martes, 12 de maio de 2020

O desexo do gato Klops



Padullés, Estefanía (2014). O desexo do gato Klops. A Coruña: Hércules de
Ediciones, 24 pp. (ISBN: 978-84-92715-78-7)

Descrición do formato: álbum ilustrado de Estefanía Padullés, cuxa cuberta amosa
un gato mirando cara ao ceo onde só hai unha estrela e un fondo de cores en tons
verdes, amarelos e azuis moi vivos e rechamantes. O título atópase xusto no centro,
formando unha curva entre a estrela e o gato. A contracuberta amosa de novo ao
protagonista, agora en tamaño máis grande e en forma de sombra de cores,
acompañado dunha breve sinopse do contido. As gardas iniciais e finais amosan un
fondo coas mesmas cores rechamantes, mentres que a portada recrea os datos da
cuberta pero sen fondo. Todas as páxinas están ilustradas cun deseño idéntico ao
fondo da cuberta e coas mesmas tonalidades. A tipografía empregada non varía ao
longo do libro, mantén unha letra de tamaño medio e distribúese nun parágrafo por
cada páxina.
O relato conta a historia dun gato chamado Klops que vive na casa dunha avoa. Un
día atopa unha estrela na cheminea e decide pedirlle o desexo de convertelo noutro
animal diferente. Klops pensará en ser un monstro, un rato, un paxaro, unha araña e
incluso unha princesa; pero a todos os desexos lle atopa problemas. El o que quere
é converterse nun animal que poida ser aloumiñado, que teña bastante comida, que
poida durmir onda o lume e que poida subir aos tellados. Por iso o seu desexo final
é seguir sendo un gato.

Cabe mencionar que en toda a historia se segue un fío similar cando Klops vai
modificando o seu desexo. Cada un deles ten unha vantaxe e un inconveniente e ao
pasar á seguinte opción resólvese o inconveniente do anterior. Así, por exemplo,
nun momento o gato pide ser unha princesa para poder durmir cómodo, pero a el
gústalle subir aos tellados e as princesas non poden facelo. Polo tanto para resolver
este inconveniente cambia o desexo a converterse nunha araña, que si pode trepar
ata os tellados máis altos.

Potencialidades: a lectura deste álbum ofrece a posibilidade de traballar nunha
aula o sentimento da autoaceptación dun mesmo, un valor ligado á autoestima. Os
nenos e nenas poderán identificarse co gato Klops para descubrir que cousas lles
gustan deles mesmos e que cambiarían, buscando vantaxes e inconvenientes,
potenciando así o pensamento reflexivo. Tamén se pode utilizar como recurso para
traballar cada unha das personaxes nas que se quere converter o protagonista, que
características teñen e como son por exemplo. Moitas delas proveñen da fantasía,
como os monstros, así que resultaría unha boa temática para traballala de forma
sinxela a través deste recurso, incluso cos nenos/as máis pequenos.

Traduccións: esta obra foi escrita orixinalmente en galego pero conta tamén cunha tradución ao castelán co título El deseo del gato Klops.

Ningún comentario:

Publicar un comentario