Rius, Roser (1998). Polluelos, conejos y demás familia, Madrid: Ediciones SM, col. Pequeña Tina, [26 pp.]. (ISBN: 84-348-6286-7).
Descrición do formato e do contido: álbum ilustrado con tapas en rústica de papel e cunhas dimensións de 21x21 cm. Na cuberta podemos observar un fondo de cor vermella coa silueta de pitiños, ademais nun cadro podemos ver a protagonistas do conto sentada na herba abrazando a un coello e algunhas cenorias, tamén se pode ler o título do libro, o nome da colección á que pertence e os nomes da escritora e da editorial. Na contracuberta atopamos a mesma cor vermella coa silueta dos pitiños que había na cuberta, xunto cun breve resumo do conto e os demais títulos da colección. Xa no interior do libro podemos observar que tanto as gardas iniciais como as finais son iguais, de cor branca sen ningún debuxo. Na portada aparece o título do conto coa protagonista imitando a un poliño que ten entre as pernas e os nomes da autora e da editorial. As ilustracións son a unha soa páxina, moi vistosas e realistas con moitas cores para que os nenos se sintan atraídos cara a elas. O texto é breve e presenta unha soa tipoloxía de letra co mesmo tamaño, ademais aparece sempre colocado na parte superior da páxina esquerda. En canto ás ilustracións, están vinculadas co texto que aparece en cada páxina e reflicten a realidade do que se quere expresar. A historia está contada por un narrador en terceira persoa que se intercala con algúns diálogos da protagonista e o seu avo.
Dende o punto de vista do contido nárrase a historia de Tina, unha nena que vai pasar uns días cos seus avós á súa granxa. Un día o avó lévaa a ver os diferentes animais que hai na granxa e Tina vai descubrindo as distintas crías dos animais e onde vive cada un. Remata cando a avoa a vén buscar para ir comer.
Potencialidades: a lectura deste conto sérvenos para traballar os animais da granxa, as súas crías e o lugar onde viven cada un deles. Tamén nos permite traballar os números do 1 ao 5, xa que en cada páxina aparece un número acompañado de tantos animais como representa. Ademais, ao final deste libro podemos atopar un resumo do conto con pictogramas para facilitar a lectura dos nenos e nenas de maneira autónoma e unha serie de actividades para traballar cos nenos e nenas os números, o esquema corporal, a linguaxe que ten cada un dos animais da granxa e a imitación deste con caretas feitas polos propios nenos.
Recursos de Interese:
- Tia Ale. (2020, Abril 2). Polluelos conejos y demás familia [Arquivo de vídeo]. Recuperado de: https://www.youtube.com/watch?v=_S966yZyf9Y
Ningún comentario:
Publicar un comentario