, senón que todos e todas temos que colaborar neles.

venres, 24 de abril de 2020

El libro secreto de las princesas que también se tiran pedos



Brenman, Ilan (2017). El libro secreto de las princesas que también se tiran pedos, ilust. ZilbermanIonit, Valencia: Algar, [ 32 pp.]. ( ISBN: 978-84-9142-053-8).

Descrición do formato e contido: álbum ilustrado do autor Ilan Brenman. O libro presenta un formato de tapa dura, encadernado en cartoné e cunha estrutura cadrada. Na cuberta atopamos unha ilustración a media páxina da protagonista da obra, Laura, botando man do elemento principal sobre o que transcorre a historia, un libro. A ilustración vén acompañada polo título da obra, o nome do autor, ilustrador e o grupo editorial. Na contracuberta podemos ler unha pequena introdución sobre o contido da obra, acompañada dunha referencia non explícita doutra obra anterior e semellante, Las princesas también se tiran pedos. Nesta obra, Laura e o seu pai comparten unha experiencia íntima centrada na lectura. Agora Laura xa medrou e esta segunda obra desenvólvese como unha continuación da anteriormente citada. Por outra parte, tamén atopamos o grupo editorial e o código de barras. Finalmente no lombo aparece o título da obra e a editorial.
O conto está composto por un total de 32 páxinas numeradas. Ao introducirnos no libro atopamos a portada co título da obra enmarcado sobre unha ilustración, o nome do autor, o ilustrador e por último na parte inferior o grupo editorial. A continuación atopamos as gardas, dúas páxinas continuas nas que se recolle información sobre o libro como o ano de edición, autor, grupo editorial, ISBN, etc, acompañada dunha ilustración que se repite nas dúas páxinas, representando unha biblioteca. Tamén podemos ler unha pequena dedicatoria.
Cando comeza a historia observamos que as ilustracións se integran a toda páxina de forma continua. O texto acompáñaas cunha letra grande en cor negra, situándose en diversas partes e incluso a toda a páxina. As ilustracións caracterízanse por ser figurativas e moi vistosas polas súas dimensión e cores. O ilustrador fai unha alternancia entre cores vivas e apagadas como marrón ou beixe para diferenciar as dúas partes das que consta ahistoria.
O texto está escrito en castelán e a estrutura da narrativa non é lineal. Isto débese a que a historia principal integra dentro dela outras historias que van abrindo novas liñas argumentais e enriquecendo a historia central. Laura é unha cativa soñadora á que lle gusta a lectura. Cando chega á casa, despois da escola, diríxese á biblioteca para facer a dixestión da merenda. De súpeto algo lle chama a atención e bota man del:El libro secreto de las princesas. Ese título rodeouna de recordos que a fixeron indagar sobre esa lectura xa anteriormente explorada co seu pai. Cando pasou o dedo polo índice decatouse de que había capítulos que non coñecía, polo que comezou a ler. “Porque sempre hai viláns nos contos?”. A partir dese título comezan a desenvolverse tres contos clásicos dende unha perspectiva nunca contada: La bruja malvada del cuento Hansel y Gretel ,El gigante de Juanito y las habichuelas mágicas e La bruja de Rapunzel. Cando Laura se decata xa era noite e nin sequera fixera os deberes, a lectura mantivéraa absorta por completo.
En canto aos personaxes que interveñen na historia atopamos a Laura como personaxe principal, unha cativa interesada pola lectura dende que era pequena grazas ao seu pai. A nai tamén aparece como un segundo personaxe ao final da obra. A súa intervención é mediante un diálogo, onde chama a rapaza para ir cear despois de estar todo o día desaparecida. Tamén se fala do pai como un personaxe relevante pero que non interfire nesta parte da historia. Finalmente existe un amplo abano de personaxes das diferentes historias que se van intercalando e que configuran un retrato colectivo e anovado dos tres viláns dos contos clásicos.

Potencialidades: El libro secreto de las princesas que también se tiran pedos é un conto infantil que pretende cuestionar mitos e estereotipos inculcados a través de contos sobre princesas e viláns. Estas obras caracterízanse por ter personaxes que se describen como seres perfectos, inalcanzables ou malvados e sen corazón, movidos por sentimentos de envexa e rancor principalmente. A través desta lectura vemos que detrás de cada persoa se agocha unha historia que pode incidir tanto no noso desenvolvemento e personalidade, coma para condicionar a nosa conduta. O contido do libro é denso. Unha idade apropiada para traballar sobre el sería a partir de 5 anos e non como un conto con principio e fin senón que quizais se poderían ir repartindo as historias en diferentes días ou momentos. Outra perspectiva que lle podemos dar á historia é a capacidade que ten a lectura de levarnos a outros lugares como para perder a noción do tempo do mundo real no que vivimos, ademais de traballar sobre a necesidade de ver máis ala do que nos contan, indagar e buscar información noutrosrecursos.

Recursos: Desta obra non aparecen recursos en liña, pero si da que a precedeu, Las princesas también se tiran pedos, como:


ObradeTeatroCEIPRamónyCajal. WeblogCEIPRamonyCajal. (2018). Teatro 2º B «Lasprincesastambiénsetiranpedos», CEIP Ramony Cajal. Recuperado de: http://www3.gobiernodecanarias.org/medusa/edublogs/ceipramonycajal/2018/06/30/teatro-1o-b-las-princesas-tambien-se-tiran-pedos/. Visitado o 7 abril 2020.
 

Contacontos. Montero, B. (2016). Las Princesas También Se Tiran Pedos–CuentosInfantilesNoSexistas. Extraído de 


 https://www.youtube.com/watch?v=C1Bm7PJsE-4. Visitado o 7 de abril 2020.