Aguilar, Luisa (2007). Orellas de bolboreta, ilust. Neves André, trad. Manuela Rodríguez, Pontevedra: Kalandraka, col. Demademora, [12 pp.]. (ISBN: 978-84-8464-662-4).
Descrición do formato e contido: álbum ilustrado, con cubertas de cartoné e cunhas dimensións de 22x22cm. Na cuberta aparece unha nena, da que destaca a proporción da súa cabeza, fronte á pequenez do corpo. Tamén se observa un fondo con flores pequenas e unha bolboreta azul. Na portada repítense os datos da cuberta, como o título, o nome da autora, do ilustrador e da editorial. Na contracuberta segue o mesmo fondo que na cuberta, acompañado do nome da colección. No interior, as gardas contan cun fondo azul e un banco, ademais de verse bolboretas e as pernas de Mara voando porque o corpo parece estar sobresaíndo do conto. A dobre páxina de títulos de crédito e a portada compoñen un espazo no que se poden ver casas e grandes bolboretas cunha tonalidade case cristalina, ademais dos datos da obra.
As ilustración son sinxelas á vez que vistosas e amplían a información aportada polo texto. Destaca a expresividade das personaxes, que teñen unha gran carga emotiva. A estrutura do texto asenta na repetición, o que favorece que as crianzas poidan memorizala con facilidade. O texto ten diferente tipografía de letra, ao marcarse a énfase nalgúns termos sobre os que se queres chamar a atención.
O contido da historia asenta no diálogo entre Mara, a nena protagonista, e os diferentes personaxes que aparecen en escena. É un conto indicado para idades a partir de 4 anos.
Descrición do contido: este conto narra as burlas por parte dos cativos que padece Mara polo seu aspecto físico, aínda que a súa nai sempre lle di que as cousas non son como eles din, senón que debe ver a parte positiva e máis fantasiosa. Isto reforza a autoestima de Mara e cada vez que se meten con ela, contesta como ben sabe facelo, con imaxinación e habelencia.
Potencialidades: a lectura deste conto permite reflexionar sobre moitas realidades que existen entre as crianzas, como as discriminacións, os insultos, o acoso... O conto axuda aos nenos e nenas a empatizar coa protagonista, facéndolles pensar que o comportamento dos compañeiros de Mara non é correcto. Tamén axuda a recoñecer a importancia que é saber ter unha boa autoestima, a ser tolerantes e ver o lado positivo das cousas, saber que a xente pode pensar o que desexe, pero un é libre de decidir que non lle afecte. Esta obra tamén pon en valor a figura da nai, protectora e reforzadora dese carácter que axuda a Mara a manterse optimista cara a situacións denigrantes.
Recursos de interese:
@elbaulmagicoblog (2016, abril 25). Actividades del cuento. Recuperado de https://elbaulmagicoblog.wordpress.com/2016/04/25/orejas-de-mariposa/
(consultado o 21/04/2020).
Ningún comentario:
Publicar un comentario