Pillado, Ana (2008). Carlota
e o príncipe azul, Pontevedra: A Nosa Terra, (6-8 anos),
Descrición do formato: álbum ilustrado de cartoné
creado por Ana Pillado (A Coruña, 1971). Pertence á colección “Lila Lilaina” e
está escrito en lingua galega. Conta con 24 páxinas que propician unha lectura
convencional. A cuberta e a contracuberta forman un debuxo único, conformado
por unha paisaxe na que unha nena está esvarando felizmente por un
escorregadoiro. Ademais está tirando unha coroa, algo revelador da historia.
Neste panorama, tamén aparecen tres bolboretas realistas. As cores empregadas
son vivas e alegres, mesturando frías con cálidas. A cuberta contén o título, o
nome da autora e da editorial.
Nas gardas do principio
atopamos un ton liso xunto con datos da ficha bibliográfica. A cor é lila, algo
simbólico relacionado co feminismo. Unha manifestación desta reivindicación
máis clara atopámola na garda da dereita, na que dúas nenas están suxeitando un
cartel co símbolo da igualdade. Estas meniñas son Carlota e Lila, coprotagonistas.
A segunda é a estrela da colección de libros, compartindo con eles nome e
simbolismo (Lila-Lila Lilaina-cor-feminismo). Nesta páxina tamén atopamos datos
do conto, como o título, a autora, a editorial e a colección á que pertencen.
Algo curioso é que ambas van con vestidos en tons rosados, o que semella
contradicirse coa mensaxe. Nas gardas da contracuberta atopamos a Lila alzando
o cartel novamente. O fondo está tinxido cun amarelo cálido. Ao carón atopamos
unha actividade na que Carlota está no alto dun castelo e as nenas e nenos
deben axudala a recuperar a chave para poder saír. Na parte inferior desa mesma
páxina advírtennos: “Non escribas neste libro. Fotocopia esta folla e xoga”,
ofrecendo así un recurso lúdico á vez que fomenta o coidado dos libros. O texto
do conto está escrito en letras minúsculas non excesivamente grandes e de cor
lila. A gama cromática empregada garda relación coas cubertas, sendo viva e
luminosa.
Contido: O título, Carlota e o
príncipe azul, pódemos levar a pensar en calquera situación na que poidan
interactuar estas dúas figuras. Tal vez evoque aos contos tradicionais onde os
roles estaban completamente definidos e delimitados, pero non é o caso. Este
álbum dálle unha volta e presenta un paradigma moi diferente. Con respecto ao
contido do libro, podemos afirmar que mostra a historia dunha nena contaminada
cos estereotipos de xénero e grazas a outra consegue pasar de estar aburrida
esperando ao seu príncipe, a desfrutar de si mesma e cos demais. O texto conta
cun narrador en terceira persoa, que introduce o diálogo e fai algunha
aclaración sobre o movemento que fan as personaxes. Atopámonos con dúas
protagonistas: Lila e Carlota. A primeira é a redentora e a segunda a redimida.
Ambas manteñen un diálogo no que resolven o conflito inicial. A narración ten
unha estrutura lineal.
Con respecto ás
ilustracións, ao longo do álbum combinan planos xerais, americanos, medios e a
detalle, nos que aparecen todas as personaxes. A maioría son ilustracións a
toda páxina. A gama de cores é a mesma que a empregada na cuberta, na
contracuberta e nas gardas. Ademais das protagonistas da historia tamén
aparecen representados diferentes pensamentos destas, como o príncipe azul
tomando o sol, por exemplo. Trátase dunha lectura visual complementaria ao
texto, que é de carácter realista. As ilustracións caracterízanse por ter un
estilo naïf. Tamén combina algúns elementos realistas en forma de colaxe como
reloxos, sillóns, estampados da roupa, xoguetes, a herba… As expresións
das personaxes son pouco expresivas, exceptuando a escena na que Carlota se
redime e tira a coroa. Nese momento teñen unha faciana alegre. En xeral, os
rostros teñen unha forma redondeada, transmitindo dozura. En canto á
simboloxía, predominan elementos que acenan cara á perspectiva feminista,
incidindo en comportamentos igualitarios, como por exemplo, o pai de Lila
levándoa ao parque, nenos e nenas visten con diferentes cores e prendas, a cor
lila é a máis destacada…
Posibilidades educativas: coa lectura deste álbum
propíciase a reflexión sobre o cuestionamento dos contos tradicionais, onde
existe unha princesa que espera ociosamente a chegada do seu amado e, por
conseguinte, quen a salve. Normalmente estas figuras no seu tempo de espera,
semellan non facer nada. Algúns contos din que as princesas poden facer moitas
cousas, pero este vai máis alá, abandonando a monarquía. O feito de que
sexa unha nena normal e non unha princesa fai que a figura se achegue máis ao
alumnado. A figura de princesa é algo inalcanzable. Por unha banda podemos
deixar que as súas imaxinacións voen e que sexan o que elas e eles queiran,
pero… ata que punto é bo que a súa referencia sexa un monarca? Certo é que nos
contos podemos representar a reis bos e malos, pero na realidade isto non é
así. Polo tanto, podemos traballar a toma de consciencia sobre os estereotipos
de xénero para erradicar condutas sexistas, incidir nunha socialización máis
igualitaria e respectuosa, na sororidade e a solidariedade como valores
predominantes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario