xoves, 14 de maio de 2020

4 Historias para manejar las emociones de Gatito



BOUQUET, Audrey (2019). 4 historias para manejar las emociones de Gatito, ilust. Fabien Öckto Lambert, trad. Oscar Osambela. Guipúzcoa: Ediciones Saldaña, (a partir de 3 años), [115 pp.]. (978-84-9120-556-2).


Descrición do formato: álbum ilustrado traducido ao castelán e cuxa primeira edición é de 2019. Está encadernado en cartoné con dimensións 23 x 23 cm. O formato presenta unha cuberta cun círculo con catro emocións sobre un fondo branco. Por enriba do círculo atópase o título da obra e por debaixo do mesmo atópase o gato protagonista, que tamén aparece nun lado do círculo. Na contracuberta, sobre un fondo vermello, aparecen diferentes gatos e paxaros, un breve resumo, o código de barras co ISBN e unha cita de Catherine Aliotta, sofróloga e pedagoga: “La sofrología es el método ideal para ayudar a grandes y pequeños a manejar sus emociones”.

As gardas son iguais, sobre un fondo verde aparecen debuxos moi pequenos relacionados cos gatos (espiñas, ratos e patas). Este álbum ilustrado contén unha páxina de dereitos e un índice, no cal aparece o nome das historias e as páxinas correspondentes. Na portada de cada historia aparece o título da mesma e unha ilustración significativa.

Descrición do contido: este álbum ilustrado aborda as emocións do gato protagonista en catro historias nas que salienta a perspectiva humorística, coa finalidade de proporcionarlles aos nenos e nenas formas efectivas para controlar as emocións mediante a sofroloxía, unha serie de técnicas de relaxación baseadas no ioga. Na primeira historia o gato está furioso e para solucionalo colle aire e expúlsao moi lentamente ata sentirme mellor; na segunda historia o gato é egoísta, séntese só porque non queren xogar con el e para solucionalo respira fondo e frota a súa barriga; na terceira historia o gato está namorado e séntese como nunha nube ata que se relaxa. Por último, na cuarta historia o gato está inquieto e non é capaz de durmir ata que conta as estrelas.

No relacionado coa lingua que se presenta, atópase o campo semántico da natureza, follas, árbores, dente de león...), das partes do corpo (ollos, boca, estómago...) e das accións (estirar, soprar, saltar...). O álbum tamén presenta onomatopeas.

As ilustracións: na maioría das páxinas do álbum, o texto aparece unicamente nunha delas, mentres que as ilustracións están a toda páxina, dándose nalgúns casos a división nas dúas páxinas correlativas.


Potencialidades: este álbum ilustrado, cunha linguaxe sinxela, é un bo instrumento para traballar as emocións e os sentimentos e así axudar aos nenos e nenas a recoñecelos tanto os sentidos, coma os que poidan experimentar os seus iguais. Ademais, ao traballar coa sofroloxía, exemplifica técnicas que os propios nenos e nenas poden realizar no seu día a día. Outro aspecto interesante da obra é a posibilidade de traballar as historias en diferentes momentos, ao ser catro historias independentes.


1 comentario:

  1. Paréceme unha obra moi interesante e completa! Non só para traballar as emocións, se non que tamén pode ser un recurso moi útil para potenciar a lectoescritura, relacionando as diferentes palabras que compoñen os campos semánticos mencionados cas súas respectivas palabras ou letras.

    ResponderEliminar